Capela de San Xes de Francelos
Capela de San Xes de Francelos | |
---|---|
Capela de San Xes de Francelos | |
País | España |
Localización | Francelos (Ribadavia) |
Coordenadas | 42°16′36″N 8°09′20″O / 42.27663889, -8.15558333 |
Estilo | arquitectura prerrománica |
[ editar datos en Wikidata ] |
A capela de San Xes de Francelos é unha pequena e sinxela capela situada no núcleo de poboación da parroquia de Francelos, no concello de Ribadavia. Orixinariamente pertencía a un antigo mosteiro medieval xa desaparecido. Na actualidade é o resultado de diversas reconstrucións que alteraron totalmente a fábrica orixinal. A súa importancia e valor residen en que nas reconstrucións se aproveitaron elementos decorativos e arquitectónicos prerrománicos procedentes das edificacións anteriores, magníficos vestixios dun estilo pouco conservado en Galicia.
Historia
[editar | editar a fonte]Sobre a súa fundación houbo diversas controversias. Algúns autores sinalaron a existencia dun mosteiro desde o século IX de monxas bieitas ou monxes que foi abandonado ou incorporado ao mosteiro de Celanova e a súa posterior conversión como reguengo dependente da diocese de Tui co título de Santa María no século XII, localizando a existencia dun novo mosteiro no século XV. O abano temporal da súa datación abrangue dende o século VII ao X.
Analizando a documentación atópase a primeira referencia a Francelos nun documento do ano 986 que recolle unha doazón ao mosteiro de San Salvador de Celanova. Nun documento do Tombo de Celanova (conservado no Arquivo Histórico Nacional) do 26 de decembro do ano 993 aparece unha nova referencia concretada no mosteiro de Francellos que informa de que o confeso Gundulfo era prepósito da devandita comunidade monástica:
Gundulfus confessus qui tunc prepositus in mosteiro Francellos[1].
Cal foi a duración deste mosteiro e cando desapareceu é difícil de determinar. O certo é que nun documento de 1156 ditado por Afonso VII no que se confirma a división de décimos feita entre o bispo de Tui[2] e o cabido menciónase como igrexa de Santa María de Francelis. Entre os séculos XII e XIV a entidade de poboación de Francelos segue a aparecer en documentos, como no do ano 1176 no que Fernando II outorgou en reguengo o couto de Francelos ao mosteiro de Santa María de Melón e outros documentos, mais neles non existen mencións expresas á ermida.
Deste xeito a primeira cita á capela de Francelos é un foro do ano 1424 que o cabido de Tui fai aos moradores da ermida. Desde esta data en múltiples documentos de foros, arrendamentos e outros negocios xurídicos aparece plenamente identificada a ermida.
Suponse que son de Francelos as moedas visigóticas galegas que levan a lenda fravcello e fr. avcel. Hoxe en día, a advocación da igrexa xa non é a orixinaria de santa María Madanela, senón que cambiou pola de San Xes.
Descrición
[editar | editar a fonte]A actual estrutura (a igrexa é o único resto que se conserva do primitivo mosteiro) é dunha soa nave de planta rectangular cunha orientación leste-oeste, cunhas medidas de 8,6 metros de longo por 5,75 de largo. Cóbrese con tellado de madeira a dúas augas. Os muros compóñense principalmente de cachotaría e neles hai inseridos elementos prerrománicos e algúns perpiaños ben labrados. Diante do soportal construíuse recentemente outro soportal de madeira e de cristal que se apoia na fachada e en dous grandes piares de pedra xa existentes, mais de feitura posterior á fábrica principal.
Nos traballos de escavacións arqueolóxicas comprobouse que os actuais muros non corresponden co edificio primitivo, do cal non se atoparon os cimentos, o que fai supor que a localización da construción orixinal estaría nas inmediacións.
Fachada
[editar | editar a fonte]A fachada principal constitúe a parte máis antiga da igrexa actual e sitúase ao abeiro dun adro cuberto cun tellado de madeira apoiado sobre pilastras. Os elementos que conforman o van de acceso á actual capela deberon corresponder ao orixinal arco triunfal que daba paso á ábsida desde a nave, como apuntaron entre outros autores Lourenzo Fernández e García Álvarez.
A porta principal componse dun arco de ferradura de conxunto de doelas asimétrico (número par de doelas e despece radial) e que se viu modificado coa introdución dun lintel adoelado. O conxunto acusa unha evidente afinidade coa arte visigótica. Nas obras de restauración descubriuse que o arco non realiza función construtiva (por dentro hai cachotaría e as doelas non chegan ao interior), polo que se especula que se trate dunha reposición.
O arco apóiase sobre dúas semicolumnas de fuste monolítico decoradas con ondulantes motivos vexetais e encostadas ás xambas. A decoración lévanos de novo ao estilo visigodo e o feito de que as columnas se atopen acaroadas ás xambas á arte asturiana prerrománica, con exemplos como o da igrexa de Santa María do Naranco, se ben nesta última os motivos e formas decorativas son ben distintos.
Os fustes apóianse en bases compostas por plinto, dous boceis e unha semiescocia. Os orificios nas basas poderían corresponder á existencia dun cancelo de peche.
Os capiteis son entregos e en forma de ábaco rectilíneo decorado por catro filas de carnosas follas, pertencendo a unha tipoloxía dexenerada do tipo visigodo (á súa vez baseada no romano corintio). No extremo superior dereito do capitel dereito pódese ver un corpo circular e baixo este outra figura en forma de S. Estes capiteis presentan semellanzas cos da igrexa asturiana de San Miguel de Lillo ou os de San Salvador de Priesca, produto da collida de elementos do estilo tradicional visigodo e influencias da arte ramirense.
A decoración dos capiteis prolóngase en relevos gravados directamente no perpiaño semellantes aos de San Xoán de Camba, en Castro Caldelas. En ambos os lados aparece representada unha personaxe aureolada montada nun asno que leva na man un posible ramo e figuras con túnicas saíndolle ao paso (dúas no da dereita e unha no da esquerda). Son de talla moi plana co fondo rebaixado e enmárcanse por un resalte recto e axustado ás figuras en pé. Sobre a interpretación desta representación existen varias teorías que coinciden en sinalar que se trata de escenas bíblicas:
- Unha primeira teoría defende que representan un a entrada de Xesús en Xerusalén e o outro a fuxida a Exipto.
- Unha segunda teoría defende que un representa a entrada de Xesús en Xerusalén e o outro a Balaam detido polo anxo.
- Unha terceira considera que se trata dun desdobramento da mesma escena, ben a entrada en Xerusalén ou ben a fuxida a Exipto.
A disposición en frisos dos relevos buscando destacar a horizontalidade lévanos ao xeito de facer visigodo, pero na contra, a técnica da labra utilizada non foi a de bisel propia deste estilo, e máis ben presenta semellanzas coa arte asturiana ou ramirense.
A porta principal flanquéase por dous vans:
O van esquerdo é cadrado con derramo interior e exterior.
O van dereito presenta un arco de medio punto e tápase cunha celosía en pedra de 90 cm de ancho e 146,5 cm de alto. A celosía presenta un calado de dúas rosáceas de oito pétalos superpostos e trianguliños intercalados entre as follas, e na cima tres arquiños de ferradura. A celosía enmárcase cunha moldura de 3 cm de ancho cunha mediacana sogueada e enmarcada á súa vez por un talo serpenteante con acios, e no máis alto catro aves enfrontadas por parellas picando nos acios. O estilo ou estilos desta peza dividen aos investigadores, xa que algúns ven influencias visigodas, outros mozárabes e outros da arte asturiana serodia.
A fachada remata nunha espadana composta por un só van.
Pezas noutras partes da capela
[editar | editar a fonte]No discorrer das obras de restauración atopáronse diversos elementos prerrománicos que formaban parte dos muros, así como pinturas barrocas no interior.
No muro meridional ábrese un estreito van en forma de aspilleira cun amplo abocinamento cara ao interior presentando un arco decorado cunha mediacana sogueada, arco mutilado que na actualidade presenta forma de medio punto.
No muro oriental atópase un perpiaño rematado nun modillón con decoración de sogueado. Na base do beirado do tellado outro perpiaño con sogueado rematado por unha mediacana.
Na cabeceira atopouse un perpiaño enmarcado por unha moldura con forma de alfiz, a mais unha rosácea de oito pétalos enmarcados por unha moldura circular.
No muro norte, colocadas horizontalmente e visibles desde o interior unha e desde o exterior a outra, dúas pilastras que formarían parella divididas en tres faixas paralelas cunha mediacana central e os laterais con sogueado, conformando unha decoración en espiña de peixe.
No muro sur, un pequeno nicho decorado cunha mediacana sogueada.
Outras pezas foron documentadas esparexidas polas casas de Francelos: catro xambas, un anaco de columna, un anaco de cornixa moldurada en escocia e un anaco de pilastra sogueada.
Interior: pinturas e retablo
[editar | editar a fonte]Aos lados do altar hai pinturas barrocas feitas ao fresco. Atópanse en mal estado de conservación e representan cortinaxes e estrelas inseridas en círculos.
No testeiro sitúase o retablo barroco, apoiado nun banco decorado con pinturas de estilo similar ás dos muros. É un retablo estruturado nun só corpo con predela e ático. Distribúese en tres rúas coa central resaltada. Os nichos presentan arcos de medio punto e teñen fondos policromados.
Traballos arqueolóxicos
[editar | editar a fonte]A Asociación Marcelo Macías, con motivo das obras de restauración, propuxo a realización de catas arqueolóxicas que deron como resultado a descuberta dunha necrópole composta por un total de nove tumbas de nenos de curta idade feitas en granito degradado e sen cuberta, e orientadas oeste-leste. Nelas atopáronse algún resto óseo e case ningún enxoval.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Freire Camaniel, José (1998). El monacato gallego en la Alta Edad Media (en castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 978-84-8974-835-4.
- ↑ Castillo López, Ángel del (1972). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. ISBN 9788495892638.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Capela de San Xes de Francelos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Filgueira Valverde, X. (1929). "A eirexa pre-románica de Francelos". Nós (62): 27–31.
- Rodríguez González, J.; Seara Carballo, A. (1985). "San Xés de Francelos". Boletín Avriense (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense) (Anexo 4).
- Risco, V. (1980). Geografía del Reino de Galicia. Tomo XI.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina da Capela en www.ribadavia.net Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.