Devorador da Morte
Devoradores da Morte | |
---|---|
Asociación de Harry Potter | |
Aspecto dos Devoradores da Morte en Harry Potter e o Cáliz de fogo. | |
Cuartel xeral | Casa dos Riddle [HP4] Mansión Malfoy [HP7] |
Líder(es) | Lord Voldemort |
Intencións | Preservación da pureza de sangue, control do mundo máxico e dominación da xente máxica sobre os muggles |
Inimigos | Harry Potter, Orde do Fénix, Exército de Dumbledore, Ministerio de Maxia, muggles |
Primeira aparición | Termo empregado por vez primeira en Harry Potter e o Cáliz de fogo; algúns membros apareceron nas tres primeiras novelas. |
No mundo de ficción da serie Harry Potter, os Devoradores da Morte constitúen un grupo de meigos e meigas, liderados polo Señor Escuro, Lord Voldemort, principal antagonista dos libros, que procuran a purificación da comunidade máxica mediante a eliminación dos nacidos de muggles. Tamén pretender crear unha nova orde a través do Ministerio de Maxia e causar medo na comunidade asasinando oficiais importantes e outros inimigos, entre os que están os membros da Orde do Fénix.
Os Devoradores da Morte recoñécense pola Marca Escura que teñen no antebrazo, un sinal creado por Lord Voldemort para convocalo a el de xeito inmediato, ou ao revés. Adoitan vestir con máscara e unha túnica negra con carapucha. A primeira aparición dos Devoradores da Morte como grupo é na novela Harry Potter e o Cáliz de fogo, aínda que varios membros, como Lucius Malfoy, Peter Pettigrew e Severus Snape, xa saíran por separado nalgún dos libros anteriores.
Historia
[editar | editar a fonte]Formación e caída
[editar | editar a fonte]A constitución dos Devoradores da Morte sitúase vinte anos antes dos acontecementos dos libros. Torturaban e mataban muggles e aqueles que se opoñían a eles ou crían que podían ter información que axudase a impedir o seu ascenso ao poder. Logo de dez anos da formación dos Devoradores da Morte, unha adiviña, Sybill Trelawney, fixo unha profecía que predicía a chegada de alguén que tería o poder suficiente para derrotar a Voldemort para sempre. A profecía tamén aseguraba que o Señor Escuro ía marcalo coma ao seu igual. Non obstante, esta podía referirse a dous cativos diferentes, Harry Potter ou Neville Longbottom; finalmente, Voldemort elixiu a Harry, que era mestizo coma el, dado que a súa nai era unha meiga nacida de muggle, ao contrario que Neville, que proviña dunha longa liñaxe de meigos de vello.
Unha noite, Voldemort asasinou a James e Lily Potter, pero cando foi matar ao seu rival, o esconxuro mortal rebotou en Harry e deulle a el, debido ao sacrificio que a nai de Harry fixera para salvar o seu fillo. Non obstante, o meigo escuro non morreu, tan só perdeu o corpo e quedou debilitado. Coa desaparición de Voldemort, o Ministerio de Maxia conseguiu atrapar e meter no cárcere máxico de Azkaban a algúns dos Devoradores da Morte. Outros, pola contra, puideron eludir a xustiza.
Rexurdimento
[editar | editar a fonte]En Harry Potter e o Cáliz de fogo, Voldemort consegue recuperar os seus poderes e o seu corpo grazas ás intervencións de Peter Pettigrew e Barty Crouch Jr., quen levara a cabo a sabotaxe do Torneo Tres Meigos para capturar a Harry Potter. Voldemort convoca os seus seguidores para que se poñan ao seu servizo de novo. Agás aqueles que morreron, estaban no cárcere ou tiñan medo de volver, a maioría retornan ás ordes de Voldemort, que intentaría gañar o poder unha segunda vez.
En Harry Potter e a Orde do Fénix, o Ministro de Maxia, Cornelius Fudge, rexeita crer que Voldemort regresara e conclúe que todo é unha mentira artellada por Albus Dumbledore para roubarlle o seu posto. Esta actitud permite aos Devoradores da Morte actuar en segredo sen atopar oposición. Entrementres, os Devoradores da Morte presos poden escapar de Azkaban e recrutar os dementores á causa. Voldemort envia un grupo deles, con Lucius Malfoy á fronte, ao Departamento de Misterios para recuperar a profecía, que descoñecía en parte. A batalla mantida no interior do Ministerio serve para que Fudge admita a volta dos meigos escuros.
Ao final de Harry Potter e o misterio do príncipe, os Devoradores da Morte atacan Hogwarts, asasinando a Dumbledore e ferindo a moitos dos que defendían a escola. Na última novela, Harry Potter e as reliquias da morte, Voldemort logra facerse co control do Ministerio e volve atacar Hogwarts. Nesta batalla morren máis de 50 persoas, incluído o propio Voldemort, que supón a fin dos Devoradores da Morte.
Ideoloxía
[editar | editar a fonte]A ideoloxía dos Devoradores da Morte é unha supremacía racial derivada da práctica de maxia negra, esconxuros ilegais e perigosos. Este grupo cre que os meigos son a nobreza da natureza e polo tanto deben someter os outros seres e razas, que consideran inferiores. Na comunidade máxica, só aqueles nacidos de pais meigos son dignos dos poderes máxicos e realizan unha categorización segundo a pureza de sangue: meigos de vello, mestizos e fillos de lameiro. Os Devoradores da Morte non só procuran a restauración do dominio dos meigos de vello sobre a comunidade máxica, senón tamén o sometemento da comunidade muggle. En realidade, a idea de pureza de sangue é un concepto erróneo: o propio Voldemort é mestizo.
Diversos estudosos e a mesma autora teñen sinalado en varias ocasións as correspondencias existentes entre a orde dos Devoradores da Morte e movementos como o nazismo[1][2][3]. J. K. Rowling admitiu que o mundo da segunda guerra mundial tivo moitas influencias na súa escritura e, en especial, na configuración dun vilán que, como Hitler ou Stalin, estaba obsesionado coa idea do destino[1][2]. Neste sentido, Richard Adams analizou o parecido entre Voldemort e Hitler afirmando que o período comprendido entre a desaparición do meigo e a súa resurrección remite ao período histórico que vai desde a derrota de Alemaña na primeira guerra mundial e o asinado do Tratado de Versalles ata o ascenso do nazismo[3]. Ademais, moitos Devoradores da Morte renegaron da súa afiliación tras a primeira caída do seu amo ao igual que aconteceu con nazis nos Xuízos de Nuremberg logo da segunda guerra mundial[4]. Na última novela, o auxe do poder do Señor Escuro tradúcese tamén na dominación do organismo estatal e dos medios de comunicación, difundindo unha política adversa cara aos muggles e os considerados por eles non-puros.
A lealdade que mostran algúns Devoradores da Morte a Lord Voldemort é só por medo ou respecto cara a el. Rowling comentou o caso de Peter Pettigrew, no cal é evidente o tipo de persoa débil na procura de alguén que como Voldemort tivese o poder suficiente para protexelo[1]; outros, como Bellatrix Lestrange, prestan obediencia por simple devoción. O respecto que moios sentían polo meigo escuro é por admiración dos poderosos actos de maxia negra e polo poder que este prometía. Cómpre destacar tamén que non todos os Devoradores da Morte están dispostos a dar a vida polo seu amo. Moitos deles actúan polas posibles represalia que o Señor Escuro puidera ter contra eles. Tamén queda claro ao longo das novelas que Voldemort nunca intentara reunir un grupo de amigos, senón de serventes. Segundo Rowling, o único ser ao que valora é a súa serpe Nagini[5].
Marca Escura
[editar | editar a fonte]A Marca Escura é o símbolo de Voldemort e os Devoradores da Morte. Ten forma de caveira cunha serpe saíndo da boca no lugar da lingua. A Marca pode ser ou ben a tatuaxe que levan os vasalos de Voldemort nos seus antebrazos esquerdos ou ben o sinal que disparan ao ceo para deixar pegada do crime que alí cometeron. A primeira aparición da Marca Escura é n’o Cáliz de fogo. A Marca do antebrazo serve como unha conexión entre Voldemort e os Devoradores da Morte. Ao tocala coa variña, permite convocar ao Señor Escuro ou, ao revés, que este os convoque a eles.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 The Leaky Cauldron, ed. (18 de novembro de 2007). "New Interview with J.K. Rowling for Release of Dutch Edition of 'Deathly Hallows'" (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2009.
- ↑ 2,0 2,1 HarryLatino (ed.). "Rowling entrevistada por XL Semanal" (en castelán). HarryLatino.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2009. Consultado o 28 de febreiro de 2009.
- ↑ 3,0 3,1 Adams, Rihard (2001). The Voice of the Turtle, ed. "Harry Potter and the closest conservative" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2008. Consultado o 1 de marzo de 2009.
- ↑ Cosforums.com, ed. (27 de abril de 2007). "Voldemort, OOTP, the MoM, and how it..." (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2015. Consultado o 1 de marzo de 2009.
- ↑ HarryLatino, ed. (30 de xullo de 2007). "Cobertura del chat con J. K. Rowling" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2009. Consultado o 27 de febreiro de 2009.