Eduardo Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Eduardo Seoane Díaz»)
Seoane
Información persoal
Nome Eduardo Seoane Díaz
Nacemento 25 de xaneiro de 1948
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 22 de xuño de 2022
Altura 186 centímetros
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Atlético San Pedro
Sin Querer
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1966–1970 Fabril 85 (0)
1966–1967 Ordes
1970–1976 Deportivo da Coruña 117 (0)
1976–1977 Salamanca 3 (0)
1977–1979 Oviedo 26 (0)
1979–1980 Compostela 30 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Eduardo Seoane Díaz, nado na Coruña o 25 de xaneiro de 1948 e finado o 22 de xuño de 2022, foi un futbolista galego, que xogaba de porteiro. Destacou especialmente no Deportivo da Coruña, no que militou durante seis tempadas, na Primeira, Segunda e Terceira División.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Nado en San Pedro de Visma, formouse como futbolista no Atlético San Pedro e no Sin Querer antes de ingresar en 1966 no Deportivo da Coruña.[1] Na tempada 1966/67 xogou cedido no Ordes, mentres que na seguinte incorporouse ao Fabril. Xogou co filial do Deportivo durante tres tempadas na Terceira División, compartindo portería con Canedo e tendo como adestrador a Arsenio.

Deportivo da Coruña[editar | editar a fonte]

O 6 de xaneiro de 1971, e da man de Arsenio, debutou co primeiro equipo do Deportivo na Copa do Rei, nunha goleada por 4-0 sobre o Salamanca. Na parte final da tempada quitoulle a titularidade a Aguilar e disputou oito partidos de liga, e na última xornada foi un dos 11 homes que conseguiron o ascenso á Primeira División, acompañado por Belló, Luis, Cholo, Manolete, Bordoy, Cortés, Loureda, Beci, Cervera e Juanito.

Na tempada 1971/72 debutou na máxima categoría, e xogou completos tódolos partidos de liga e Copa. Na seguinte campaña sufriu unha lesión nun partido contra o Zaragoza que o afastou dos terreos de xogo durante meses. Ao seu regreso foi suplente de Aguilar, ata que este se lesionou e Seoane recuperou a titularidade, nunha campaña na que o equipo acabou descendendo a Segunda. Na tempada 1973/74, na que compartiu a titularidade de novo con Aguilar, pasaron ata catro adestradores polo banco do club coruñés, que finalmente descendeu por primeira vez á Terceira División.

Foi titular na maioría de encontros na categoría de bronce, proclamándose campión e regresando así a Segunda. Ao ano seguinte disputou 30 partidos na que foi a súa derradeira campaña no Deportivo.[1]

Salamanca e Oviedo[editar | editar a fonte]

En xullo de 1976 foi traspasado ao Salamanca, da Primeira División.[2] No equipo dirixido por García Traid só puido disputar tres partidos de liga, sendo o gardameta titular o arxentino D'Alessandro, pero foi titular en 10 encontros da Copa do Rei, competición na que o equipo salmantino chegou ata as semifinais, caendo finalmente ante o Athletic. En 1977 fichou polo Oviedo, de Segunda División, co que descendeu na primeira das súas dúas campañas no equipo. Na segunda delas deixou o club en xaneiro, por problemas co presidente e o adestrador Lalo.[3]

Compostela e retirada[editar | editar a fonte]

Na tempada 1979/80 xogou co Compostela na Terceira División, ás ordes de José.[4] Foi titular na maioría de partidos e proclamouse campión do Grupo I, logrando así o ascenso á Segunda División B. A continuación deixou o fútbol ao non poder compatibilizalo co seu novo traballo na Refinería da Coruña.[5]

Faleceu o 22 de xuño de 2022, aos 74 anos de idade.[1]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Deportivo da Coruña
Compostela

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "O coruñés Seoane, porteiro deportivista na década dos 70, faleceu aos 74 anos". Deportivo da Coruña. 22 de xuño de 2022. Consultado o 23 de xuño de 2022. 
  2. "Seoane definitivamente traspasado al Salamanca". El Pueblo Gallego (en castelán) (18784). 17 de xullo de 1976. p. 20. Consultado o 23 de xuño de 2022. 
  3. "Seoane entrena en Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de febreiro de 1979. p. 37. 
  4. "Seoane fichó por el Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de outubro de 1979. p. 47. 
  5. "Los dos equipos compostelanos se afanan en reforzar sus respectivas plantillas, moviendo jugadores". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 21 de xuño de 1980. p. 30. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]