Caso do metílico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elaboración artesanal de augardente.

A denominación popular Caso do metílico designa un abrocho de intoxicación alimentaria acaecida en Galicia e nas illas Canarias durante a primavera de 1963, por consumo de bebidas alcohólicas elaboradas a partir de alcohol metílico, co resultado de 51 falecidos e 9 persoas cegas, aínda que se estima que a cifra real de mortos puido contarse por milleiros. Polas obvias similitudes, o caso metílico foi cualificado posteriormente como "a colza do franquismo" [1].

As primeiras mortes coñecidas acaeceron entre mariñeiros do concello de Haría, en Lanzarote, e xa puxeron de manifesto que a causa estaba na presenza de altas concentracións de metílico nas bebidas que alí vendía un adegueiro de Vigo. Pouco tempo despois observouse un incremento anómalo da mortalidade na comarca do Carballiño, Ourense, que só se relacionou con aquelas cando a noticia dos mariñeiros mortos se publicou na prensa galega.

A venda do alcohol contaminado foi coutada polas autoridades nun prazo relativamente breve, pero a distribución que se fixera antes de coñecerse a toxicidade do mesmo explica que se fosen producindo novas mortes ata maio de 1963.

En decembro de 1967 tivo lugar o xuízo contra os 11 procesados, que resultaron con penas de cadea comprendidas entre 1 e 20 anos e indemnizacións que alcanzaban case os 20 millóns de pesetas.[2] Ningún dos condenados cumpriu máis de 6 anos de cárcere e, ó declarárense insolventes, ningunha vítima ou familiar recibiu cantidade algunha como indemnización.

Os comezos da intoxicación

Nas Canarias

A que se considerou primeira vítima oficial da intoxicación por metílico, Esteban Jesús Pablo Barreto Barreto, morreu na madrugada do 18 de febreiro de 1963, tras tomar unhas copas de ron nun bar de Haría, entre fortes dores abdominais, vómitos e unha súbita cegueira. O 1 de marzo morría de forma parecida María Dolores Zerpa, o 15 de marzo Santiago Betancor e o 22 de marzo Tomás Pereda, mariñeiro ó que lle deron unha copa de augardente para curar un forte catarro. Nesas mesmas semanas, outras dúas persoas quedaran cegas de forma súbita.

Todas estas mortes e casos de cegueira en tan breve espazo de tempo non podían ser froito da casualidade. Elisa Álvarez Obaya, inspectora de Farmacia naquel concello desde 1961, comproba que tódalas vítimas consumiran alcohol nas horas previas á aparición dos síntomas, e que varias eran clientes habituais da adega de Francisco Pérez Pacheco, en Haría. Tras analizar o contido de botellas, garrafas e bocois, comproba a presenza de altos contidos de alcohol metílico na augardente [3], polo que prohibe a venda deste licor en tódolos bares de Haría e emite un informe, o 21 de marzo, co que se inicia o proceso xudicial que constituirá o Caso metílico. Co paso do tempo, a estas vítimas mortais de Lanzarote uniríanse outras nas illas de Tenerife e La Gomera, ata completar un total de 18 falecidos.

A primeira noticia da intoxicación publícase na prensa galega o 30 de marzo, cando o diario Faro de Vigo inclúe nunha páxina interior un breve artigo titulado "Tres personas han muerto y otras dos perdieron la vista al ingerir ron en malas condiciones". Nesa data, xa morreran 14 persoas en Galicia pola mesma causa pero sen que se soubese a razón: sospeitábase dunha epidemia de meninxite.

En Galicia

Casa do concello do Carballiño, neste concello faleceron 13 persoas.

Simultaneamente, outros casos de cegueira e morte con evolución e cadros clínicos semellantes teñen lugar en distintos lugares da provincia de Ourense, concretamente nas parroquias de Covas e Vales, do concello de San Cristovo de Cea, no Carballiño e no lugar de Porto de Eguas, deste mesmo concello [4]. O médico de Cea, Xosé Nóvoa Seijo, lembra un caso xa a finais de 1962 dun labrego que morrera "moi rápido". Houbo outra morte o 21 de febreiro e unha terceira o 20 de abril. Cando foi atender este último caso, as mortes de Canarias xa saíran na prensa e, sospeitando unha relación causal, preguntou se consumira alcohol antes de sentirse enfermo. Cando se confirmou que bebera licor café puxo en coñecemento da Garda Civil estes feitos por posible intoxicación.

O 26 de abril coñécense as primeiras mortes na provincia da Coruña, tres veciños da parroquia de Sarces, do concello de Laxe [5], aínda que posteriormente se recoñeceron dúas mortes anteriores pola mesma causa [6].

Noutros lugares

Só se recoñeceu un caso de morte por metílico fóra das Canarias e de Galicia: o dun falecido no Sáhara Español, pero logo veremos que a distribución do alcohol metílico abarcou outras provincias españolas e distintos países europeos e americanos nos que nunca se saberá se houbo mortos por esta causa.

Tense constancia do comiso en Madrid de 1.452 litros de licor café, augardente e xenebra contaminados, así como 300 litros de augardente en Barcelona adquiridos polo Centro Galego desta cidade.

Xa fóra de España, o 10 de maio, o diario barcelonés La Vanguardia publicaba a noticia de que 31 vagabundos neoiorquinos morreran intoxicados por alcohol metílico aínda que posteriormente se puido confirmar que estas mortes non estaban relacionadas co metílico ourensán [7]. Aínda que só fose unha casualidade no tempo, era fácil ver unha relación do caso metílico con estes feitos: sabíase que Manuel López Valeiras, industrial vigués, comprara a Roguelio Aguiar varias partidas de metanol a primeiros de 1963, e que en marzo dese mesmo ano exportara a Nova York cinco caixas de botellas de augardente. A fortuna quixo que a partida fora analizada e, ó comprobar que tiña unha concentración elevada de metanol, fose intervida.

A causa da intoxicación

Queda fóra de toda dúbida que a intoxicación foi causada polo consumo de bebidas alcohólicas (augardente, ron, licor café, xenebra etc.) elaboradas a partir de alcohol metílico ó que se someteu a diversas mesturas con alcohol etílico. A razón desta manipulación fraudulenta non foi outra que un desmesurado afán de lucro por parte de certos adegueiros que decidiron fabricar bebidas alcohólicas cun alcohol tóxico de entre 9 e 14 pesetas/litro en lugar de facelo con alcohol etílico, valorado nesas mesmas datas nunhas 30 pesetas litro.

A sentenza admitiu a falta de intencionalidade nas intoxicacións pero declarou probado que os principais industriais implicados coñecían a toxicidade do alcohol que comercializaban, presupoñendo que as mesturas ás que era sometido (e mais a rebaixa con auga) diluirían o tóxico ata niveis non perceptibles [8].

"Estes señores que hoxe sentan no banquiño non tiveron intención de matar, pero fixéronno, esquecendo ó suxeito, esquecendo ó próximo e pensando só no ánimo de lucro e conscientes de que os produtos que elaboraban tiñan unha substancia tóxica, mortal, como o metanol".
Fernando Seoane na intervención inicial do xuízo (Fernando Méndez, px. 212)

O alcohol metílico

Artigo principal: Alcohol metílico.
Fórmula do alcohol metílico.

O alcohol metílico, metanol, alcohol de madeira ou alcohol de queimar (CH3OH), é un líquido volátil, incoloro e soluble en auga e outros disolventes. A densidade é de 0,79, o punto de ebulición está nos 65ºC e o de conxelación nos -97ºC. Trátase dun produto de uso industrial, demandado para a elaboración de disolventes, limpaparabrisas, lacas, vernices, produtos plásticos, explosivos etc. Obtíñase primeiro da destilación da madeira (de aí un dos seus nomes) e da extracción da hulla, pero actualmente se obtén como subproduto na fabricación de polímeros.

Na fabricación artesanal de augardente prodúcense pequenas cantidades de metílico, a partir do bagazo, xa que a destilación nos alambiques non garante unha temperatura estable ó longo do proceso, pero nunca alcanza concentracións perigosas.

O consumo de alcohol metílico provoca un cadro de intoxicación, de gravidade variable segundo a cantidade inxerida e a concentración, a complexión do paciente e o tempo que se tarde en facer un diagnóstico exacto e instaurar un tratamento. A dose tóxica varía entre 60 e 250 ml de metanol ó 40%. Os síntomas aparecen entre os 40 minutos e as 72 horas despois do consumo e comezan con signos de embriaguez, cefaleas, náuseas e vómitos. A seguir aparecen síntomas nerviosos (mialxias, depresión do sistema nervioso central, tremores etc.) e problemas de visión que son característicos: perda de visión, visión borrosa e cegueira. Finalmente, nos casos mortais, aparecen hipotensión, bradicardia e convulsións, ata que o paciente entra en coma e morre.

A cegueira é un síntoma patognomónico da intoxicación por metílico, e a casualidade quixo que na contraetiqueta dunha das botellas de licor que provocaron esta intoxicación figurase o poema de Rosalía de Castro:

"Adiós ríos, adiós fontes,
adiós regatos pequenos,
adiós vista dos meus ollos.
non sei cando nos veremos"

Os responsables da fraude

Foi Rogelio Aguiar Fernández [9], adegueiro ourensán, quen comezou a compra de alcohol metílico nunha industria madrileña, Alcoholes Aroca, como materia prima para a elaboración de diversas bebidas alcohólicas [10]. Rogelio Aguiar comezou, xa en 1961, comprando alcohol isopropílico (33.712 litros [11]) pero os seus clientes o rexeitaron polo cheiro e sabores anormais, polo que a partir de decembro de 1962 pasou a comprar alcohol metílico (75.000 litros; 73.000 segundo outras fontes), que non daba eses problemas. Con este alcohol metílico elaboraba bebidas na súa propia adega e tamén o subministraba como materia prima (en forma de alcohol puro, mesturado con alcohol vínico en distintas proporcións ou como augardente de cana) ós seus clientes, sen advertirlles da verdadeira composición e, por conseguinte, da súa toxicidade.

Un dos seus principais clientes -no que ó metílico se refire- foi a empresa de alcohois Lago e Hijos, de Vigo, dirixida por Román Rafael Saturno Lago Cabral e o seu fillo Román Xerardo Lago Álvarez. Foi esta empresa a que comercializou nas Canarias o alcohol que deu lugar ás primeiras mortes coñecidas. Outro era a empresa coruñesa Industrias Rosol, cuxo xerente Miguel Ángel Sabino Basail Infante, tamén foi procesado. No xuízo, foron consideradas como principais responsables estas cinco persoas: Rogelio Aguiar e a súa dona, María Ferreiro Sánchez; Román Lago e mais o fillo; e Basail Infante, porque, coñecendo a toxicidade do alcohol que manexaban, non dubidaron en comercializalo.

No caso de Industrias Rosol, que comprou case a metade daqueles 75.000 litros, parte do metílico foi desviado á fabricación de vinagre que vendeu a distintas conserveiras coruñesas e co que se elaboraron conservas e escabeches. Así, unha conserveira de Cariño recibiu 316.000 litros de vinagre [12].

Outros adegueiros e intermediarios utilizaban o alcohol que lles subministraban Aguiar ou Lago para facer as súas propias formulacións. Nalgúns casos utilizouse para encabezar o viño e, como vimos, para fabricar vinagre. Estes foron considerados responsables secundarios xa que non se probou que souberan que estaban vendendo metílico, pero o feito é que os licores que venderon produciron mortes nas persoas que os consumiron. A policía probou que ningún destes realizou máis control sobre as bebidas que vendían que comprobar a graduación alcohólica.

Cando se coñeceron as mortes acaecidas en Canarias e a súa relación cos licores, os principais responsables da trama comprenderon axiña as posibles consecuencias que para eles podían representar.

"Rogelio Aguiar sabe que aquilo é moito máis grave que o que a prensa, descoñecedora aínda da magnitude so suceso, cre. El e Román Lago Cabral coñecían perfectamente os motivos que levaron á morte ós veciños de Haría."
Fernando Méndez, px. 47.

Aguiar e Lago intentaron poñerse de acordo previndo unha futura declaración ante a Policía [13] e botaron polo sumidoiro tódalas existencias dos seus almacéns [14]. Outros intentaron recuperar o que puideron das garrafas e botellas que venderan para baleiralas na primeira gavia que atoparon no camiño. Destruíuse ou agachouse a documentación comercial que demostraba compras e vendas. Todo isto representou un considerable atranco na investigación e retirada de licores contaminados e quedou recoñecido no xuízo, ademais de explicar o baile de cifras entre as cantidades de metílico compradas e de bebidas elaboradas.

A falta de control oficial

Ademais da responsabilidade directa dos adegueiros e comercializadores no uso dunha materia prima tóxica na elaboración de bebidas alcohólicas destinadas ó consumo humano, a sabiendas da súa toxicidade, o fiscal veu tamén a responsabilidade da Administración do estado que non soubo ver o perigo do comercio dun alcohol de uso industrial entre empresas destinadas a procesar alcohol vínico. Para el, a intoxicación masiva foi propiciada pola falta do máis mínimo control oficial sobre este produto e sobre as industrias elaboradoras de bebidas, fose por parte dos servizos oficiais de Sanidade, de Agricultura ou do Sindicato de Industrias Químicas [15].

O avogado de Aguiar e da súa dona chegou a pedir a absolución dos seus defendidos achacando a responsabilidade das mortes á sociedade e ó Estado, pola total falta de control no comercio do metílico e na elaboración de licores.

Durante o segundo semestre de 1963, Fernando Seoane pide explicacións sobre as responsabilidades e competencias do Estado no control deste comercio ilegal sen atopar respostas. Os diferentes organismos oficiais alegan non ter competencias sobre ese tema ou recoñecen que "Se descoñecen as razóns do porqué non foi descuberta oportunamente a existencia e comercio de bebidas alcohólicas elaboradas con metanol", ou que "A localización e orixe dos feitos afectaron a unha reducida zona do territorio nacional (Canarias e Ourense)". Ante a vaguidade das respostas e a indefinición sobre as responsabilidades no control e inspección, solicita ó Ministerio da Presidencia (daquela a cargo de Luis Carrero Blanco) a identidade dos funcionarios con competencias no control e inspección de produtos derivados do metanol, pero o Ministerio responde asegurando que os funcionarios actuaron correctamente e que un instrutor de Ourense carece de competencias para avaliar o cometido deses funcionarios. Respecto a coñecer a identidade, competencias e deberes dos funcionarios encargados da inspección dos alcohois potables, isopropílico e metílico, rematan dicindo que "Non lle é legalmente posible a V.E. acceder ó que solicita" e que non cabe buscar responsabilidades neste terreo:

"...xa que a súa misión evitar unhas infraccións de carácter administrativo e regulamentario, que son as únicas ás que pode contraerse a súa habitual dilixencia, e nunca a prever delictos como os cometidos, que xamais é dable conxecturar. ... ¿Como van preverse, pois, estes que sorprenden pola inhumanidade que desbalden quen os cometen?"
(Fernando Méndez, px. 139).

Aínda así, o fiscal consegue que o xuíz Cora Rodríguez curse ante o Tribunal Supremo unha solicitude para que se investiguen as posibles responsabilidades da Administración, solicitude que remataría sendo arquivada ó considerar o alto tribunal que non existían indicios racionais de criminalidade nos funcionarios.

As vítimas

Ficheiro:Santa Cruz de Tenerife (2).jpg
Na provincia de Santa Cruz de Tenerife houbo 14 vítimas mortais.

Nunca se soubo cal puido ser o número de persoas afectadas pola intoxicación. Oficialmente admitíronse só 51 persoas falecidas e cinco que quedaron cegas tras consumir metílico, pero porque só nestas persoas se confirmou analiticamente a presenza de altos niveis de alcohol metílico en sangre e vísceras. Moitas outras mortes foron atribuídas a esta mesma causa pero non se puido demostrar nas correspondentes autopsias, en moitos casos por diagnósticos erróneos (meninxite, ataques cardíacos ou, simplemente, "morte natural"), e noutros porque as propias familias agocharon as circunstancias da morte para preservar a memoria do familiar morto fronte ás acusacións, máis ou menos veladas, de que fora cousa da súa afección á bebida.

Os 51 casos de morte oficialmente recoñecidos distribuíronse do seguinte xeito:

Sobreviviron á intoxicación un total de 9 persoas (5 en Ourense, 2 na Coruña e 2 nas Palmas), das que cinco sufriron cegueira irreversible [16].

A distribución temporal das mortes abarca, en Galicia, desde o 13 de febreiro ata o 18 de maio; nas Canarias, entre o 7 de febreiro e o 2 de abril.

Pero o alcohol metílico fora comercializado nunha área moito máis ampla, distribuíndose en moitas provincias españolas, nas colonias (Sáhara e Guinea Española), algúns países europeos e nos Estados Unidos. Por dar un exemplo, unha das empresas procesadas, Casa Barral, de Ourense, vendeu distintas bebidas con metílico en Navarra, Bilbao, Granada, Melilla, Xixón, Tenerife, Cádiz, Huelva, Zaragoza e Portbou (Xirona). Durante o xuízo tamén se mencionaron outros destinos como Alemaña, Suíza, Bélxica e Dakar.

Tendo presente esta ampla distribución e o volume de alcohol metílico, a cifra de 51 mortos semella non corresponder nin remotamente á realidade. Fernando Méndez, recollendo a opinión do fiscal Fernando Seoane, sempre falou de milleiros de mortos e lesionados, ós que non se lles fixo un diagnóstico correcto ou nos que non se confirmou a causa da morte mediante as analíticas adecuadas.

"El fiscal del caso me decía que podía decir perfectamente 50, 60, 70.000. Nunca se sabrá. Las viejecitas gallegas y los negritos de Guinea, esos cayeron como moscas"
Fernando Méndez (Cuarto Milenio, 11.03.2011, minuto 10).

Noutra orde de cousas, o caso metílico representou unhas perdas económicas incalculables no sector vitivinícola galego e provocou a ruína de moitas fábricas de licores galegas [17]. Durante moito tempo, o consumo de bebidas alcohólicas caeu en picado, tanto por causa da publicación case diaria de novos casos de mortos ou intoxicados como polo propio tratamento -cualificado de alarmista- que se deu nos medios. Mesmo se viron anuncios en bares e outros establecementos garantindo que o alcohol que vendían non era de orixe galega:

"Aquí no se vende vino de Ribeiro"
"Garantizamos que no expedimos vinos gallegos"
(Fernando Méndez, px. 116)

O xuízo

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid.

No proceso xudicial actuou como xuíz instrutor Xosé Cora Rodríguez [18], que veu substituír ó cabo de un mes de iniciado o proceso ó primeiro xuíz nomeado, Xosé Álvarez Arredondo. O fiscal do caso foi Fernando Seoane Rico, quen chegou a sufrir ameazas de morte nas datas previas ó xuízo [19]. O tribunal estivo presidido polo maxistrado Francisco Marcos Rodríguez, auxiliado polos maxistrados Luís González Diéguez e Félix Barros Nóvoa.

Os principais responsables (Aguiar, Lago e Basail) foron detidos o 26 de abril de 1963, e días despois fórono o resto dos procesados.

O xuízo deu comezo o 1 de decembro de 1967, case catro anos despois de que se produciran os feitos. Ademais do fiscal, actuaron 5 acusacións privadas e 13 avogados defensores. Foron chamados a declarar 113 testemuñas propostas polo fiscal e 76 propostas polas defensas, e catro peritos [20].

O 27 de decembro ditouse sentenza, que condena os 11 acusados (9 adegueiros, a muller dun deles e un avogado) por delitos contra a saúde pública e imprudencia temeraria, a penas que oscilan entre 1 e 20 anos de cadea, multas de 100.000 pesetas e unhas indemnizacións que sumaban 19.563.500 pesetas [21]. As empresas Lago e Hijos e Industrias Rosol foron declaradas responsables civís subsidiarias. Dous anos despois, o 2 de xuño de 1969, o Tribunal Supremo ditou sentencia firme, que só modificou lixeiramente a ditada pola Audiencia de Ourense, aínda que retirou en tódolos casos a condena por imprudencia, mantendo a de delito contra a saúde pública.

Aínda que a sentenza foi considerada exemplar, o certo foi que tódolos condenados foron obxecto de posteriores indultos que permitiron que puidesen saír da cadea ós poucos anos. Así, dous dos condenados a máis anos de cárcere, Rogelio Aguiar e Román Lago, quedaron en liberdade en 1972 e 1974 respectivamente, tras cinco anos escasos de prisión efectiva. María Ferreiro, a muller de Rogelio Aguiar, que foi condenada a 12 anos de cadea, fuxiu a París ó ditarse a sentenza e non entrou en prisión. Foi detida en 1975, nun control rutineiro na fronteira, pero quedou en liberdade ó haber prescrito os seus delitos: o resultado é que tan só pasou mes e medio en prisión preventiva [22].

Tampouco se fixeron efectivas as indemnizacións acordadas, xa que tódolos acusados se declararon insolventes e as súas empresas en creba, co que ningún dos damnificados puido cobrar nin unha peseta.

Estudos posteriores

O periodista Fernando Rodríguez Méndez (n. 1964) publicou dous detallados estudos do caso do metílico:

En 2010 preparou, xunto co director de cine Emilio Ruiz Barrachina, unha película sobre a intoxicación baixo o título Metílico. La bebida de la muerte [24]. Ía ser protagonizada por Juanjo Puigcorbé, no papel do fiscal Fernando Seoane, e María Pujalte, no da farmacéutica de Lanzarote Elisa Álvarez, pero o proxecto non callou.

Nese mesmo ano naceu un movemento entre familiares de afectados coa finalidade de solicitar a reapertura do caso, pero tampouco se conseguiu nada.

En 2009, Gloria Lago [25], neta de Román Lago Cabral e filla de Román Lago Álvarez, dous dos principais procesados, publicou El reloj de cuco, unha historia novelada da vida da familia Lago e do proceso xudicial, nun intento de vindicar a imaxe da familia.

Notas

  1. A intoxicación por aceite de colza desnaturalizado, acaecida en maio de 1981, causou entre 1.000 e 5.000 mortes e entre 20.000 e 25.000 enfermos.
  2. Sentencia en la causa del metílico no diario ABC, o 28 de decembro de 1967.
  3. Nunha garrafa de 16 litros, da que xa se consumiran tres.
  4. A comarca do Carballiño reuniu 13 das 25 vítimas mortais da provincia de Ourense, outras 5 acaeceron no concello de Ourense e as outras sete en Verín, Celanova, Ribadavia, Xinzo de Limia e Baños de Molgas.
  5. Fernando Méndez sitúa Sarces, por erro, no concello de Carballo.
  6. O primeiro falecemento produciuse en Noia o 17 de marzo.
  7. Mortales Intoxicaciones en Nueva York causadas por alcohol metílico nova no periódico La Vanguardia (en castelán)
  8. Fernando Méndez fai fincapé no feito de que ningún dos adegueiros nin os seus familiares resultaron intoxicados, o que -di- evidencia que eran conscientes da súa toxicidade. Non obstante, no seu libro (px. 44) recolle o feito de que Román Lago fillo, que estivo probando unha das elaboracións na fábrica de Aguiar, sufriu mareos e vómitos na súa viaxe de regreso a Vigo, recuperándose totalmente ó día seguinte. En contraposición, houbo dous casos, polo menos, de taberneiros ourensáns que morreron tras beber diante dos seus clientes pretendendo demostrar a calidade dos licores que vendían.
  9. Aquí pode verse unha fotografía da época deste industrial.
  10. El foi o único que trouxo este alcohol a Ourense.
  11. Outros documentos falan de máis de 50.000 litros.
  12. Continúan los fallecimientos en Galicia por ingerir bebidas elaboradas con alcohol metílico ABC, 27.04.1963.
  13. Aguiar propuxo botarlle as culpas a un erro dun empregado seu, que collera o alcohol metílico por erro, en lugar do alcohol vinico. No xuízo, non obstante, demostrouse que este erro era imposible ó utilizar envases totalmente diferentes para un e outro produto.
  14. Román Lago recoñeceu no xuízo que "O 21 ou 22 de marzo de 1963 tiven unha confidencia na que me dixeron quen o alcohol de Aguiar era malo, que podía matar. Uns días máis tarde souben o de Canarias e ó día seguinte tirei o alcohol polos sumidoiros". O que non explicou é por que non fixo nada para retirar o alcohol ou as bebidas que vendera ata entón.
  15. Daquela, responsable do control das substancias de uso industrial, como era o alcohol metílico.
  16. Na px. 61 do seu libro, Fernando Méndez fala da "triste noticia dun neno, do que nunca se soubo a súa identidade, que perdeu a vista no barrio de Pelequín [Ourense] por mor de tomar bebidas contaminadas".
  17. Entre elas as dos propios procesados. En abril de 1964, os acredores de Lago e Hijos levaron á empresa ó desafiuzamento e embargo dos seus bens.
  18. Quen anos despois sería elixido Valedor do Pobo, entre 1990 e 2002.
  19. "Ó fiscal chegáronlle [as ameazas] en forma de misivas anónimas. Nelas 'ofrecíaselle' a posibilidade de seguir vivindo a cambio de retirar a acusación contra certos procesados" (Fernando Morán, px. 13).
  20. Ó final, ningunha das testemuñas residentes nas Canarias acudiu ó xuízo xa que o tribunal só habilitara unha axuda de custo de 15 pesetas diarias, absolutamente insuficientes para cubrir os gastos. Tamén, só declararon dous peritos: Manuel Ortega Mata e Esteban Vallejo, do Instituto Nacional de Toxicoloxía.
  21. Na Voz de Galicia do 22.12.2010 cífranse estas indemnizacións en 300 millóns de pesetas.
  22. Do 27 de abril ata o 6 de xuño de 1963.
  23. Ficha e varias páxinas do libro escaneadas en Google libros
  24. Páxina do proxecto (en castelán)
  25. Coñecida por ser, nesas datas, a presidenta da asociación Galicia Bilingüe.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Vídeos