Alcipreste
Alciprestes (xénero Cupressus) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Alcipreste común: follas e mazás | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
Ver no texto. |
Os alciprestes ou cipreses[1] son árbores coníferas do xénero Cupressus. Téñense naturalizado en moitas rexións temperadas do Hemisferio Norte, especialmente de clima mediterráneo, coas temperaturas e solos axeitados, medrando espontaneamente e polo xeral de xeito espallado. Cultívanse comercialmente en África oriental, Suráfrica e Nova Zelandia. Moitas das especies cultívanse coma árbore ornamental en parques e xardíns de Europa. En Galicia só os atopamos en xardíns formais, sendo comúns na xardinaxe de pazos e cemiterios, especialmente a especie Cupressus sempervirens.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termos galegos alcipreste e ciprés proveñen do provenzal cipres, e este do latín serodio cypressus. Ademais existen variedades dialectais coma aciprés, acipreste, alciprés ou cipreste.
Descrición
[editar | editar a fonte]Como todas as coníferas, son de folla persistente, poden acadar os 20 m de altura cun diámetro aproximado duns 60 cm. O seu porte é piramidal, de crecemento rápido nos primeiros anos de vida, indo máis amodo despois até acadar arredor dos 300 anos de vida. Posúen un tronco recto e de casca magra na que se forman fendas lonxitudinais. As follas son miudiñas (2–6 mm de lonxitude) con forma de escama tipo frouma, aliñadas en parellas opostas e decusadas.
Florea a finais do inverno e nun mesmo exemplar prodúcense flores masculinas e femininas; as masculinas forman conos ovais de cor verdosa que penduran das puntas das pólas. Os femininos son lixeiramente esféricos, compostos arredor de 12 escamas que ao se desenvolver se tornan nun gálbulo globular de 3x4 cm, de cor verde ao principio virándose avermellado e marrón ao acadar a madureza. Produce un froito semellante a unha noz, chamado popularmente en galego mazá.
A súa semente é negra e miúda.
Usos
[editar | editar a fonte]A madeira dos alciprestes, resinosa e odorífera (semellante ao cheiro da madeira de cedro), é moi apreciada para construcións xa que non lle entra a couza. Ten unha cor parda amarelenta clara, de textura fina e, xeralmente, de gran recto. Adóitase empregar para a elaboración de caixas, e a mellor escolla de madeira pode empregarse para táboas decorativas, tornaría ou chapas de guitarras.
Moitas especies e variedades son de uso ornamental.
Árbores Senlleiras de Galiza
[editar | editar a fonte]Catro exemplares de alciprestes aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que demostra o cultivo como ornamental deste xénero dende hai séculos.
- O alcipreste da Capela do Salvador é un alcipreste común monumental da variedade fastigiata (Cupressus sempervirens var. fastigiata) que se atopa en Samos (Lugo).
- O alcipreste da Misericordia, en Viveiro (Lugo) é un alcipreste da California (Cupressus macrocarpa) monumental.
- Alcipreste do Pazo de Quintáns, en Meis (Pontevedra) é tamén un exemplar destacado de alcipreste de California (Cupressus macrocarpa).
- Os alciprestes de Portugal do Xardín histórico de Mondariz-Balneario
Etnoloxía
[editar | editar a fonte]Considérase, en culturas como a galega, símbolo da morte, por iso abunda nos cemiterios. En Galicia tamén é unha árbore aristocrática por excelencia, por iso aparece nas hortas e xardíns de pazos, casas grandes e mosteiros.
Rosalía de Castro fala dos alciprestes na súa obra Follas Novas (p. 197, 2a edic.):
De Galicia os cimiterios, c'os seus alciprestes altos;
c'os seus olivos escuros, i os seus homildes osarios;
todos de frores cobertos, frescos com'os nosos campos;
pol-as mañáns melancónicos, 'e nas tardes solitarios,...
Tamén no folclore popular é nomeado en diversos ditos:
O alcipreste non se rega, porque crece coa lentura.
Os alciprestes, como os fidalgos, poucos, soilos e altos.
Eu subín a un alcipreste, Nunca tan alta me vín; Se o alcipreste é a morte, Eu para morrer nacín.
Eu rubín a un alcipreste, Cheguei ao medio e caín; O alcipreste ten a morte, Eu para morrer nacín.
Alcipreste, rei das aves, Amparo dos paxariños; Cando te deixe de amar, Ja as aves non farán niño.
Se soubera que ti viñas, Como de certo viñeche, Mandara varrer a rúa, Con ramiños de alcipreste.
Especies
[editar | editar a fonte]O número de especies recoñecidas de alciprestes en todo o mundo varía bastante, entre 16 e 25 ou se cadra máis. Isto é por mor a que a meirande parte das poboacións son pequenas e se atopan illadas, polo que non é doado as clasificar segundo o rango de especie, subespecie ou variedade.
Especies do Vello Mundo
[editar | editar a fonte]Estes alciprestes adoitan ter estróbilos con máis escamas (entre 8-14, raramente 6 en C. funebris), cada escama cunha larga e curta crista, non unha espiña. Cupressus sempervirens é a especie tipo do xénero, a máis común en Galicia, e que define o nome alcipreste ou ciprés.
- Cupressus americana Trautv.
- Cupressus cashmeriana Royle ex Carr. - alcipreste de Bután.
- Cupressus chengiana S.Y.Hu - alcipreste de Cheng.
- Cupressus duclouxiana Hickel - alcipreste de Yunnan.
- Cupressus dupreziana A.Camus - alcipreste do Sáhara.
- Cupressus atlantica Gaussen (C. dupreziana var. atlantica) - alcipreste de Marrocos.
- Cupressus funebris Endl. - alcipreste chorón.
- Cupressus gigantea W.C.Cheng & L.K.Fu - alcipreste do Tibet.
- Cupressus leylandii A.B.Jacks. & Dallim. - alcipreste de Leyland
- Cupressus sargentii Jeps.
- Cupressus sempervirens L. - alcipreste, alcipreste común, alcipreste italiano, alcipreste do Mediterráneo, cedro bastardo, orixinario da zona que lle dá o seu nome.
- Cupressus sphaerocarpa Parl.
- Cupressus torulosa D.Don - alcipreste do Himalaia.
Especies do Novo Mundo
[editar | editar a fonte]Estes alciprestes acostuman ter estróbilos con relativamente poucas escamas (entre 4-8, raramente máis en C. macrocarpa), cada escama cunha espiña prominente e estreita. Probas xenéticas moi recentes evidencian que están menos emparentados coas especies do Vello Mundo do que se pensaba anteriormente, tendo máis parentesco cos Callitropsis e Juniperus. Polo tanto, estase considerando un cambio na clasificación xenérica nun futuro, xa for aos Callitropsis ou a un novo xénero.
- Cupressus arizonica Greene - alcipreste de Arizona.
- Cupressus abramsiana C.B.Wolf (C. goveniana var. abramsiana) - alcipreste de Santa Cruz.
- Cupressus bakeri Jeps. - alcipreste de Modoc.
- Cupressus distica L. - alcipreste mexicano.
- Cupressus glabra Sudw. - alcipreste liso da Arizona orixinario de Arizona, EUA.
- Cupressus goveniana Engelm.
- Cupressus guadalupensis S.Watson - alcipreste de Guadalupe.
- Cupressus forbesii Jeps. (C. guadalupensis var. forbesii)
- Cupressus lusitanica Lindl. ex Parl. - alcipreste de Portugal, piñeiriño, cedro de Portugal, procedente de México e Guatemala, pero moi popular en Portugal.
- Cupressus macnabiana A.Murray
- Cupressus macrocarpa A.Cunn. (C. lambertiana) - alcipreste de Monterey, alcipreste da California - procedente da California (EUA)
- Cupressus montana Wiggins (C. arizonica var. montana).
- Cupressus nevadensis Abrams (C. arizonica var. nevadensis).
- Cupressus pygmaea (C. goveniana var. pygmaea).
- Cupressus sargentii Jeps.
- Cupressus stephensonii C.B.Wolf (C. arizonica var. stephensonii) - alcipreste de Cuyamaca.
Existen árbores doutros xéneros que por analoxía con Cupressus tamén son denominadas comunmente "ciprés" ou alcipreste:
- Callitropsis nootkatensis - " alcipreste de Nootka" ás veces é clasificado como Cupressus nootkatensis.
- Chamaecyparis lawsoniana Parl. - " alcipreste de Lawson" que se pode atopar no suroeste de Oregón e na California, EUA
- Austrocedrus chilensis (D.Don) Florin & Boutelje - "alcipreste de La Cordillera" que se pode atopar na zona do cordal do centro e sur chileno e arxentino.
- Pilgerodendron uviferum - (D.Don) Florin - " alcipreste de Las Guaitecas", medra máis ao sur do anterior e tamén na costa chilena á mesma latitude.
- Taxodium mucronatum, alcipreste Moctezuma.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Ciprés.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Alcipreste |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alcipreste |
- Ciprés de la Cordillera (en castelán)
- El Ciprés (en castelán) Arquivado 20 de maio de 2017 en Wayback Machine.
- Fotos de Austrocedrus chilensis en Chilebosque(en castelán) Arquivado 26 de xullo de 2016 en Wayback Machine.