Confianza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En socioloxía e psicoloxía social, a confianza é a crenza en que unha persoa ou grupo será capaz e desexará actuar de xeito adecuado nunha determinada situación e pensamentos. A confianza verase máis ou menos reforzada en función das accións.

A confianza é unha hipótese sobre a conduta futura do outro. É unha actitude que concerne o futuro, na medida en que este futuro depende da acción dun outro. É unha especie de aposta que consiste en non inquietarse do non-control do outro e do tempo.
Laurence Cornu, A confianza nas relacións pedagóxicascor

De acordo á maioría das teorías que a abordan, trátase dunha suspensión temporal da situación básica de incerteza acerca das accións dos semellantes; grazas a ela, é posible supor un certo grao de regularidade e predecibilidade nas accións sociais, simplificando o funcionamento da sociedade.

Esta explicación, tipicamente funcionalista, corresponde á orientación teórica da maioría dos autores que abordaron o tema; na teoría estrutural-funcionalista, a confianza considérase polo xeral a base de todas as institucións, e funciona como correlato e contraste do poder, consistente na capacidade de influír na acción allea para forzala a axustarse ás propias expectativas.

Cando se perde a confianza, é por esgotamento emocional. Ben o medio ou a mala intención da persoa, fomenta a incapacidade de cumprir co prometido de forma continuada no tempo.