Real portugués

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
500 reais de ouro do rei Sebastião, (1557-1578).

O real (plural: reais, que máis tarde se popularizou en portugués como réis) foi a unidade de moeda de Portugal desde preto de 1430 ata 1911. Substituíu o diñeiro coa taxa de 1 real = 840 diñeiros e foi substituído despois polo escudo, como resultado da implantación da República en 1910, cunha taxa de 1000 reais (réis) = 1 escudo.

Esta moeda foi utilizada en todas as colonias portuguesas durante os séculos XVI, XVII, XVIII e XIX.

Historia[editar | editar a fonte]

O uso da palabra "real" como unidade monetaria deriva da mesma palabra no sentido relativo ao rei e á de realeza. Rexístrase por primeira vez na escrita, no sentido monetario, en 1339, durante o reinado de Afonso IV de Portugal (1325-1357).

Antes do real[editar | editar a fonte]

Nos tempos de Afonso Henriques (1143-1185), primeiro rei de Portugal, continuaban a circular moedas romanas (denarios, áureos, etc.), así como moedas leonesas e musulmás, estas últimas maiormente de prata e ouro (os dirhams e os dinares). En resposta ás moedas de ouro musulmás, a monarquía portuguesa cunhou os morabetinos (ou marabedís) de ouro.

O real[editar | editar a fonte]

Só no tempo de Afonso IV, o diñeiro pasou a ser coñecido por alfonsim ou real. Alfonsim porque a cunhaba o rei Afonso e real porque era a moeda do rei, da realeza portuguesa. Como foi un rei forte no seu tempo, reinando durante máis de 32 anos, o nome acabou por perpetuarse. Antes de Afonso IV, as moedas cuñadas polos reis portugueses chamábanse de diñeiro, que é a evolución á lingua vulgar da palabra denario, moeda romana que aínda circulaba en Europa.

Ese diñeiro portugués cuñábase cunha aliaxe de cobre e prata chamada billón. Tamén se cuñaba unha mealla, coa mesma liga, que valía exactamente a metade do diñeiro. A partir de Afonso II (1211-1223) xa non se cuñou máis a mealla, aínda que se mantivo na práctica. Como a mealla valía a metade dun diñeiro, cando cumpría troco, cortábase un diñeiro en dúas metades. Esas moedas de billón tiñan nunha das súas faces a Cruz da Orde do Templo. A pesar do "real alfonsim", aínda pasaría moito tempo ata a uniformización do sistema monetario portugués.

O primeiro real foi introducido por Fernando I preto de 1380. Era unha moeda de prata e tiña un valor de 120 diñeiros. No reinado de João I (1385-1433) emitíronse o real branco, de 3 ½ libras, e o real negro, de 7 soldos (un décimo dun real branco). No inicio do reinado de Duarte, en 1433, o real branco (equivalente a 840 diñeiros) volvérase a unidade base en Portugal. Desde o reinado de Manuel I (1495-1521), o nome foi simplificado como simplemente "real", coincidindo co inicio da cuñaxe de moedas de real en cobre. Comezou a ser usada a forma "réis" en vez de "reais" no reinado de João IV de Portugal (1640-1656), tras o período da monarquía española en Portugal, de 1580 a 1640.

A adopción do sistema decimal[editar | editar a fonte]

En 1837 adoptouse o sistema decimal para as denominacións de moedas, cos primeiros billetes emitidos polo Banco de Portugal en 1847. En 1854, Portugal pasou a un patrón ouro de 1000 "réis" = 1,62585 gramos de ouro fino. Este patrón mantívose ata 1891. As grandes sumas expresábanse xeralmente en 1.000 "réis" ou "mil-réis", un termo frecuentemente utilizado na literatura portuguesa o século XIX. En números, mil "réis" escribíase 1$000 (60.000 réis serían 60$000 ou 60 mil-réis). Un millón de "réis" era coñecido como un "conto de réis".

200 réis, D. Manuel II, 1909.

O real nas colonias portuguesas[editar | editar a fonte]

As moedas e os billetes con denominacións en reais (e en "réis") emitíronse tamén en distintas partes do Imperio Portugués, como é o caso de Angola, os arquipélagos de Azores e Madeira, Cabo Verde, Mozambique, a Guinea Portuguesa e San Tomé e Príncipe. O Brasil adoptou o real como a denominación da súa moeda actual.

A introdución do escudo[editar | editar a fonte]

En 1911, o escudo substituíu o real. No entanto, o termo "conto" sobreviviu á introdución do escudo, como sinónimo de 1.000 escudos, unha vez que a conversión foi feita con base na equivalencia 1 centavo = 10 "réis".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografia[editar | editar a fonte]

  • KRAUSE, Chester L.; Clifford Mishler (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991 (18.ª ed.). Krause Publications. ISBN 0873411501
  • PICK, Albert (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues. Colin R. Bruce II; Neil Shafer (eds.) (7.ª ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9
  • PICK, Albert (1990). Standard Catalog of World Paper Money: Specialized Issues. Colin R. Bruce II; Neil Shafer (eds.) (6.ª ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-149-8

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]