Saltar ao contido

Craniometría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un cranio humano nun dispositivo de medida de 1902.

Chámase craniometría á disciplina que estuda as diferentes medidas que son posíbeis obter nun cranio.[1]

É distinta da frenoloxía (o estudo da personalidade e o carácter) e da fisionomía (o estudo das características faciais),[2] pero ten con elas en común o ter reclamado a capacidade de predicir pseudocientificamente trazos da personalidade ou a intelixencia. Hai un tempo foron intensivamente practicadas dentro da antropoloxía, especialmente na antropoloxía física do século XIX.

Darwinismo

[editar | editar a fonte]

A craniometría e o estudo dos esqueletos usáronse como bases argumentativas da teoría da evolución no libro A orixe das especies de Charles Darwin (1859). Coa consolidación do darwinismo social tratouse de xustificar cientificamente a segregación social segundo a raza, baseándose na suposta superioridade intelectual dunha raza humana sobre outra inferior, pola súa capacidade cranial. Dita ideoloxía fíxose moi popular durante a primeira metade do século XX e contribuíu á propagación do movemento da euxenesia, sendo unha das súas figuras prominentes Georges Vacher de Lapouge, quen clasificou á humanidade en varias "razas" diferentes e xerarquizadas, desde a «raza aria branca, dolicocéfala» (cabeza longa e delgada) á «braquicéfala» (cabeza curta e ancha).

No seu libro A orixe do home, Darwin falou frecuentemente de "razas humanas", divididas en dúas clases principais:

  1. as "razas civilizadas", e
  2. as "razas salvaxes",

apelando a unha suposta relación entre as facultades intelectuais e o tamaño do cerebro. Darwin cita unha clasificación craniométrica na que se describe aos europeos coa maior capacidade intelectual, mentres que describe aos asiáticos e aos aborixes australianos coa menor capacidade, en base ao tamaño dos seus cerebros:

A crenza de que existe no home algunha estreita relación entre o tamaño do cerebro e o desenvolvemento das facultades intelectuais apóiase na comparación dos cranios das razas salvaxes e as razas civilizadas, dos pobos antigos e os modernos, e pola analoxía de toda a serie de vertebrados. O Dr. J. Barnard Davis demostrou mediante moitas medidas coidadosas, que a capacidade media interna no cranio dos europeos é de 92,3 polgadas cúbicas (1 512,53 cm³), nos americanos é de 87,5 (1 433,87 cm³) e nos asiáticos é de 87,1 (1 427,31 cm³) e nos australianos é de só 81,9 polgadas cúbicas (1 342,1 cm³). O profesor Broca encontrou que no século XIX os cranios das tumbas en París eran maiores que as das tumbas do século XII, no período de 1484 a 1426, e que o aumento de tamaño, comprobado por medicións, era exclusivamente na parte frontal do cranio, a sede das facultades intelectuais.
Charles Darwin (1871), A orixe do home. Parte I, páxs. 54-55

O índice cefálico

[editar | editar a fonte]

O profesor de anatomía sueco Anders Retzius (1796–1860) usou por primeira vez o índice cefálico na antropoloxía física para clasificar os restos humanos antigos achados en Europa. Retzius clasificou os cerebros en tres categorías principais:

  1. Dolicocéfalo. (Do grego antigo δολιχός dolichós, 'longo', 'prolongado', e κεφαλή kephalḗ, 'cabeza');
  2. Braquicéfalo. (Do grego antigo βραχύς, brachýs, 'curto', breve' e -céfalo), e
  3. Mesocéfalo» (Do grego antigo μέσος mésos, 'medio', 'mediano', e -céfalo).

Estes termos foron empregados por Georges Vacher de Lapouge (1854–1936), un dos pioneiros das teorías científicas nesta área e un teórico da euxenesia quen, en L'Aryen et son rôle social (Os arios e o seu papel social, 1899) dividiu a humanidade en varias "razas" diferentes e xerarquizadas, desde a "raza aria" branca, dolicocéfala, á "braquicéfala", mediocre e inerte, mellor representada polos "xudeus" (sic). Entre estas dúas, a máis alta e a máis baixa, Vacher de Lapouge identificaba ao "Homo europaeus" (teutónico, protestante etc.), ao "Homo alpinus" (auvernios, turcos etc.) e, finalmente, ao "Homo mediterraneus" (napolitanos, andaluces etc.). Vacher de Lapouge converteuse nun dos principais inspiradores do antisemitismo e da ideoloxía nazi.[3][4] A súa clasificación foi reflectida por William Z. Ripley en As razas de Europa (1899).

Craniometría e antropoloxía

[editar | editar a fonte]
Neste frontispicio do seu Evidence as to Man's Place in Nature (1863), T. H. Huxley publicou por primeira vez a súa famosa imaxe comparando o esqueleto dos simios ao dos humanos.
Selección de cranios de primates.

En 1784, Louis-Jean-Marie Daubenton, que escribiu numerosas memorias de anatomía comparada para a Academia francesa, publicou a Mémoire sur les différences de la situation du grand trou occipital dans l’homme et dans les animaux[5] (Memoria sobre as diferentes posicións do forame occipital en homes e animais). Seis anos despois, Pieter Camper (1722–1789), distinguido artista e anatomista, publicou algunhas conferencias incluíndo unha descrición dos seus métodos craniométricos, das que pode afirmarse con xustiza que sentaron as bases de todos os traballos subseguintes.

Pieter Camper descubriu o "ángulo facial", unha medida deseñada para determinar a intelixencia animal entre especies diferentes. Segundo esta técnica, o ángulo facial fórmase trazando dúas liñas: unha horizontalmente desde o nariz ao oído e outra perpendicular, desde a parte sobresaínte do maxilar superior até a parte máis prominente da fronte. Camper comprobou que as estatuas antigas gregas presentaban un ángulo de 90°, os europeos de 80°, os negros de 70° e o orangután de 58°. Descubriu que o ángulo facial é directamente proporcional ao tamaño do cerebro, e que o tamaño deste é directamente proporcional ao grao de intelixencia.

No século XIX foron numerosos os notábeis contribuíntes á bibliografía sobre craniometrías. Aínda que é imposíbel analizar cada traballo ou incluso rexistrar todos os nomes do seus autores, debe engadirse que para o propósito de amplas comparacións de humanos con outros animais os métodos craniométricos foron usados por Paul Broca (1824–1880), fundador da Sociedade Antropolóxica de Francia en 1859, e por T. H. Huxley (1825–1895) en Inglaterra. Ao comparar esqueletos de simios e humanos, Huxley apoiou a teoría da evolución de Charles Darwin, desenvolvendo o "principio pitecométrico", que afirmaba que o home e os monos descendían dun antepasado común.

Xunto co traballo de Ernst Haeckel (1834–1919), que se fixo famoso coa actualmente obsoleta "teoría da recapitulación" (segundo a cal cada individuo seguía a evolución da especie completa durante a súa vida), estas investigacións sobre cranios e esqueletos axudaron a liberar a Europa do século XIX dos seus trazos etnocéntricos.[6] En particular, o descubrimento en 1891 por Eugène Dubois (1858–1940) do Home de Xava (Trinil, Illa de Xava, Indonesia), que sería o primeiro espécime de Homo erectus descuberto, demostrando a ascendencia da humanidade fóra de Europa (aínda que, máis dun século despois, sabemos que nin Asia foi o berce da humanidade nin o Homo erectus un antepasado do Homo sapiens).

Capacidade cranial, razas e ideas científicas dos séculos XIX-XX

[editar | editar a fonte]

Samuel George Morton (1799–1851), un dos inspiradores da antropoloxía física, recolleu centos de cranios humanos de todo o mundo e empezou a intentar achar unha forma de clasificalos segundo algún criterio lóxico. Influído polas teorías comúns da súa época, afirmou que podía xulgar a capacidade intelectual dunha raza grazas á capacidade cranial (a medida do volume do interior do cranio). Un cranio grande significaba un gran cerebro e unha maior capacidade intelectual, e un cranio pequeno indicaba un cerebro pequeno e unha menor capacidade intelectual. Mediante o estudo destes cranios, Morton decidiu en que punto os caucásicos deixaban de selo, e en que punto empezaban os negros. Morton tiña moitos cranios do antigo Exipto e concluíu que os antigos exipcios non eran africanos, senón brancos. As súas principais monografías foron: Crania Americana (1839),[7] An Inquiry into the Distinctive Characteristics of the Aboriginal Race of America (1844),[8] e Crania Aegyptiaca (1844).[9] En Crania Americana afirmou que a capacidade cranial media dos brancos era de 1425 cm³, mentres que a dos negros era de 1278 cm³.

Un "craniómetro" deseñado circa 1910 para a investigación antropolóxica.

Stephen Jay Gould (1941–2002), un paleontólogo, biólogo evolucionista e historiador da ciencia estadounidense, estudou estas obras craniométricas desde unha perspectiva histórica en The Mismeasure of Man (1981).[10] Mostrou que Samuel Morton manipulara datos e reenchido os cranios para poder xustificar as súas nocións preconcibidas sobre as diferenzas raciais.

Os seguidores de Morton, especialmente Josiah C. Nott (1804–1873) e George Gliddon (1809–1857), no seu monumental tributo ao traballo de Morton, Types of Mankind (1854),[11] levaron as súas ideas máis alá, e afirmaron que os seus achados apoiaban de feito a noción de polixenismo, que afirma que a humanidade se orixinou de diferentes liñaxes e é a antecesora da hipótese multirrexional. O propio Morton mostrárase reticente a propugnar explicitamente o polixenismo porque supoñía un importante desafío á versión bíblica da creación. Charles Darwin opúxose a Nott e Glidon en The Descent of Man (1871),[12] argumentando en pro dun monoxenismo da especie humana. Darwin concibía a orixe común de todos os humanos (a hipótese da orixe única) como esencial para a teoría da evolución.

Mapa do "índice cefálico" en Europa de William Z. Ripley, publicado en As razas de Europa (1899).

Ademais, Josiah Nott foi o tradutor ao inglés do Essai sur l'inégalité des races humaines de Joseph Arthur de Gobineau (1853–1855),[13] unha das obras fundadoras do grupo de estudo que segregan a sociedade segundo a "raza", en contraste coa teoría das razas de Henri de Boulainvilliers (1658–1722). Boulainvilliers opoñía os Français, supostos descendentes dos francos nórdicos e membros da aristocracia, ao Terceiro Estado, considerados galo-romanos indíxenas que foron subordinados polos francos mediante o dereito de conquista. Gobineau, mentres tanto, facía tres divisións principais entre razas, baseándose non na cor, senón en condicións climatolóxicas e localización xeográfica, privilexiando á raza "aria".

En 1873, Paul Broca achou o mesmo patrón descrito no Crania Americana de Samuel Morton pesando cerebros en autopsias. Outros estudos históricos propugnando unha diferenza entre negros e brancos en canto ao tamaño do cerebro inclúen os de Bean (1906), Mall (1909), Pearl (1934) e Vint (1934).

Máis aínda, a clasificación racial de Georges Vacher de Lapouge («teutónico», «alpino» e «mediterráneo») foi reutilizada por William Z. Ripley (1867–1941) na súa obra As razas de Europa (1899), e incluso fixo un mapa de Europa segundo o suposto índice cefálico dos seus habitantes.

Craniometría, frenoloxía e fisionomía

[editar | editar a fonte]

A craneimetría tamén foi usada na frenoloxía, que intentaba determinar o carácter, os trazos de personalidade e as tendencias criminais a partir da forma da cabeza e, por tanto, do cranio. A comezos do século XIX, Franz Joseph Gall (1758–1822) desenvolveu a "cranioscopia" (do grego antigo κράνιον kránion, 'cranio', e σκοπία scopía, 'observación'), un método para determinar a personalidade e o desenvolvemento das facultades mentais e morais a partir da forma externa do cranio. A cranioscopia foi máis tarde rebautizada como "frenoloxía" (do grego antigo φρήν phrḗn, 'mente', e λόγος lógos, 'coñecemento') polo seu alumno Johann Spurzheim (1776–1832), quen escribiu extensamente sobre o "sistema fisionómico dos doutores Gall e Spurzheim". A fisionomía establecía unha correlación entre as características físicas (especialmente as faciais) e os trazos da personalidade. Foi feita famosa por Cesare Lombroso (1835–1909), o fundador da "criminoloxía antropolóxica", quen afirmaba ser capaz de identificar cientificamente vínculos entre a natureza dun crime e a personalidade ou aparencia física do criminal. Creador do concepto de "criminal nato" e defensor do determinismo biolóxico, Lombroso intentou recoñecer a criminais grazas ás medidas dos seus corpos. Concluíu que as características craniais e faciais eran pegadas da criminalidade xenética, e que estas características podían ser medidas con craniómetros e calibradores cos resultados desenvolvidos nunha análise cuantitativa. Uns poucos dos 14 trazos identificados dun criminal incluían mandíbulas longas, proxección cara a fóra destas, fronte baixa e inclinada, pómulos grandes, narices achantados ou recachados, orellas con forma de asa, nariz aquilina ou labios carnosos, ollos duros e furtivos, barba escasa ou calvicie, insensibilidade á dor, brazos longos, etcétera.

Crítica e rexurdimento de teorías craniais antigas no século XX

[editar | editar a fonte]
Debuxo de 1839 de Samuel George Morton "dunha cabeza de negro, dun cranio caucásico e dunha cabeza mongol".

Tras ter unha influencia fundamental no supremacismo branco estadounidense, As razas de Europa (1899) de William Ripley terminaría sendo reescrito en 1939, xusto antes da segunda guerra mundial, polo antropólogo físico de Harvard Carleton S. Coon. Este acabaría dimitindo da American Association of Physical Anthropologists. Algunhas das súas outras obras foron descartadas porque non estaba de acordo coas evidencias expostas polas obras de científicos como Franz Boas, Stephen Jay Gould, Richard Lewontin, Lieberman e outros, que restaban importancia ou mesmo descartaban a raza como concepto válido co que dividir a biodiversidade.[14]

J. Philippe Rushton, psicólogo e autor da controvertida obra Race, Evolution and Behavior (1995),[15] que foi considerada pola maioría da comunidade científica como unha resurrección das teorías científicas do século XIX,[Cómpre referencia] reanalizaba a retabulación de Gould en 1989 e defendía que Samuel Norton, na súa Crania Americana de 1839, descubrira un patrón de tamaño cerebral decrecente procedente de asiáticos, europeos e africanos. No seu libro de 1995, Rushton daba un volume endocranial medio de 1364 cm³ para "orientais", 1 347 para brancos e 1 268 para negros. Outras afirmacións parecidas foron realizadas por Ho et al. (1980), que mediu 1 261 cerebros en autopsias, e Beals et al. (1984), que mediu aproximadamente 20 000 cranios, hachando o mesmo patrón asiático-europeo-africano.

Rushton é o director do Pioneer Fund, que afirma promover «o avance do estudo científico da herdanza e as diferenzas humanas» e que publica o Mankind Quarterly, ao que contribuíron, entre outros, o fundador da Nouvelle Droite Alain de Benoist. A asociación de Rushton foi cualificada como "grupo de odio" polo Southern Poverty Law Center (SPLC), unha organización pro dereitos civís.[16]

Rushton foi acusado por outros investigadores de malinterpretar os datos. Cando os reanalizaban, Zack Cernovsky et al. argumentaron que moitas das afirmacións de Rushton son incorrectas. Así, escribiron que:

A rápida e ansiosa aceptación de datos débiles, nesgados e non representativos, como evidencia científica de diferenzas raciais do potencial humano con base xenética e relativamente inmutábeis, leva á guerra psicolóxica sobre grupos raciais oprimidos. Difamacións parecidas de minorías vulnerábeis por parte dos pseudocientíficos nazis levaron á perda de millóns de vidas humanas no pasado. A teoría estatística clasifica esforzos parecidos como erros de Tipo I (un rexeitamento erróneo da hipótese nula).[17]

Uso moderno da craniometría

[editar | editar a fonte]

Os datos do volume cerebral e outros parámetros craniométricos úsanse cientificamente para comparar na actualidade especies animais e para analizar a evolución da especie humana na arqueoloxía.[Cómpre referencia]

  1. craniometría no Dicionario da RAG.
  2. fisionomía no Dicionario da RAG.
  3. Taguieff, P. A. (1998). La couleur et le sang: doctrines racistes à la française. Paris: Mille et une nuits. ISBN 9782842051945. 
  4. Taguieff, P. A. (1987). La force du préjugé: essai sur le racisme et ses doubles. Paris: La Découverte. ISBN 9782707117199. 
  5. Daubenton, L. J. M. (ca. 1764). Mémoire sur les differences de la situation du grand trou occipal dans l'homme et dans les animaux. OCLC 69238288. 
  6. Barbach, J. & Byron, C. (2005). "Cultural Biases Reflected in the Hominid Fossil Record". Archaeology.Info. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2011. Consultado o 7 de abril de 2019. 
  7. Morton, S. G. (1839). Crania Americana; or a comparitive view of the skulls of various aboriginal nations of North and South America: to which is prefixed an essay on the varieties of the human species. Philadelphia: J. Dobson. OCLC 11453359. 
  8. Morton, S. G. (1844). An inquiry into the distinctive characteristics of the aboriginal race of America. Philadelphia: John Penington. OCLC 6255394. 
  9. Morton, S. G. (1844). Crania aegyptiaca or, Observations on Egyptian ethnography, derived from anatomy, history and the monuments. Philadelphia: J. Penington. OCLC 6782587. 
  10. Gould, S. J. (1981). The mismeasure of man. Nova York: Norton. ISBN 9780393014891. 
  11. Nott, J. C.; Gliddon, G. R. (1854). Types of mankind. Phyladelphia: J. B. Lippincott, Grambo. OCLC 10523461. 
  12. Darwin, C. (1871). The descent of man, and selection in relation to sex. London: J. Murray. OCLC 39301709. 
  13. Gobineau, A. (1853–1855). Essai sur l'inégalité des races humaines. Paris: Didot frères. OCLC 23411627. 
  14. Lieberman, L. "How "Caucasoids" Got Such Big Crania and Why They Shrank — From Morton to Rushton" (PDF). Current Anthropology 42 (1). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de setembro de 2009. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  15. Rushton, J. P. (1995). Race, evolution, and behavior: a life history perspective. New Brunswick: Transaction Publishers. ISBN 9781560001461. 
  16. "Map of Hate Organizatons". Southern Poverty Law Center. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2006. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  17. Cernovsky, Z. Z. (1994). "Rushton's Defenders and Their Hasty Rejection of the Null Hypothesis". Journal of Black Psychology 20 (3): 325–333. Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2009. Consultado o 07 de maio de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]