Galicia Bilingüe
Galicia Bilingüe é unha asociación de ámbito galego que se ocupa de analizar a situación lingüística de Galicia, con especial foco nos dereitos de uso do castelán.[1]
Historia e características[editar | editar a fonte]
Está recoñecida pola Xunta de Galicia como tal asociación dende xullo de 2007. A súa presidente e voceira é a viguesa Gloria Lago, tamén impulsora da plataforma Hablamos español[2]. Non conta con sede social nin con local propio. As súas reunións anuais son en Santiago de Compostela.[3]
Galicia Bilingüe expuxo novos escenarios para a política lingüística galega a partir de teses dende as que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega é entendido como unha afronta aos dereitos dos castelanfalantes. Así, por exemplo, a asociación centra o seu discurso na elección paterna da lingua vehicular no ensino.[1]

Destaca a organización por parte de Galicia Bilingüe dunha manifestación en Santiago de Compostela en 2009, que recibiu unha oposición que rematou con altercados[4], á que asistiron outros colectivos do nacionalismo español como a Asociación de Vítimas contra o terrorismo, Asociación Por la Tolerancia de Cataluña, Círculo Balear, Ciutadans ou a Plataforma para la Libertad de Elección Lingüística de País Vasco.[5]
En 2010 un xuíz ordenou o peche da web de AMI, por animar a atentar contra membros da asociación, tras denuncias de Galicia Bilingüe[6][7].
As súas posicións están apoiadas a modo particular por destacados persoeiros do Partido Popular como Carlos Negreira, exalcalde da Coruña, Corina Porro, exalcaldesa de Vigo, Alfonso Rueda Valenzuela, vicepresidente da Xunta de Galicia durante o mandato de Núñez Feijóo, Ignacio López-Chaves, voceiro do Partido Popular de Cultura no Parlamento, ou Ana Pastor, ministra durante varios dos gobernos do Partido Popular, así como por Rosa Díez, dirixente de UPyD, Albert Rivera, líder de Ciutadans, e outros persoeiros como a escritora Marta Rivera de la Cruz ou o actor Manuel Manquiña.[5]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Seis asociacións, entre elas Galicia Bilingüe, piden que a LOMCE protexa o ensino en castelán, nova en GaliciaHoxe o 28 de xaneiro de 2014.
- ↑ La campaña de "Hablamos español" llega a Baiona tras generar conflicto en Sanxenxo, Faro de Vigo, 23 de agosto de 2018 (en castelán).
- ↑ "Páxina da asociación onde se indican as súas reunións anuais". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2014. Consultado o 23 de outubro de 2014.
- ↑ Xuízo aos imputados nos altercados de febreiro de 2009(en castelán)
- ↑ 5,0 5,1 Galicia Bilingüe, nas rúas: “Non aceptamos porcentaxes de uso do galego no ensino”
- ↑ Un juez ordena cerrar la web de AMI donde se colgó un vídeo contra Galicia Bilingüe (en castelán)
- ↑ Galicia Bilingüe prosegue a súa campaña contra os equipos de normalización lingüística e pide a suspensión cautelar de varias webs, en Galicia Hoxe o 23 de setembro de 2010.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Páxina de Galicia BilingüeArquivado 23 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
- Carta europea das linguas minoritarias e rexionais (en inglés)
- Galicia Bilingüe volve á carga contra os ENL nova en GaliciaHoxe o 28 do 4 de 2011.