Coca-Cola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coca-Cola
Coca-Cola logo.svg
Fundación 1886
Matriz The Coca-Cola Company
Localización Atlanta, Xeorxia, Estados Unidos de América Estados Unidos
Fundador John Pemberton
Industria Alimentación
Produtos Coca-Cola
Páxina web cocacola.es
Coca-Cola.JPG

Coca-Cola é a marca rexistrada en 1886, nos Estados Unidos de América, dunha bebida gasosa e azucrada. A forma da botella foi tamén rexistrada en 1960. No países anglosaxóns recibe a denominación popular de Coke.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O nome procede de ingredientes da súa composición inicial: a folla de coca e a noz de cola; a bebida era por entón vendida polo seu inventor, o doutor John Stith Pemberton, como un remedio milagreiro (o envase era diferente do actual).

Os seus principais competidores actuais no mercado mundial son: Pepsi-Cola e Virgin Cola, ambas as dúas tamén bebidas de cola. Fabrícanse outras colas sobre a base da receita OpenCola, con licenza GPL. Hai tamén as altercolas.

A sede central de The Coca-Cola Company está en Atlanta, Xeorxia, nos Estados Unidos.

Composición da Coca-Cola[editar | editar a fonte]

Museo World of Coca-Cola en Las Vegas, Nevada, no 2000
Publicidade de Coca Cola

A fórmula da Coca-Cola é gardada en segredo, permanecendo desde a súa creación como un misterio cuidadosamente mantido. Só tres persoas poderían ter acceso á lista dos ingredientes que a forman e ás regras específicas da súa preparación. Porén, segundo William Reymond (autor de Coca-Cola, l'enquête interdite, Coca-Cola, a enquisa prohibida) pódese encontrar a receita en Internet e no seu libro.

En realidade, non é máis que un puro segredo de marketing, pois os químicos ha xa tempo que analizaran con precisión a fórmula da Coca-Cola.

O seu particular sabor procede da mestura de azucre e de esencias de laranxa, limón e vainilla. Outros ingredientes, como o ácido fosfórico, terían un papel menor no seu gusto. O azucre caramelizado é o responsábel da cor escura da bebida. Cada fabricante con licenza da marca recibe o concentrado en grosos frascos, debéndose limitar a engadir a auga. Como esta ten diferente gusto segundo rexións e países, de aí que o sabor da Coca-Cola varíe segundo zonas.

O efecto estimulante orixinario era producido pola cocaína, contida nas follas de coca, e pola cafeína das noces de cola. En 1906, a Coca-Cola, vendida como un tónico cerebral, estaba case desprovista de cocaína (un 1/400 de grao por cada onza de xarope); esta proporción mantívose ata 1929. A tecnoloxía suprimiu todo o contido de cocaína e a cafeína subsiste nunha taxa reducida para que a bebida conserve a súa faceta estimulante.

A compañía Coca-Cola é o maior consumidor mundial de extracto de vainilla natural. Así que cando, en 1984, para a "New Coke", foi utilizada unha nova fórmula, a economía de Madagascar derrumbouse, pois pasouse a utilizar un substitutivo sintético, a vainilina, baixando as compras de vainilla á metade. Por contra, o recente lanzamento dunha nova fórmula con vainilla, fixo subir os prezos dese produto.

Logotipo e envase[editar | editar a fonte]

Logo da Coca-Cola.

O coñecido logotipo da Coca-Cola foi creado polo contábel de John Pemberton, Frank Mason Robinson, en 1885. Foi Robinson que ideou o nome e quen tamén escolleu o logo en escrita cursiva. O formato usado, coñecido como tipo Spencer, foi desenvolvido a mediados do século XIX e era a grafía dominante, en manuscritos formais, nos Estados Unidos, durante ese período.

A igualmente famosa botella de Coca-Cola, chamada a "contour bottle" dentro da compañía, foi creada en 1915 polo deseñador de botellas Earl R. Dean. Nese ano a empresa convocou un concurso entre os seus subministradores de botellas para crear unha nova para a bebida, que se diferenciase doutras: "...unha botella que unha persoa poidera recoñecer mesmo na escuridade,e que aínda rota alguén puidese dicir de que era con só unha ollada...". Un equipo quedou encargado de seleccionala. O auditor da compañía T. Clyde Edwards e Earl R. Dean, acabaron por inspirarse nunha imaxe dun coco con forma de cabaza que ollaron na Encyclopedia Britannica, e o presidente da compañía, Chapman J. Root, aprobou o modelo que estes lle presentaron. Dean creou o molde para a botella e elaborou unhas cantas con ese molde. Aprobado definitivamente polo presidente, o deseño foi patentado en novembro de 1915, aparecendo xa no mercado en 1916, e, en 1920, era a botella estándar da empresa. Hoxe, a botella é un dos envases máis recoñecíbeis do mundo.

Coca-Cola en Galiza[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Begano.
Begano, A Coruña

BEGANO (Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A.) é unha das sete embotelladoras de Coca-Cola en España. A fábrica de Begano ten 360 traballadores e unha facturación de 180 millóns de euros, e está situada na cidade da Coruña. O edificio da empresa foi deseñado polos arquitectos Andrés Fernández-Albalat Lois e Antonio Tenreiro en 1960. Está considerado como unha das edificacións industriais significativas da arquitectura galega. Begano fabrica, vende e distribúe as marcas Coca-Cola, Sprite, Fanta, Nordic Mist, Schuss, Nestea, Aquarius, Powerade, Burn, Minute Maid, Aquabona e Mare Rosso. A empresa ten seis delegacións en Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo.

En maio de 2012, Cobega a embotelladora de Coca-Cola en Cataluña, mercou o 60% de Begano. Actualmente Begano está a traballar para trasladar a fábrica ao concello de Oza-Cesuras[1].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Coca-Cola

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]