Catedral de Mondoñedo
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Catedral de Mondoñedo | |
---|---|
Fachada da catedral | |
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Tipo | Catedral |
Localización | Mondoñedo |
Coordenadas | 43°25′41″N 7°21′46″O / 43.4281, -7.36278 |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Mondoñedo-Ferrol |
Arquitectura | |
Construción | 1225 [1] (Antigo Reino de Galiza ) |
Estilo | arquitectura románica |
Identificador | RI-51-0000080 |
[ editar datos en Wikidata ] |
- Non confundir coa Basílica de San Martiño de Mondoñedo.
A catedral de Mondoñedo é un templo católico da vila de Mondoñedo, unha das sés episcopais da diocese de Mondoñedo-Ferrol xunto coa Concatedral de Ferrol. Foi declarada Monumento Nacional en 1902 e nomeada basílica por Xoán XXIII cunha bula datada o 9 de marzo de 1959.
Historia
[editar | editar a fonte]A mediados do século IX un conxunto de monxes asentouse xunto ao Cantábrico. Afonso III deu o seu beneplácito ao asentamento configurando en certa forma a nova diocese. No 866, o bispado de Lugo cedeu terreos ao norte do seu bispado, próximo ao Mar Cantábrico, dando orixe á diocese mindoniense e creándose o mosteiro de San Martiño de Mondoñedo en Foz como sede da mesma.
Debido á súa proximidade ao mar e o perigo de incursións dos pobos de norte (normandos e viquingos), os bispos pensaron na necesidade de trasladarse a terras do interior. Os bispos da sede mindoniense conseguiron por parte do Papa e a raíña Urraca trasladar a sede da diocese á actual Mondoñedo (nomeada en honor á anterior) ao redor 1112. Entón decidiron a necesidade do inicio da construción da actual catedral.
Características
[editar | editar a fonte]O actual templo, de estilo románico comezouse a construír en 1219 e en 1246 estaría avanzada a obra, aínda que se concluíu durante os séculos XIII e XIV. Estivo aberta ao culto desde 1225 e foi consagrada no 1248. A catedral na súa estrutura inicial tiña tres ábsidas; a maior e dúas menores.
Como outras catedrais do momento como a de Lleida, Tarragona, Tudela ou Sigüenza foron construídas seguindo no estrutural ao modelo francés do Languedoc. Trátase dun edificio cun estilo de transición entre o románico e o gótico, do que non chega a adoptar gran parte dos seus avances e no que a robustez do románico prima sobre o naquel momento imperante estilo gótico.
A catedral actual é un edificio de tres naves, con bóveda de crucería nervadas, baixas e moi abertas, sobre arcos apuntados, cun cruceiro destacado.
No século XVI foron derrubadas as dúas capelas absidais laterais para construír un deambulatorio rectangular. No século XVIII aumentáronselle os brazos do cruceiro.
A fachada do templo componse de tres grandes oxivas, que se corresponden coas tres naves. A fachada occidental posúe un rosetón do século XIV de 5 metros de diámetro con vidreiras policromadas. Está flanqueada por dúas impoñentes torres e posúe de importantes escudos.
No interior atópase o museo de arte sacra, que é un dos máis importantes de Galicia e atópase situado nas naves laterais do templo.
O seu retablo maior posúe dous corpos,o primeiro corpo está dedicado á Asunción da Virxe e o segundo ao misterio da Santísima Trindade. Este retablo foi decorado por Fernando de Terán.
Durante a idade media construíuse un coro de pedra que foi substituído a principios do século XVI por un de madeira. Neste século tamén se construíu o deambulatorio e no final do mesmo a sancristía.
O claustro é do século XVII, en estilo renacentista, posúe planta cadrada e está rodeado de arcos de medio punto con columnas dóricas. Foi reconstruído por Diego Ibáñez Pacheco. Foi realizado entre 1636 e 1640 substituíndo o antigo claustro medieval.
No século XVIII remodelouse a fachada e engadíronse as torres que a barroquizaron, por orde do bispo Xoán Muñoz.
Estilos
[editar | editar a fonte]A catedral posúe varios estilos debido ás sucesivas ampliacións e reformas ao longo do tempo. Foi construída sobre bases románicas, aínda que sufriu ampliacións barrocas.
Na porta principal e a ábsida maior pódense ver as súas orixes románicas.
Doutra banda tanto o cruceiro e a sancristía son de estilo gótico, así como o rosetón de cinco metros de diámetro da fachada occidental.
As pinturas da nave central situadas baixo os órganos tamén se enmarcan no estilo gótico. Entre estas pinturas cabe destacar a pertencente á escena da Degolación dos Inocentes. A cantería do coro tallada en madeira de nogueira pertence igualmente a este estilo.
O claustro reformado a principios do século XVII é de estilo clásico, consta dun só andar con arcos de medio punto e columnas dóricas. No centro existe un cruceiro gótico, que probablemente pertencía ao primitivo claustro.
O retablo maior actual, obra de Fernando de Terán é rococó con columnas neoclásicas.
Museo
[editar | editar a fonte]Inaugurado en 1969, está dividido en cinco salas.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Catedral de Mondoñedo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Basilio Cegarra (1992). Guía da arte de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 9788471548474.