Biblioteca mitolóxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Biblioteca mitolóxica
Autor/aPseudo-Apolodoro
OrixeImperio Romano
LinguaGrego antigo
Xénero(s)mitografia
editar datos en Wikidata ]

A Biblioteca mitolóxica (Βιβλιοθήκη) é un libro elaborado no século I ou no II, que recompila, de maneira detallada pero incompleta, a mitoloxía grega tradicional, desde as orixes do universo até a guerra de Troia.

Contido[editar | editar a fonte]

A Biblioteca foi usada como referencia polos clasicistas desde a época da súa compilación até a actualidade, e influíu na literatura sobre o mundo clásico desde a Antigüidade até Robert Graves. A Biblioteca proporciona unha historia dos mitos gregos, contando a historia de todas as grandes dinastías da mitoloxía heroica e os episodios relacionados cos principais heroes e heroínas, desde Xasón e Perseo até Heracles e Helena de Troia. Como fonte primaria para os mitos gregos, como obra de referencia e como indicio de como os propios escritores gregos antigos vían as súas tradicións míticas, a Biblioteca é indispensable para calquera que teña interese pola mitoloxía clásica.

A Biblioteca, orixinalmente en catro tomos, non se conservou completa. Parte do terceiro tomo e todo o cuarto perdéronse. Por outra banda, existen sete Epítomes elaborados a partir da edición completa que foron descubertos en 1885 polo helenista Richard Wagner (1860-1937) no Codex Vaticanus 950; inclúen a parte perdida, o que se considera un bo resumo do seu contido e, ademais, en 1887 Athanasios Papadopoulos-Kerameus (Αθανάσιος Παπαδόπουλος-Κεραμεύς: 1856-1912) descubriu os fragmentos safaíticos en Xerusalén.

Autor[editar | editar a fonte]

Nos manuscritos conservados sinálase como autor a un certo «Apolodoro»[1]. Este Apolodoro foi erroneamente identificado con Apolodoro de Atenas (n. c. -180), un discípulo de Aristarco de Samotracia, principalmente porque se sabe —por referencias no escolio menor sobre Homero- que este elaborou un exhaustivo repertorio sobre mitoloxía parecido, en forma de crónica en verso. O texto que temos cita un autor romano, Cástor de Rodas, que foi contemporáneo de Cicerón no século -I. A atribución errónea realízase polos eruditos desde o patriarca Focio de Constantinopla en diante. Dado que por razóns cronolóxicas Apolodoro non puido escribir o libro, como demostrou en 1873 Carlos Robert en Berlín (De Apollodori bibliotheca. Disertatio Berolini, 1873), o Scriptor Bibliothecae (‘escritor da Biblioteca’) adoita ser chamado «Pseudo-Apolodoro» polos que desexan ser escrupulosamente correctos. As referencias tradicionais simplemente indican «Biblioteca e Epítome».

Edicións[editar | editar a fonte]

A editio princeps ou edición primeira en imprenta da obra foi feita en Roma a cargo de Benedictus Aegius, en 1555. Logo seguiron moitas, algunhas delas excelentes, como a de Carl Müller, París, 1841, que se acompaña de tradución latina, até a considerada clásica de Richard Wagner en 1894, dentro da colección Mytographi graeci I, Lipsiae (Teubner). Ao inglés traduciuna James George Frazer (Londres, 1921); ao español Sara Isabel do Mundo (Buenos Aires, 1950) e, máis recentemente, M. Rodríguez de Sepúlveda (Madrid, 1985) e José Calderón Felices (Madrid, 1987).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aubrey, Diller (1983). Studies in Greek Manuscript Tradition. Ámsterdam. pp. 199–216.  Orixinalmente como Aubrey, Diller (1935). "The Text History of the Bibliotheca of Pseudo-Apollodorus". Transactions of the American Philological Association (66): 296–313. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • HIGBIE, Carolyn: The Bibliotheca of Apolodorus (A Biblioteca de Apolodoro), apartado de Hellenistic Mythographers (Os mitógrafos helenísticos), artigo que á súa vez é parte de The Cambridge Companion to Greek Mythology (Vademécum de Cambridge da mitoloxía grega), edición preparada por Roger D. Woodard, Cambridge University Press, 2009.

Outros artigos[editar | editar a fonte]