Camiño Noia
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de setembro de 1945 (79 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritora, profesora universitaria |
Familia | |
Cónxuxe | Xulián Maure Rivas |
Premios | |
María Camiño Noia Campos, máis coñecida como Camiño Noia, nada en Santiago de Compostela o 21 de setembro de 1945, é unha profesora e escritora galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1963 comezou os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras en 1968. Cos compañeiros de facultade, sobre todo con María do Carmo Ríos Panisse e Carlos Casares, deu os primeiros pasos no mundo galeguista en 1966. Participou na asociación da xuventude católica de estudantes (JEC), onde descubriu a militancia polas liberdades que a fai presente nas manifestacións do 1968.[1]
Empezou este mesmo ano unha vida académica de profesora axudante no seminario de Literatura Española da mesma facultade, ao tempo que traballou como pioneira nos primeiros pasos da normalización académica da lingua galega. A súa tese de licenciatura sobre a Nova narrativa galega é a primeira que se presentou en lingua galega. [2]Trasladouse a Vigo en 1969 para participar na creación do centro “Curros Enríquez”, primeiro colexio mixto de facto de educación secundaria e actúa como directora da parte feminina. Neste tempo entrou a formar parte da xunta directiva de “Asociación Cultural de Vigo” baixo a presidencia de Camilo Nogueira Román.
En 1975 chámana para impartir a materia de lingua galega no Colexio Universitario de Vigo, que estaba financiado pola Caixa de Aforros. En 1980 defendeu a súa tese de doutoramento, Descrición e medida do bilingüismo en dous grupos de escolares da zona de Vigo.
Foi profesora en cursos de perfeccionamento do profesorado en lingua galega, elaborou material didáctico como Lúa Nova IV (1980), Lingua (1985) primeiro manual de lingua galega para estudos preuniversitarios, e o Diccionario de sinónimos da lingua galega (1997) con Xosé María Gómez Clemente e Pedro Benavente. Foi fundadora de Edicións Xerais de Galicia en 1978 con Xulián Maure Rivas e Germán Sánchez Ruipérez, da que foi a primeira secretaria do consello de administración. [3] Catedrática de Lingua e Literatura galegas na Universidade de Vigo, foi directora do Colexio Universitario de Vigo e decana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. Fundou Viceversa. Revista Galega de Tradución en 1995, con outros membros de Asociación de Tradutores Galegos, revista da que foi directora durante varios anos. En 1989 inaugurou a Cátedra de Estudos Galegos en Nova York cun curso sobre a Nova Narrativa Galega. [4]En 1991 visitou a École de Traducteurs et d’Interprètes da Universidade de Xenebra para obter información para a elaboración do plan de estudos da nova licenciatura de Tradución e Interpretación que coordinou na Universidade de Vigo.
[5] Foi profesora convidada durante tres cursos (2000, 2001 e 2003) na Facultade de Letras da Universidade de Buenos Aires (UBA).
En 2011 coordinou en Galicia (Vigo, Mondariz, Santiago) o VI Encontro do Groupe de Recherche européen sur Narrative orale (GRENO/ERGON) recollido na publicación Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas. [6]
Como directora do Departamento de Lingua e Literatura Galegas de Universidade de Vigo actuou de madriña nos doutoramentos honoris causa de Xosé Filgueira Valverde (1996) e mais Xosé Luís Méndez Ferrín (1999).
Colaborou nas revistas Grial, Verba, Festa da Palabra Silenciada, Boletín Galego de Literatura, Anuario de Estudios Literarios Galegos, Viceversa e Revista de Dialectología y Tradiciones Populares.
Outras responsabilidades
[editar | editar a fonte]Participou como socia fundadora na creación da Asociación de Tradutores Galegos en abril de 1984, en Vigo, da que foi tesoureira desde xuño de 2006 ata decembro de 2011. [7] Membro do con sello de redacción da revista Festa da palabra silenciada, fundada en Vigo en 1980. Membro do consello de redacción do Anuario de Estudios Literarios Galegos desde a súa fundación en Vigo en 1992. Fundadora, e directora durante os catro primeiros anos, de Viceversa. Revista galega de tradución, creada en 1995 pola Asociación de Tradutores Galegos e o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Membro do PEN Clube de Galicia por unanimidade dos membros desde o 21 de marzo de 2000. [8]Membro do Comité asesor da Comisión 11 de Humanidades (Filosofía, Filoloxía e Lingüística) da Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, organismo dependente da Secretaría de Estado de Educación y Universidades del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para a avaliación das solicitudes de sexenios na área científica de Filoloxía Galega e Portuguesa durante dous anos, do 23 de decembro de 2002 a marzo de 2005.[9] Membro do panel de expertos do programa de ANECA desde febreiro de 2009. Membro do Consello asesor de Diccionario histórico de la traducción en España (Madrid: Gredos, 2009).
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Xulián Maure e é nai da médica Brenda Maure Noia e da arquitecta Elena Maure Noia.
Obras
[editar | editar a fonte]- Lúa Nova IV (1980)
- Edición de Néveda de Francisca Herrera Garrido (1982, Edicións Xerais de Galicia)
- A nova narrativa galega (1992)
- Palabra de muller (1992)
- Historia da tradución galega (2004)
- Contos galegos de tradición oral (2002). Foi traducida ao castelán.[10]
- Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral : clasificación, antoloxía e bibliografía (2010). Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
- Alvaro Cunqueiro. Trinta poemas. Selección e comentarios de Camiño Noia (2014)
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Lingua (1985)
- Women Writers of Spain (Nova York, 1986)
- Double Minorities of Spain (Nova York, 1994)
- Diccionario de sinónimos da lingua galega (Galaxia, 1997) [11]
- Diccionario histórico de la traducción en España. (2009) Madrid: Gredos,
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]- Premio de investigación da Deputación Provincial de Pontevedra (1982)
- Axuda á creación literaria na modalidade de ensaio e investigación do Ministerio de Cultura (1990)
- Bolsa de investigación da Cátedra Filgueira Valverde (1996-2000)
- AULIGA réndelle homenaxe como fundadora da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo (2004)
- Bolsa de investigación da Xunta de Galicia para o proxecto “Tipoloxía da narrativa medieval e oral” (2004-2007)
- Premio Plácido Castro de 2012 á tradución de O gran Meaulnes de Alain Fournier [12]
- Sementar para os que veñen. Homenaxe a Camiño Noia. Universidade de Vigo 2012.
- Nomeada Profesora Emérita da Universidade de Vigo (2015)
- O Concello de Arteixo decidiu darlle a unha nova rúa da zona residencial de Baer o nome de María Camino Noya Campos.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gómez Clemente (2012) “Camiño Noia: a afouteza do compromiso” en Sementar para os que veñan. Homenaxe a Camiño Noia. Vigo.Universidade de Vigo, 7. Gurriarán, Ricardo Inmunda Escoria, Xerais, Santiago de Compostela, 2010.
- ↑ Alonso Montero, X. (1969) O que cómpre saber da lingua galega.Lugo. Editorial Alborada, 109, nota 11.
- ↑ Galegos.galiciadixital. Camiño Noia Campos.
- ↑ Gómez Clemente (2012, 9)
- ↑ Gómez Clemente (2012, 26)
- ↑ Noia, C. (ed.) (2012) Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas.Vigo. Universidade de Vigo.
- ↑ Gómez Clemente 2012, p. 26.
- ↑ Gómez Clemente 2012, p. 26.
- ↑ Gómez Clemente 2012, p. 27.
- ↑ "Cuentos gallegos de tradicion oral". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 2019-11-08.
- ↑ Esta obra é a base do dixital http://sli.uvigo.es/sinonimos/
- ↑ Premio de tradución Plácido Castro 2012 O gran Meaulnes de Alain Fournier https://axendacultural.aelg.gal/2012/11/28/lourenzo-marono-e-elena-sherevera-e-camino-noia-premios-de-traducion-placido-castro/
- ↑ Rúa de Arteixo. María Camino Noya Campos https://goo.gl/maps/9b7RmoUSZW3eLUDw9
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.