Caixa de Aforros Provincial de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Caixa Ourense")
Parada de bus en Casa do Vento (Parada de Sil), que conservaba en 2010 o logotipo de Caixa Ourense.

A Caixa de Aforros Provincial de Ourense, tamén chamada nos seus últimos anos Caixa Ourense, foi unha entidade financeira dependente da Deputación de Ourense, posteriormente incorporada a Caixanova.

Historia[editar | editar a fonte]

A entidade financeira constituíuse o 10 de marzo de 1932, sendo o seu primeiro presidente Luis Fábrega Coello. Para a súa posta en marcha seguíronse as directrices ditadas por Luciano Vidan xerente da Caixa de Aforros de Vigo.(( La Zarpa 21 e 24 de maio de 1933))

En novembro de 1973 o Banco de España comeza unha inspección na Caixa e atopa prácticas incorrectas na concesión de créditos. Como consecuencia desa posible fraude, que se filtra a algúns xornais en marzo de 1974, dimite o alcalde de Ourense e asemade director xeral da Caixa de Aforros dende 1948, Ricardo Martín Esperanza de ambos os cargos, e é destituído o presidente da Deputación, Eduardo Olano Gurriarán, asemade presidente da entidade financeira. Martín Esperanza é substituído por Rafael Laguna Mendía como director da Caixa, e Olano Gurriarán éo por Luís Álvarez Rodríguez, tanto á fronte da Deputación como da Caixa.

O 3 de agosto de 1999 Caixa Ourense fusionouse coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo (fundada en 1880), dando lugar á entidade privada Caixa de Aforros de Vigo e Ourense. Esta última, o 17 de xullo de 2000, fusionouse coa Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra dando lugar a Caixanova. A parte de accións que lle corresponderon na nova caixa foi do 25%.

Presidentes da Caixa de Aforros[editar | editar a fonte]

Durante boa parte da súa historia, o presidente da Deputación de Ourense era asemade o presidente da Caixa de Aforros. Iso non foi así durante a Guerra Civil e deixou de selo definitivamente a partir de 1978.

Directores xerais da Caixa de Aforros[editar | editar a fonte]

O primeiro director xeral da Caixa foi Ricardo Martín Esperanza, nomeado para tal posto en 1948. Ao longo da súa historia, a caixa de aforros tivo cinco directores xerais.