David Sassoli
David Sassoli, nado en Florencia o 30 de maio de 1956 e finado en Aviano (Friúl-Venecia Xulia) o 11 de xaneiro de 2022, foi un xornalista e político italiano que entre 2019 e 2022 foi Presidente do Parlamento Europeo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Durante a súa mocidade participou en diferentes asociacións de estudantes católicos e foi membro do movemento scout. Profesionalmente comezou a súa andaina en medios rexionais e axencias de prensa antes de traballar no xornal milanés Il Giorno durante sete anos.
En 1993 pasou a traballar como reporteiro do telexornal da canle de televisión RAI 3, TG3. Posteriormente, formou parte da redacción informativa de Rai 1 e RAI 2. Entre 1999 e 2009 foi o presentador do telexornal principal da RAI 1, cubrindo tamén acontecementos de especial relevancia a nivel italiano e internacional para esta televisión.
Militante do Partido Democrático dende a súa fundación en 2007, en 2009 foi electo membro do Parlamento Europeo polo distrito de Italia Central. Entre 2009 e 2014 foi o responsable da delegación do Partido Democrático na Eurocámara. Reelecto en 2014 e 2019. Foi durante a lexislatura de 2014-2019 vicepresidente do Parlamento e membro do Comité de Transporte e Turismo.
En maio de 2019 foi electo presidente da Eurocámara. O 26 de decembro de 2021 foi ingresado nunha clínica oncolóxica en Aviano (provincia de Pordenone) por mor dunha recaída nunha pulmonía que sufrira en setembro de 2021. Faleceu alí o 11 de xaneiro de 2022 polas disfuncións provocadas no seu sistema inmunolóxico.[1] Foi o primeiro presidente do Parlamento Europeo en falecer durante o seu exercicio.
O funeral, na Basílica de Santa María dos Anxos e dos Mártires en Roma, congregou a mandatarios como a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, e o presidente de Italia, Sergio Mattarella.[2] O 18 de xaneiro de 2022, Roberta Metsola foi escollida como sucesora de Sassoli á fronte do Parlamento Europeo.[3]
Predecesor: Antonio Tajani |
Presidente do Parlamento Europeo 2019 - 2022 |
Sucesor: Roberta Metsola |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Online, Laura Zangarini e redazione (2022-11-01). "È morto David Sassoli, il presidente del Parlamento europeo". Corriere della Sera (en italiano). Consultado o 2022-01-11.
- ↑ "Italia despide a Sassoli cun funeral de Estado". G24. Consultado o 2022-01-17.
- ↑ "A maltesa Roberta Metsola converterase na presidenta do Parlamento Europeo co apoio dos tres grandes grupos". G24. Consultado o 2022-01-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía no Parlamento Europeo Arquivado 31 de xullo de 2021 en Wayback Machine. (en castelán).