Colectivo Loia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O colectivo poético Loia naceu en Madrid na década dos setenta, integrado por universitarios galegos residentes na cidade. Crearon a revista Loia, un fanzine con contidos culturais que contou con catro números publicados entre 1975 e 1978.

Integrantes[editar | editar a fonte]

O grupo estaba formado principalmente por Lois Pereiro, Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas e Antón Patiño Pérez[1]. Coñecéronse no ambiente universitario de Madrid, por compartir facultade (no caso de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, estudantes da Facultade de Ciencias da Información), por lazos familiares (os irmáns Pereiro) e por amigos comúns. Todos eles formaron un equipo de novos talentos, de diferentes idades, no que se xuntaron arte, xornalismo e literatura.

A revista Loia contou, ademais, cunha longa listaxe de colaboracións, non soamente de escritores, senón tamén de artistas e mesmo colaboradores nin sequera ligados a eses campos naquel momento. Podemos mencionar as participacións de Fermín Bouza Álvarez, Menchu Lamas, Delfín Mariño, Antón Pulido Novoa, João Guisán Seixas, Vicente Araguas, Xosé Lois Bilbao, Millán Neira, Reimundo Patiño, María Rivas e Pedro Iglesias, entre outras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O colectivo poético Loia (nome proposto por Manuel Rivas) naceu no ambiente universitario de Madrid nos anos setenta, formado por estudantes galegos residentes na capital de España[2]. Tratábase dun conxunto de mozos galegos afincados fóra da súa terra, impulsores e partícipes dunha iniciativa cultural. Asociados á contracultura underground, urbana e universitaria madrileña, apostaron pola innovación nun tempo de moitos cambios políticos, de experimentación e de procura de novos vieiros de expresión.

Manuel Rivas.

A fin da ditadura franquista e o comezo da Transición española marcaron esta época, propiciando o nacemento dunha nova etapa e a chegada do aperturismo e a innovación. Un tempo moi marcado pola política e a recuperación das liberdades. Naqueles anos, concretamente a partir de 1975, xusto no esmorecer da ditadura, apareceron moitos colectivos poéticos que foron unha inspiración para outras manifestacións culturais da época, ademais de partícipes da recuperación cultural. Podemos mencionar, ademais de Loia, grupos como Alén, Cravo Fondo e Rompente.

Podemos destacar o Grupo Rompente, que gardaba semellanzas con Loia nos seus obxectivos, actitude e posición ideolóxica. Compartían tamén o interese por autores da vangarda, poetas bohemios, teóricos revolucionarios e poetas galegos como Manuel Antonio. Os dous grupos tiñan diferenzas, mais asumían o compromiso coa memoria da nación e a denuncia dos totalitarismos. Caracterizábanse por crear unha estética propia, dando moita importancia ao aspecto visual, mediante a autoedición das súas publicacións.

O grupo Loia editou en Madrid unha revista cultural do mesmo nome, vangardista e experimental, na que apostaron pola periodicidade, a autoedición e un formato underground. Esta publicación galega alternativa naceu do traballo de mozos e mozas con inquietudes culturais similares que pretendían que Loia fose distinta dos demais manifestos da época contrarios ao sistema.

O colectivo Loia desaparece despois da publicación do cuarto número da súa revista, no ano 1978, cando varios dos integrantes volveron a Galicia e outros ficaron en Madrid, quedando no camiño de construír un grupo que podería considerarse sólido e xeracional. No tempo que durou o colectivo e a súa revista, conseguiron crear un espazo para a experimentación creativa e a expresión de novos autores e artistas. Anos despois o grupo reapareceu na Coruña nunha segunda etapa.

A revista Loia[editar | editar a fonte]

A revista Loia, creada polo colectivo poético do mesmo nome nos anos setenta, foi unha publicación monolingüe galega, de periodicidade moi irregular. É considerada un fanzine, non soamente unha revista literaria, por tratarse dunha publicación alternativa en papel, autoeditada, autodistribuída e sen finalidade comercial. Foi unha iniciativa de Manuel Rivas, os irmáns Lois e Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño.

Loia foi o primeiro dos fanzines e revistas nos que participarían, por exemplo, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, que despois formarían parte de publicacións como La Naval, Bravú ou Luzes de Galiza. Varios integrantes do grupo, como Rivas ou Lois Pereiro, publicaron nesta revista as súas primeiras composicións.

Nos anos setenta xurdiu un considerábel número de publicacións como vía de difusión dunha produción lírica emerxente, como Coordenadas e Dorna, acollendo a novas voces dentro da poesía galega. Loia destaca por ter a súa sede fóra do territorio galego, constituíndose como un referente para a mocidade galega que vivía en Madrid.

A pesar da modestia propia deste tipo de publicacións e da escaseza dos seus recursos, o deseño e as artes plásticas tiñan especial importancia en Loia, incluíndo, ademais de composicións literarias, formas como o cómic, a colaxe, o grafito, fotografías, debuxos en branco e negro e ilustracións. Tentaban crear unha mensaxe nova, oposta aos versos sobre fondo branco dos libros de poesía.

A respecto do traballo dos principais membros do grupo na revista, o papel de cada un deles estableceuse, en xeral, da seguinte forma. Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño eran os encargados do deseño. Xosé Manuel Pereiro, ademais, realizaba un importante labor de organización e era o principal responsábel da maquetación. Por outra banda, Manuel Rivas era semellante a un director, propoñendo as colaboracións, e, xunto con Lois Pereiro, encargábase do labor poético.

Lois Pereiro.

Este fanzine con contidos culturais tiña unha tiraxe moi pequena e contou con catro números publicados en Madrid entre 1975 e 1978[3]. O primeiro número da revista viu a luz a finais de 1975, cun cento de exemplares e unha portada coa filmografía de Tarzán. O segundo número sairía en xuño do ano seguinte, cunha foto dun cuarto na portada e con exemplares numerados, afondando no contido do primeiro. Estes primeiros números contaban con elementos feitos a man nos mesmos exemplares.

O terceiro número dobrou en número de páxinas aos anteriores, e nel apreciábase un gran traballo, tanto dos catro impulsores como dos seus colaboradores. A mellora de calidade foi notábel respecto aos números anteriores, feitos mediante sinxelas fotocopias. Este número introduciu, entre outras novidades, a numeración das páxinas, a impresión polas dúas caras e unha contraportada. Para o deseño empregaban, incluso, obxectos como follas secas, bolsas de té ou plumas, que incluían no proceso de impresión. Foi, ademais, o único número con título, S/n e outras rúas, e tivo como portada unha páxina dunha revista literaria.

Finalmente, o cuarto número, do que chegaron a editar 500 exemplares, tiña como portada unha foto de estudo dos avós paternos e o pai dos irmáns Pereiro. Contaba tamén con novidades, ademais das habituais colaboracións. Despois da publicación deste número, no ano 1978, Loia terminou por desaparecer. Os motivos principais foron a marcha de varios integrantes do grupo, xa que varios volveron a Galicia, e os problemas económicos.

No 1996, ano da morte de Lois Pereiro, saíu a luz Poemas para unha Loia, que recolle as súas publicacións na revista[4]. Ademais, o Consello da Cultura presentou unha edición facsímile dos catro números da revista Loia, con motivo do Día das Letras Galegas 2011, dedicado a Lois Pereiro[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bragado,Manuel (12/07/2010). "Lois Pereiro 2011". Consultado o 12 de abril de 2015. 
  2. "Dez anos da morte de Lois Pereiro", artigo en Vieiros (24/05/2006). Consultado o 9 de Febreiro de 2015.
  3. Facsímile da revista Loia. Mediateca do Consello da Cultura Galega
  4. "El poeta monfortino Lois Pereiro protagonizará el Día das Letras Galegas de 2011" (en castelán), artigo en El Mundo (27/06/2010). Consultado o 16 de Febreiro de 2015.
  5. "O Consello da Cultura presentou o facsímile dos catro números da revista Loia cos primeiros poemas de Lois Pereiro, figura do Día das Letras Galegas 2011", artigo do Consello da Cultura Galega (06/06/2011). Consultado o 10 de Febreiro de 2015.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]