Bergamoteira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre un cítrico, para a pera bergamota véxase o artigo pereira.

A bergamoteira[1] (Citrus × bergamia), é unha especie de arboriña cítrica híbrida de limeira e laranxeira agre, que dá un froito aromático, a bergamota[2], un hesperidio piriforme, coa tona lisa e fina de cor amarela, moi aromático e de sabor acedo[3]. O sabor da bergamota é agre, a tona emprégase para a obtención de aceite esencial.

Cómpre non confundir este froito coa pera bergamota, unha pera de forma arredondada, coa pel de cor verde amarelada e a polpa zumarenta e moi aromática[3].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome galego vén do italiano: bergamotto, e este dunha modificación da verba turca "bey armudu", que significa "pera do Bey".

Cultivo[editar | editar a fonte]

A produción desta especie está limitada á rexión costeira da provincia de Reggio de Calabria, no sur de Italia, de xeito que se converteu nun símbolo de toda a provincia. A meirande parte da bergamota procede dunha pequena zona onde a temperatura é óptima para esta especie. En ningunha outra parte do mundo produce froitos da mesma calidade e con rendementos semellantes.

Cultívase tamén na Arxentina, Brasil e no estado estadounidense de Xeorxia, ao igual que na región de Mersin, no sur de Turquía, onde é típica unha sobremesa feita con esta froita.

Usos[editar | editar a fonte]

En alimentación[editar | editar a fonte]

O aceite esencial tirado da tona desta froita agre úsase coma aromatizante das variedades de Earl Grey e Lady Grey, e en confeitaría. Unha empresa denominada Caffé Sicilia sita en Noto, Siracusa, Sicilia, produce unha marmelada usando este froito como o seu principal ingrediente.[4][5] Tamén se usa en Grecia como conserva, feita coa pela da bergamota fervida en almibre.

Como esencia[editar | editar a fonte]

A tona da bergamota úsase en perfumaría pola súa habilidade en combinar cunha ampla gama de esencias para formar distintas mesturas que fan que os seus compoñentes se complementen entre si. Aproximadamente un terzo de todos os perfumes de home e a metade dos de muller conteñen óleo esencial de bergamota.

A bergamota era un dos compoñente orixinais usados na auga de Colonia que se desenvolveu en Alemaña no século XVII. En 1704 a bergamota usouse por vez primeira para facer o agora sonado perfume "Eau de toilette" tirando a polpa da bergamota e apertando a tona contra esponxas. Uns cen froitos de bergamota producen arredor de 85 gramos de aceite esencial.[6]

A tona da bergamota úsase tamén aromaterapia para tratar as depresións e coma axuda para as dixestións.

Bergamotas (froitos da bergamoteira).

Alelopatía[editar | editar a fonte]

Disque as raíces aromáticas da bergamota mascaran a presenza de raíces doutras plantas impedindo que distintas pragas as localicen e ataquen. Por iso plántase ás veces asociada a outras culturas en hortas.

Toxicoloxía[editar | editar a fonte]

Nun estudo, o aceite de bergamota foi relacionado con certos efectos fototóxicos[7] (por mor do composto bergapteno) e no bloqueo da absorción de potasio nos intestinos.[8]

A bergamota é tamén unha fonte de bergamotina a cal xunto co similar composto químico 6’,7’-dihidroxibergamotina, crese que é o responsábel de que o metabolismo de certos fármacos se vexa alterado polo consumo do seu zume.[9]

En cremas solares[editar | editar a fonte]

Noutrora, un composto extraído do aceite de bergamota (o psoraleno) usouse en cremas para acelerar o bronceado e en protectores solares. Esta substancia penetra na pel e aumenta os danos no ADN das células. Este dano é o responsábel de queimaduras solares e dun incremento na produción de melanina.
En 1959 achouse que a substancia era fotocarcinóxena,[10] mais non se prohibiu en cremas bronceadoras até 1995.[11] Estas substancias fotocarcinoxénicas foron prohibidas logo de que causasen moitos casos de melanomas malignos e mortes.[12] O psoraleno agora só se usa no tratamento de certas desordes da pel, como parte da terapia PUVA (tratamentos contra o eccema, psoríase e vitilixe a base de psoraleno + raios UVA).

Efectos neuroprotectores[editar | editar a fonte]

Recentemente descubriuse que o aceite esencial de bergamota reduce os danos por excitotoxicidade en células neuronais humanas en ensaios in vitro e tamén podería ter propiedades neuroprotectivas.[13]

Bruxaría[editar | editar a fonte]

En meigallos e conxuros hoodoo, existe a crenza de que a bergamota pode controlar ou dirixir,[14][15] e por esta razón úsase nunha variedade de feitizos e fórmulas coa finalidade de dominar á outra persoa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bergamoteira.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bergamota.
  3. 3,0 3,1 VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  4. "Caffé Sicilia Noto" (HTML). Facebook. Consultado o 10 de febreiro de 2009. 
  5. "Bergamot Marmalade by Caffe' Sicilia" (HTML). Amazon.com. Consultado o 10 de febreiro de 2009. 
  6. A Practical Treatise on Animal and Vegetable Fats and Oils, by William Theodore Brannt and Karl Schaedler
  7. Girard J, Unkovic J, Delahayes J, Lafille C (1979). "[Phototoxicity of Bergamot oil. Comparison between humans and guinea pigs]". Dermatologica (en francés) 158 (4): 229–43. PMID 428611. 
  8. Finsterer J (2002). "Earl Grey tea intoxication". Lancet 359 (9316): 1484. PMID 11988248. doi:10.1016/S0140-6736(02)08436-2. 
  9. David G. Bailey, J. Malcolm, O. Arnold, J. David Spence (1998). "Grapefruit juice-drug interactions". Br J Clin Pharmacol 46: 101–110. doi:10.1046/j.1365-2125.1998.00764.x. 
  10. Urbach, F (1959). "Modification of ultraviolet carcinogenesis by photoactive agents". J Invest Dermatol 32: 373–378. PMID 13641813. 
  11. Autier P; Dore J F; Schifflers E; et al. (1995). "Melanoma and use of sunscreens: An EORTC case control study in Germany, Belgium and France". Int. J. Cancer 61: 749–755. doi:10.1002/ijc.2910610602. 
  12. Autier, P.; Doré, J.-F.; Césarini, J.-P.; Boyle, P. (1997-05). "Should subjects who used psoralen suntan activators be screened for melanoma?". Annals of Oncology (en inglés) 8 (5): 435–437. doi:10.1023/A:1008205513771. 
  13. Corasaniti MT (2007). "Cell signaling pathways in the mechanisms of neuroprotection afforded by bergamot essential oil against NMDA-induced cell death in vitro". Br J Pharmacol 151 (4): 518–529. PMID 17401440. doi:10.1038/sj.bjp.0707237. 
  14. "Magic Oils, Hodoo Oils, Anointing Oils, Ritual Oils, Conjure Oils, Essential Oils, Massage Oils, Ointments: Lucky Mojo Curio Co. Catalogue". 
  15. "Hoodoo Oils". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]