Decidua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sección diagramática da mucosa uterina: A. Útero non xestante. B. Decidua parietal; a mucosa no útero xestante nunha zona non baixo a placenta.
Sección do útero grávido no terceiro e cuarto meses.

A decidua é o recubrimento mucoso modificado do interior do útero, é dicir, o endometrio modificado por influencia hormonal, que se forma cada mes, en preparación para un posible embarazo. Despréndese cada mes cando non hai ningún óvulo fecundado que soportar.[1] A decidua está baixo a influencia da proxesterona. As células endometriais adquiren cando se forma a decidua características moi distintivas e denomínanse células deciduais. A decidua forma a parte materna da placenta e permanece durante todo o embarao. Despois do nacemento a decidua despréndese xunto coa placenta.[1] A palabra decidua procede do latín deciduus, 'que se desprende'.


Estrutura[editar | editar a fonte]

A parte da decidua que interacciona co trofoblasto é a decidua basal (tamén chamada decidua placentaria), mentres que a decidua capsular crece sobre o embrión no lado luminal, encerrándoo no endometrio. O resto da decidua denomínase decidua parietal ou decidua verdadeira, e fusiónase coa decidua capsular no cuarto mes de xestación.

A decidua basal consta de tres capas morfoloxicamente distintas, que son:

  • Capa compacta externa (estrato compacto)
  • Capa intermedia (estrato esponxoso)
  • Capa límite adxacente ao miometrio (estrato basal)

Dentro da decidua fórmanse depósitos fibrinoides ocasionais onde o sincitiotrofoblasto está danado. A rexión de deposición fibrinoide onde o trofoblasto se encontra coa porción compacta da decidua basal denomínase capa de Rohr, mentres que os depósitos fibrinoides que aparecen entre as capas compacta e esponxosa da decidua basal chámanse capa de Nitabuch (por Raissa Nitabuch). Esta capa está ausente na placenta accreta.[2]

Micrografía do endometrio decidualizado debido á proxesterona exóxena. Tinguidura de hematoxilina-eosina.

A decidua ten unha aparencia histolóxica característica, mostrando grandes células deciduais poligonais no estroma. Estas células estromáticas agrandadas lembran un epitelio e denomínanse "epitelioides".

A decidualización comprende o proceso de diferenciación dos fibroblastos estromáticos fusiformes en células deciduais redondeadas, que crean unha matriz extracelular pericelular rica en fibronectina e laminina (similares ás células epiteliais).

A vascularidade e a permeabilidade vascular aumentan coa decidualización do endometrio.

A súa poboación de leucocitos é característica, con presenza predominante de grandes leucocitos granulares endometriais, mentres que os leucocitos polimorfonucleares e as células B son escasos. Os grandes linfocitos granulares (con CD56) denomínanse células asasinas naturais uterinas (células uNK).[Cómpre referencia]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Despois da ovulación en mamíferos placentarios, o recubrimento endometrial uterino hipertrófiase e vascularízase baixo a influencia das hormonas sexuais estróxenos e proxesterona.

En animais con placentación hemocorial o endometrio sofre decidualización despois da implantación. Se a implantación non ocorre, a cobertura secretora do útero será absorbida (ciclo estral) ou desprendida (ciclo menstrual).

En humanos a decidua despréndese coa placenta pouco despois do parto.[Cómpre referencia]

Función[editar | editar a fonte]

Como é a interface materna co embrión, a decidua participa nos intercambios de nutrientes, gases e residuos co conceptus. Tamén protexe o conceptus do sistema inmunitario materno. Ademais, a decidua debe permitir a invasión moi controlada do trofoblasto.

Nos trastornos placentarios invasivos como na placenta accreta obsérvase consistentemente que a decidualización é deficiente.

Produción de hormonas[editar | editar a fonte]

A decidua segrega hormonas, factores de crecemento e citocinas. Ten receptores para estróxenos, proxesterona, hormona do crecemento e outras.

Entre estes produtos están hormonas comunmente asociadas con outros órganos como o cortisol, CRF, GnRH, prolactina e relaxina. A prolactina decidual non está baixo control dopaminérxico.

A proteína que se une ao factor de crecemento similar á insulina 1 (IGFBP1), tamén chamada proteína placentaria 12 e PAEP (glicodelina) parecen ser produtos específicos do recubrimento secretor e decidual.

Outros factores liberados son a interleucina-15 e o factor de crecemento endotelial vascular (VEGF). Aínda non se conseguiu elaborar unha explicación completa do papel e interaccións destas hormonas e factores.[Cómpre referencia]

Outros[editar | editar a fonte]

Micrografía da decidua nun ganglio linfático. Tinguidura de hematoxilina-eosina.

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

Unha infección de longa duración da decidua (deciduíte crónica) está asociada co nacemento prematuro.[4]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Definition of DECIDUA". www.merriam-webster.com (en inglés). Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  2. Cunningham, F. Gary, ed. (2005). Williams obstetrics (22ª ed.). Nova York; Toronto: McGraw-Hill Professional. ISBN 9780071413152. 
  3. Wu, DC.; Hirschowitz, S.; Natarajan, S. (maio de 2005). "Ectopic decidua of pelvic lymph nodes: a potential diagnostic pitfall". Arch Pathol Lab Med 129 (5): e117–20. PMID 15859655. doi:10.5858/2005-129-e117-EDOPLN. 
  4. Edmondson, N.; Bocking, A.; Machin, G.; Rizek, R.; Watson, C.; Keating, S. (2009). "The prevalence of chronic deciduitis in cases of preterm labor without clinical chorioamnionitis". Pediatr Dev Pathol 12 (1): 16–21. PMID 18171100. doi:10.2350/07-04-0270.1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns exterans[editar | editar a fonte]