The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "A orixe do home")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex[1] é un libro escrito por Charles Darwin e publicado en 1871, que se divide en dous temas delimitados: o conxunto de evidencias evolutivas que sitúan ao home dentro dos primates antropomorfos (hoxe hominoideos) e as probas da selección sexual en diversas clases do reino animal. Nunha terceira parte, máis breve, combina ambos temas tratando a selección sexual no home.

Contido[editar | editar a fonte]

Gravado da cabeza do feto dun orangután (Nitsche, fig. 3 no libro The Descent of Man) empregado polo autor para explicar o desenvolvemento da orella humana e as formas vestixiais en xeral.

Parte I: Sobre a estirpe do home[editar | editar a fonte]

O autor reúne copiosa información sobre as evidencias da filiación humana á unha forma inferior de primates, tanto dende o punto de vista físico (embriolóxico e anatómico) e mental (incluíndo os instintos, as emocións, a imitación, atención, memoria, imaxinación e razón). Tamén tratará o home civilizado e as diferentes razas desde o punto de vista da selección natural.

Parte II: Selección sexual[editar | editar a fonte]

Nun primeiro capítulo (o 8º da obra), expón os principios teóricos deste mecanismo evolutivo, a herdanza, a relación de sexos, as diferenzas físicas entre sexos e os caracteres sexuais secundarios. Como principal manifestación do dimorfismo sexual, e soporte para diferentes pautas de comportamento entre sexos, nos sucesivos capítulos pásanse a analizar os caracteres sexuais secundarios dos seguintes animais:

- Clases inferiores (Moluscos, Anélidos, Crustáceos, Arañas e Miriápodos)

- Insectos (2 capítulos)

- Peixes, anfibios e réptiles.

- Aves (4 capítulos)

Dimorfismo sexual en dous escaravellos estercoleiros da especie Copris isidis (fig. 17 no libro The Descent of Man and Selection in Relation to Sex).

- Mamíferos (2 capítulos)

Parte III: Selección sexual en canto ao home[editar | editar a fonte]

Repasa os caracteres sexuais secundarios no home e na muller e avanza algúns aspectos do diferente comportamento dos sexos baseándose nos coñecementos dos salvaxes. Abórdase tamén unha reflexión sobre a selección sexual nos pobos civilizados, así como un repaso das características físicas dos sexos en diferentes razas.

Nesta parte inclúense as conclusións e o resumo xeral da obra.

Repercusión científica e social[editar | editar a fonte]

A selección sexual foi ben estabelecida nesta obra, pero iniciouse un debate científico sobre a súa importancia como mecanismo diferente á selección natural. Un dos principais críticos coa selección sexual como mecanismo diferente da selección natural foi, curiosamente, un dos principais defensores da selección natural e do propio darwinismo: Alfred Russel Wallace.

En canto ao impacto científico da análise que fai Darwin sobre a evolución humana, hai que considerar outra obra clave que nun principio o propio autor quería incluír nesta obra como un capítulo máis: The Expression of Emotions of Man and Animals. En conxunto, o comportamento humano nunca deixou de ser analizado en termos zoolóxicos e aínda hoxe é un tema que suscita polémica pola complexidade do estudo. Os aspectos físicos, anatómicos, embriolóxicos, etc. foron ampliados máis tarde e o famoso elo perdido entre os neandertais que se coñecían no momento da publicación do libro, e os hominoideos superiores como o chimpancé, non se descubrirían ata pasada a segunda metade do século XX cos Paranthropus e os Australopithecus.

O impacto social dos aspectos relativos á evolución humana foi dende o rexeitamento por razóns de convicións tradicionais, o que propiciou a crítica a Darwin e á súa escola dende distintos medios, dos que podemos destacar a obra de Mivart como especialmente aceda. Pero tamén espertou un apoio por parte de pensadores sociais como Herbert Spencer, ao que Darwin respectaba, que empregaron algunhas ideas desta obra para defender a orde natural nos humanos, especialmente a superioridade duns con respecto a outros, que cadraba moi ben para os intereses colonialistas e para sufocar as pretensións sociais dos obreiros explotados pola industrialización. Na súa Autobiografía, Darwin marcará distancias con esta corrente que se deu en chamar darwinismo social.

Edicións e traducións[editar | editar a fonte]

Houbo dúas edicións en inglés, a segunda das cales foi a máis difundidas e presenta máis ilustracións, algunha delas mellorada polo ilustrador científico T. W. Wood, que xa colaborara con A.R. Wallace no seu libro The Malay Archipelago.

Non existe tradución ao galego, pero son numerosas as traducións desta obra a diferentes idiomas e a súa difusión foi ampla, aínda que menor que o libro que o precede dentro da mesma temática e do mesmo autor: A orixe das especies, por ser o que realmente enuncia os principios da evolución por selección natural e xa anticipaba o mecanismo da selección sexual que trata a obra tratada aquí. En canto á tradución da palabra Descent, escollemos aquí estirpe dentro de varias posibilidades, como son: filiación (ver a nova tradución francesa),[2] liñaxe, ou no mesmo sentido, pero non literalmente, a orixe. O equivalente a esta última palabra foi empregada nas traducións ao castelán (orígen)[3][4] e ao portugués (origem).[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Charles R. Darwin. "The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex". Consultado o 23/10/2015. 
  2. Darwin, Charles R.; Tort, Patrick (tradutor) (2013). La Filiation de l'homme et la Sélection liée au sexe. Institut Charles Darwin International, Champion Classiques. ISBN 9782745326850. 
  3. Darwin, Charles (2009). El Origen del Hombre. Crítica. Col. Clásicos de la Ciencia y la Tecnología. ISBN 9788498920376. 
  4. Darwin, Carlos Roberto (sic.) (1880). El Orígen del Hombre. Trilla y Serra, Barcelona. 
  5. Darwin, Charles (2009). A Origem do Homem e a Selecçao en Relaçao ao Sexo. Relógio de Água. Tecnologia e Ciência em Geral. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2015.