Coco, Costa Rica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coco, Costa Rica
Localización da illa
Situación
País Costa Rica
MarOcéano Pacífico
Coordenadas05°31′N 87°04′O / 5.517, -87.067Coordenadas: 05°31′N 87°04′O / 5.517, -87.067
Xeografía
Superficie23´85 km²
Longura máxima7´6
Largura máxima4´4
Punto máis alto634 m. (Cerro Iglesias)
Distancia a terra532 km á costa pacífica costarriqueña
Demografía
PoboaciónNon permanente
Este artigo trata da illa costarriqueña do Pacífico. Para atopar información sobre da illa australiana no Índico, véxase Illas Cocos.
Para outros significados da palabra coco, véxase Coco (homónimos)
.

A Illa do Coco é unha illa no océano Pacífico pertencente a Costa Rica, descuberta no ano 1526 polo navegante español Juan Cabezas. A illa está considerada na actualidade como parque nacional. Está a 496 km de cabo Blanco, na costa costarriqueña, a 800 kms da panameña, e fóra de calquera vía de navegación frecuente. As súas coordenadas son 5º 31' 00" Norte, 87º 04' 0" Oeste. A súa área terrestre é de 23,85 km² e mide 7,6 km de longo e 4,4 km de largo, cunha forma aproximadamente rectangular. A viaxe desde Puntarenas en barco leva ao redor de 55 horas.

A illa estivo a maior parte da historia practicamente deshabitada. Na actualidade ten unha poboación non estábel de 33 persoas, todas elas relacionadas coa investigación ecolóxica e ambiental.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A illa do Coco é de formación volcánica. O volcán, chamado Cerro Iglesias, aínda activo, mide 575 metros de altura, no límite entre as placas tectónicas de Norteamérica e Pacífico. Ademais é a única parte da Placa Tectónica de Cocos que brota da cadea de volcáns submarinos que se estende desde as illas Galápagos ata a foxa Mesoamericana no sueste de Costa Rica.

A súa costa está chea de cantís esgrevios, con alturas de ata 183 metros, o que impide o atraque de barcos nas súas ribeiras leste, oeste e sur. Só se pode chegar a ela navegando a través da costa norte, polas baías de Waver e Chatham. Posúe infinidade de covas submarinas. A súa estrutura basáltica e a intensidade pluviométrica fan que a illa se caracterice polos seus recursos hídricos. Foi dende tempos antigos base para o fornecemento de auga, e probablemente de aí lle veña o nome (de que ten auga dentro coma un coco, máis do que por ter palmeiras que dan este froito. Os seus principais ríos son o Genio que desemboca na baía Wafer, o río Iglesias que desemboca na baía Iglesias e río Chatham que desemboca na baía Chatham.

O clima da illa é tropical perhúmedo, cunhas precipitacións anuais de 7.000 mm e unha temperatura media anual de 27 °C. Cun réxime de choivas extremas e de xeito permanente no transcurso do ano, non é aprezable estritamente un período seco. Nos meses de xaneiro a marzo e de setembro a outubro aumentan as precipitacións, aínda que pase chovendo a maior parte do ano.

Xeografía política[editar | editar a fonte]

Administrativamente está constituída como décimo distrito do cantón Puntarenas da provincia do mesmo nome, dende 1970. Pola súa condición de illa oceánica, xera ao redor un radio de 200 millas náuticas de augas xurisdicionais, o que constitúe uns 290.000 km² de zona económica exclusiva. Así, Costa Rica limita maritimamente tamén con Ecuador e Colombia. Isto supón ademais o acceso do país a unha rica diversidade de especies peláxicas de pesca de grande interese comercial.

Historia[editar | editar a fonte]

Navegantes e piratas[editar | editar a fonte]

Antigo mapa británico da Illa do Coco

O territorio insular foi pisado polo ser humano por primeira vez no ano 1526, polo navegante español Juan Cabezas. En 1556 xa figuraba no planisferio de Nicolás Deslines como a Illa do Coco. Desde o século XVII a illa foi refuxio de piratas e corsarios, dos que se especulou que agocharían tesouros. O 30 de xullo de 1793 parte da illa, logo dunha estadía de catro xornadas, o Ratler, un barco baleeiro británico que andaba á procura de novos caladoiros. Deixan atrás unha parella de cabras e unha de porcos; estes últimos axiña se reproduciron e inzaron a illa.

Entre os máis sonados hóspedes estaba o pirata inglés Edward Davis (1684) quen comandaba o Bachelor's Delight e que saqueou León de Nicaragua; o español Benito Bonito (1820) e supostamente o capitán William Thompson (1821), de quen se dixo durante moitos anos que enterrara nestas praias o Tesouro de Lima. A partir desa data foi visitada por numerosos barcos, que acudían a ela á procura do tesouro soterrado. Primeiro foron o mozo canadense John Keating e o seu socio Bogue, os primeiros que usaron un orixinal do mapa do tesouro. Non se sabe qué sucedeu coa expedición de Keating, que volveu en dúas ocasións máis á illa, pero si se sabe que Bogue nunca volveu ao Canadá.

Suponse que esta lenda foi a que inspirou a Robert Louis Stevenson a redacción d'A illa do tesouro.

Territorio de Costa Rica[editar | editar a fonte]

En 1869, o presidente de Costa Rica Jesús Jiménez reclamou a illa como territorio dese país e en execución do seu mandato (Acordo Executivo 141, 21 de agosto de 1869), o tenente Rafael Oreamuno toma posesión dela e chántalle por primeira vez a súa bandeira. A Constitución Política da República, do 7 de novembro de 1949, no parágrafo 3°, artigo 5°, cita a Illa do Coco como parte do seu territorio.

En 1897 é nomeado gobernador da illa, que seguía deshabitada, o alemán August Gissler, quen acudira a ela repetidas veces dende 1888 tamén á procura do tesouro de Lima. Gissler vive na illa durante dezasete anos, practicamente só ou coa muller, sen dar con el. Durante o seu goberno, entre 1894 e 1898, a illa poboouse ademais cunha cincuentena de alemáns, que viñeron vivir á illa coa promesa de que lles fosen cedidas propiedades. Pero dende ese último ano ata 1905 só estarán nela Gissler e a muller.

Pero nin así remata a febre dos cazatesouros. O 27 de febreiro de 1926 fondeaba na baía de Chatham, sir Malcolm Campbell, piloto de carreiras, que conseguira un mapa do tesouro mercándollo a un almirante inglés, Curzon Howe, que o recibira dun antigo temoeiro de John Keating, quen á súa vez llo dera por salvarlle a vida nun accidente marítimo. Por aquel entón, Gissler, que se seguía considerando o gobernador da illa malia vivir en Nova York, tenta venderlle a illa á Mariña dos Estados Unidos, sen éxito. O 8 de agosto de 1935 morría Gissler, e dispuxo no testamento que a illa tiña que repartirse en trece partes entre fiadores e parentes e que esas parcelas non podían venderse por baixo dos 200.000 dólares cada unha. Pero como a taxación oficial só ascendeu a 500 dólares, os herdeiros puxeron preito e perderon contra o goberno de Costa Rica: como non fora Gissler quen de poboar a illa, o acordo de cesión non se cumprira, e os seus herdeiros non podían exercer ningún dereito sobre a propiedade.

Finalmente, o 9 de outubro de 1935 o presidente dos Estados Unidos, Franklin Delano Roosevelt fondeou o acoirazado U.S.S. Houston na baía para que a tripulación cavase un pouco mentres el se dedicaba, a bordo, a pescar peixe espada.

A fin dos tesouros económicos e o comezo do tesouro natural[editar | editar a fonte]

En 1968 o goberno de Costa Rica decidiu deixar de outorgar permisos de escavación na illa, e destacou unha gornición na illa para protexela. Os aventureiros seguían chegando, porén, ou ben conseguindo permisos extraordinarios da administración costarriqueña, ou ben achegándose á illa polos cantís do sur, que por inexpugnábeis, carecían de vixilancia. En 1978 un soldado descubriu na selva da illa os restos dun bombardeiro estadounidense perdido dende 1943 e en 1980, Richard Gissler, un empresario alemán da produción de cartón ondulado, botou catro días na illa cun mapa de seu avó, August Gissler. Tampouco tivo éxito.

En 1978 o goberno de Daniel Oduber Quirós converteu a illa do Coco en parque nacional.

Interese natural[editar | editar a fonte]

Parque nacional da illa do Coco
Praia de Chatham, Illa do Coco
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País Costa Rica
Localización05°31′N 87°04′O / 5.517, -87.067
TipoNatural
CriteriosIX, X
Inscrición1997 (21ª sesión, ext 2002)
Rexión da UNESCOLatino América e o Caribe
Identificador820

Polo seu tamaño, illamento, e estado de conservación, a illa do Coco constitúe un dos sitios naturais privilexiados a nivel mundial. Cunha alta taxa de especies endémicas diversidade biolóxica singular, a illa pode ser considerada un laboratorio natural ideal para realizar investigacións sobre a evolución das especies e a observación dos ecosistemas a longo prazo.

Especies[editar | editar a fonte]

A illa está cuberta por un bosque sempre verde, moi denso. Das 235 especies de plantas identificadas, 70 son endémicas: 10 especies vasculares terrestres, 48 especies non vasculares e 17 especies de fentos. Sobresaen tres especies endémicas: Sacaglotis holdrigen, Cecropia pittier e Rooselveltia frankliana.

De 382 de insectos, 64 son endémicas. Existe unha especie endémica de lagarta e outra de píntega. Tamén se rexistran 3 especies de arañas; 97 de aves, 3 delas endémicas e outras 3 en perigo de extinción; 57 de crustáceos; 510 de moluscos dos que o 7% son endémicas; 5 especies de réptiles (2 endémicas e 3 tartarugas mariñas); 3 arañas; máis de 200 de peixes, entre as que se atopan 27 especies rexistradas de quenllas, onde predominan o Trigenodon obesus, o Sphyrna lewinni e o Rhincodon typus, así como cinco peixes de auga doce (3 endémicas: Sycydium cocoensis, Gobiesox fulvus e Eleotris picta; e 18 corais.

A fauna silvestre é reducida e pouco diversa. Alberga cinco especies endémicas de vertebrados: o Coccyzus ferrugineus, o Nezotriccus ridgwayi, o Pinaroloxias inornata, o Norops towsendi, o Sphaerodactilus pacificus e un alacrán endémico, o Opistocautus valeroi. Hai máis de 200 anos introducíronse na illa 6 especies: o porco, un tipo de cervo (Odocoileus virginianus), a cabra, a rata, o rato de casa e o gato, que causaron fortes danos ao hábitat natural e ás especies autóctonas.

Status de protección[editar | editar a fonte]

Con estas excepcionais características naturais, o goberno de Costa Rica creou en 1978 o Parque Nacional Illa do Coco, que posteriormente foi declarado núcleo da Área de Conservación Mariña do mesmo nome. A Organización da Nacións Unidas para a Educación, Ciencia e Cultura (UNESCO) en 1997 declarouna Sitio Patrimonio Natural da Humanidade. Así mesmo en 1998 foi declarado espazo húmido de Importancia Internacional baixo a Convención Internacional de Ramsar de 1991.

En 1995, no marco do estudo sobre un "Sistema de áreas mariñas protexidas representativas do mundo", realizado pola Autoridade do Parque Mariño do Arrecife da Gran Barreira (Australia), o Banco Mundial e a Unión Mundial para a Natureza (UICN), acordaron considerar a Illa do Coco como zona prioritaria de conservación. A illa é a área núcleo da Biorexión Illa do Coco, definida e delimitada en 1999 polo Programa de Apoio da Biodiversidade (BSP), que é un consorcio formado polo Fondo Mundial para a Vida Silvestre (WWF), The Nature Conservancy (TNC) e o Instituto Mundial de Recursos (WRI), e considerada prioritaria para a conservación mariña.

O 11 de outubro do 2002, o goberno de Costa Rica declarou a Illa do Coco Patrimonio Histórico Arquitectónico de Costa Rica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazón externa[editar | editar a fonte]