Códice Calixtino (Luz Pozo Garza)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre o libro de poemas de Luz Pozo Garza, para o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus véxase Códice Calixtino.
Códice Calixtino
Autor/aLuz Pozo Garza
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialSotelo Blanco Edicións
Data de pub.1986
editar datos en Wikidata ]

Códice Calixtino é un libro de poesía escrito por Luz Pozo Garza en lingua galega, e publicado por Sotelo Blanco en 1986.

O título procede do Codex Calixtinus ou Liber Sancti Iacobi, conxunto de textos latinos do século XII relacionados coas peregrinacións a Compostela, do que se conserva un manuscrito e do que existe unha versión galega, os Miragres de Santiago, do século XIV.

O poemario de Luz Pozo é unha obra de plenitude na que se unen luz e sombra, paixón e melancolía, vida e morte, tradición e modernidade, mediante unha expresión intimista, unha obra para unha literatura na que Luz Pozo é confluencia de xeracións e creadora dun novo e vivo xeito de sentir a poesía.[1]

Edicións[editar | editar a fonte]

Biblioteca das Letras Galegas.
Biblioteca Galega 120.

Son poemas escritos basicamente na década de 1980, publicados por primeira vez no ano 1986 en Sotelo Blanco por Leliadoura. A 2ª edición, tamén en Sotelo Blanco Edicións é de 1991 e recolle un conxunto de 25 poemas e un epílogo en forma de poema, cunha presentación en prosa poética. A 3ª edición en Edicións Xerais (Colección Biblioteca das Letras Galegas) e inclúe 3 poemas máis e un epílogo explicativo, alén de pequenos cambios ortográficos. É unha edición crítica feita por Carmen Blanco e revisada pola autora.[2] Moitos poemas foran publicados xa anteriormente.

No ano 2002, o libro tamén foi incluído, co n.º 68, na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O título, ao facer referencia ao códice medieval, deixa expresa a vontade da autora de que desempeñe funcións semellantes: ser guía dos amantes e conducir cara á plenitude amorosa (cómpre pasar un período de tránsito para chegar á plenitude, Compostela).

O poemario aparece dividido xa formalmente en diferentes partes pola propia autora:

1. Un pequeno texto en prosa poética, a modo de prólogo onde se dan algunhas claves da súa concepción da poesía: ”Gañarás a luz”, promete León Felipe, xa que toda a poesía do mundo pode ser un único poema. O que varía é a luz. (...) cada poeta engade unha faísca de claridade ó poema total (...) No meu caso, a luz permite modificar a doutrina dos astros; abrir un códice pechado na noite; ser coñecemento sutil da condición suprema; transcender, tal o amor, das rúas sagradas do meu pobo; evocar a choiva nunha praza baleira... (...) a luz vai comigo[3]. É un diálogo con toda a literatura anterior e contemporánea. Recoñece a valía doutros poetas, identifícase con eles e intégraos no poemario. Nunhas poucas liñas Luz Pozo resume a totalidade do libro, deixa ver os fíos condutores do mesmo. Hai unha poética do Códice dentro do mesmo prólogo.

2. O limiar é un único poema (Agora contemplamos a mar de Vigo) dedicado a Eduardo Moreiras que sitúa o tema do amor no centro. Un amor total, absoluto e eterno máis alá da morte.

3. Códice Calixtino (parte que lle dá título ao libro). Son 9 poemas (Chovía en Compostela, Onde moran os que aman, Na súbita compaña, Morte en Compostela, O reino de despois do diluvio, Far blues, Souben amar, Cantiga para ler en tempo de penumbra, Teoría da comunicación) localizados en Compostela nos que o Amor (platónico) flutúa entre o amor e a morte. Esta domina en Morte en Compostela. Nos demais, nun ambiente de outono, con choiva, móstranos os obstáculos e praceres do amor. Son poemas dialogais nos que un eu lírico fala cun ti ausente.

4. Idea dunha Cidade Escura (título do 1º poema desta parte) -nostalxia e morte omnipresentes-. Son12 poesías (Idea dunha cidade escura, Primeira memoria, Vemos fuxir o corvo torvo, Réquiem por Romy Schneider, Volver a Lugo cando sosega o tempo, Evocación dun vello piano, Escuro designio, Baixo da choiva en Oxford, Illuminations, Falando a Rosalía, Non se sabía, Poemas de Gernika) que evocan seres queridos da autora, lembranzas de vivencias, cheos de saudade e nostalxia e, normalmente, con dedicatoria. Tanto nesta parte como na seguinte encóntranse unha serie de poemas nos que se dá unha combinación de motivos existenciais cos sociais (Falando a Rosalía, Non se sabía, Poemas de Gernika).

5.Homenaxe. 7 poemas (A Luís Pimentel, A Luís Seoane, Agora que regresa a primavera, A Paul Éluard, A Ánxel Fole, Consagración de Trasalba, Búsqueda) dedicados, agás o último (dedicado a un crítico vivo), a autores xa mortos. Ten un claro ton elexíaco e os motivos da morte e da nostalxia están moi presentes. A morte preséntase como un estadio de plenitude. Son un conxunto de homenaxes literarias que recorren á intertextualidade e ao xogo polilingüe (Agora que regresa a primavera, A Paul Eluard, Consagración de Trasalba) [4].

Os textos propician pola condición dos homenaxeados unha derivación para consideracións sobre as poéticas deses autores, reflexións existenciais e patrióticas ou a incorporación da temática da pasaxe do tempo[5].

6. A modo de epílogo (non incluído na 1ª ed.). Reflexión, en prosa, sobre a súa linguaxe poética.

Liñas temáticas[editar | editar a fonte]

1.- A dualidade amor e morte, simbolizadas na luz e na sombra, forma os dous eixos temáticos fundamentais. O primeiro concéntrase no Limiar e no Códice Calixtino, asociado sempre á plenitude, ao sentido da existencia e enfrontado á morte, que predomina en Idea dunha cidade escura e Homenaxe, combinada coa nostalxia de todo o perdido que leva á evocación de tempos, lugares e persoas. Outros fíos temáticos, como o tema da terra e a problemática social, que cobra protagonismo cara á fin do libro, teñen tamén unha importante presenza.

2.- O tratamento do amor (un amor total, absoluto) é intimista pero ten tamén unha correspondencia intelectual identificando amar e saber: a realización amorosa é o que dá sentido á existencia e supón a aceptación da morte serenamente. A plenitude do amor enmárcase, pois, no sosego pero tamén no pracer, no goce físico. O último poema do apartado Códice Calixtino introduce a outra cara do amor: a morte, fiel compañeira do amor e eixo das dúas partes que seguen.

3.- A poesía da luz abre paso agora ao seu reverso: a sombra, a morte (que pecha o poema A Ánxel Fole ou o último verso do libro), a dor. O mundo das imaxes e dos símbolos da poesía de Luz Pozo preséntase en toda a súa riqueza e intensidade:

  • a luz como símbolo da totalidade, da vida, do amor.
  • a sombra como símbolo das tebras interiores, da soidade, da morte.
  • o códice como símbolo do saber e do coñecemento.[6]

4.- A música é de "réquiem", as cores enlóitanse e a sombra asoma en todos os poemas (ríos escuros, signos que semellan sombras, preguntas escuras...). Hai unha serie de referencias e alusións ao mundo da Música, unha das constantes na obra literaria de Luz Pozo. Estas referencias non son casuais: responden a un verdadeiro coñecemento do mundo musical, e aínda que, ás veces, só son produto da busca dunha imaxe poética (o caso da curva melódica, por máis que tamén existe en música este concepto), na maioría dos casos o termo responde a un significado e a un sentido máis profundo; a música é outro camiño para afondar no espírito do ser humano e na súa relación coa Natureza: no crepúsculo escóitase a última sinfonía, porque a forma sinfonía posúe unha serie de trazos asociados á idea de totalidade moito máis significativos que calquera outra forma musical. O concepto de sinfonía do crepúsculo achégase inevitablemente ao da música celeste da Oda a Salinas de Frei Luis de León e ao concepto platónico da harmonía das esferas: harmonía, orde, contemplación, sosego.[7]

5.- O tema político aparece como elemento secundario ao longo de toda a obra, combinado ás veces cos temas existenciais (Falando a Rosalía, Non se sabía). En Rosalía conxúganse o compoñente existencial e a reflexión sobre a patria e no poema sobre Gernika a solidariedade ocupa un lugar central fronte á brutalidade dos asasinos. A desolación da guerra cruel xorde nos poemas de homenaxe a Luís Seoane ou Otero Pedrayo: é o reino da morte enfrontado á paz, á liberdade dun futuro solidario.

6.- Outra liña presente é a reflexión sobre a propia poesía, que parte da identificación libro-vida (Aínda ausencia implacable escribía /nunha letra miúda a nosa historia / e pechamos nun códice as derradeiras páxinas / do amor. Opera omnia, Agora contemplamos a mar de Vigo). Hai referencias a "un alfabeto", "letras", "sílabas", "páxinas", etc. para representar a escrita como alegoría da propia existencia ou posibilidade de atopar o posíbel destino.

7.- O mar, con irisacións azuladas, é o símbolo da felicidade, tanto das lembranzas do paraíso perdido da infancia e adolescencia como do lugar onde se produce o encontro dos amantes. Excepcionalmente tamén se pode asociar coa negatividade[8].

8.- Finalmente, o Ubi sunt?, a lembranza do pasado parece en Escuro designio, primeira memoria.

Helena González Fernández sinala: Mais a temática do libro vén pautada por unha concepción mística que se pode aplicar a calquera das interpretacións posibles do poemario. Por iso, baseándose neste binomio, superpóñense tres lecturas posibles: unha testemuñal, na que se reflexiona sobre o amor a mais a morto como realidade vivida, outra de carácter metaliterario (a reflexión sobre a cración poética) na que se profundiza no coñecemento, e a que xutifica o título e as continauas referencias ós libros e á escrita, e unha terceira, de temática espiritural e transcendente que se deduce das dúas lecturas anteriores, unha reflexión sobre a vida[9].

Estilo[editar | editar a fonte]

A autora bota man dunha linguaxe fundamentalmente alegórica, feita de imaxes visuais de grande beleza, pero sen caer no barroquismo, senón que transmite naturalidade.

Son facilmente observables as metáforas, símiles, símbolos, paranomasias e anáforas . Ao servizo do seu mundo de sensacións xorden arreo imaxes de luz e de sombra, de calor ou de frío nunha variedade de cores na que o azul ou o lila-violeta teñen unha simboloxía que remiten á escrita feminina. Os sentidos reúnense en imaxes sinestésicas de grande poder evocador ("O ar semellaba unha camelia branca / que se tornaba en choiva en sombra en pura ausencia" Chovía en Compostela).

No plano do léxico destaca o abundante uso de termos do campo da música, pintura ou literatura. E hai múltiples referencias ao campo semántico da vista: luz, sombra, ollos, ver...

A métrica é irregular, hai versos longos de arte maior alternando con versos de arte menor. Non existe rima, o ritmo vén dado polo paralelismo, por "refráns" ao estilo medieval e sobre todo polas anáforas. En resumo, é unha versificación libre estrófica.

Carmen Panero conclúe: unha obra mestra na que gravitan en equilibrio, como a luz e a sombra, como a paixón e a nostalxia, como a viabilidade máis plena e a serena certeza da morte concebida en fusión harmónica coa natureza, a asunción das tradicións e o persoal simbolismo, as palabras tomadas das fontes e a audacia dunha nova expresión intertextual, o fonosimbolismo sensual e a expresión intimista... e ó mesmo tempo, a capacidade da abstracción e a contemplación intelectual e mística[10].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Velasco 1998, p. 268.
  2. Pozo Garza 1991.
  3. Pozo Garza 1991, p. 71-72.
  4. Pozo Garza 1991, p. 62.
  5. Fernández Costas, Xosé Manuel; Rabunhal, Henrique (1993). Luz Pozo Garza. Códice Calixtino. Curso de Orientación Universitaria. Baía Edicións. p. 28. ISBN 84-87674-33-X. 
  6. Velasco 1998, p. 263.
  7. Velasco 1998, p. 265.
  8. Sanmartín, Anxos (1994). Análise práctica. Códice Calixtino. Luz Pozo Garza. Sotelo Blanco. p. 35. ISBN 84-7824-208-2. 
  9. González, Helena (1997). Unha lectura de Códice Calixtino de Luz Pozo Garza. Edicións Xerais. p. 17. ISBN 84-8302-108-0. 
  10. Panero, Carmen (1993). Guías de lectura. Códice Calixtino de Luz Pozo Garza. Edicións do Cumio. p. 65. ISBN 84-87126-71-5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]