Batracomiomaquia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edición en latín da Odisea e Batracomiomaquia, 1749.

A Batracomiomaquia (Βατραχομυομαχία, do grego antigo βάτραχος, ‘ra’, μῦς, ‘rato’, e μάχη, ‘batalla’) ou a Batalla das ras e ratos é unha épica cómica ou parodia sobre a Ilíada, atribuída definitivamente a Homero polos romanos, pero que de acordo a Plutarco[1] sería unha obra de Pigres de Halicarnaso, o irmán (ou fillo) de Artemisia, raíña de Caria e aliada de Xerxes. Con todo, algúns autores modernos atribúena a un poeta anónimo da época de Alexandre Magno.[2]

A palabra «batracomiomaquia» chegou a significar ‘disputa estúpida’. A tradución alemá, Froschmäusekrieg, foi usada para describir disputas tales como a xurdida entre a Escola de Matemáticas e a de Socioloxía do Instituto de Estudos Avanzados de Princeton.

Trama[editar | editar a fonte]

Un rato que bebía auga dun lago atopouse co Rei ra, quen o invitou á súa casa. Mentres o Rei ra cruzaba nadando o lago, co rato sentado nas súas costas, enfrontáronse a unha espantosa serpe acuática. A ra mergullouse, esquecéndose do rato, e este afogou. Outro rato foi testemuña do ocorrido desde unha beira do lago, e correu a contar a todos o que vira. Os ratos preparáronse para a batalla como vinganza pola traizón do Rei ra e enviaron un heraldo para propoñer aos deuses que elixisen bando, e especificamente a Atenea para que os axudase. Atenea rexeitouno, dicindo que os ratos lle fixeran moitas trasnadas. Finalmente os deuses decidiron permanecer como espectadores en lugar de se involucraren. Librouse a batalla e os ratos foron máis fortes. Zeus invocou a un exército de cangrexos para evitar a completa destrución das ras. Impotentes ante as súas pinzas acoirazadas, os ratos retiráronse, finalizando ao ocaso a guerra dun só día.

Contido[editar | editar a fonte]

O poema componse de aproximadamente 300 hexámetros; o número varía segundo os versos que interpolen os estudosos da métrica. O proemio do drama (versos 1–8) anuncia unha guerra inmensa narrada nunha linguaxe épica que contrasta coa insignificancia dos animais que o protagonizan, o que proporciona un toque cómico. Posúe influencias da fábula esópica de «a ra e o rato» (n.º 302, casa da rata), que narra como unha vez o príncipe dos ratos Roubamigas (en grego Psicharpax: todos os nomes son figurados) saciou a súa sede nun estanque, e entón o rei das ras Inchameixelas (Physignathos) aparece en escena preguntándolle pola súa orixe e sexo (13–23). Existe unha similitude entre estas ras e as criaturas que habitualmente pon en escena Homero (24–55).

En resposta, Inchameixelas invita a Roubamigas a visitar o seu reino, pero el quere abandonar o estanque (56–81). De súpeto aparece unha serpe de auga, o que asusta a Inchameixelas, que se mergulla na auga e deixa abandonado a Roubamigas, quen fai votos de vinganza (82–99). Contempla a escena un rato rico denominado Ricamesa (Leichopinax), que posteriormente nárrao á comunidade de ratos, o que enfada ao pai de Roubamigas, o rei dos roedores, Roepán (Troxartes; 100–107).

Nunha asemblea xeral os ratos deciden vingárense das ras cunha campaña militar baixo o mando de Roepán, e se equipan para tal fin (108–131). Nun concilio, o rei das ras, Inchameixelas, decide poñer ás ras en armas (132–167). Desde este instante pódese observar un paralelismo entre o que se pide aos deuses, xa que os ratos envían a Zeus un heraldo para que se poña da súa parte e invocan a Atenea para que os protexa. Zeus convoca a todos os deuses: entre todos preténdese que a guerra teña unha culminación neutral (168–201). Así, Zeus abre o campo de batalla.

A descrición posterior é dos detalles da batalla (202–259): Homero enfronta na loita aos dous heroes individuais. A descrición final da loita é confusa debido ao cruzamento de moitos textos traducidos e inseridos nas traducións antigas.

Tras moitos esforzos diversos, a batalla parece estar inclinada ao éxito dos ratos grazas ao «gran rendemento» (Aristie) do rato Roubacodelos (Meridarpax), o que forzou a fuxir ás ras (260–269). Zeus ve neste momento a destrución das ras e pide aos deuses que interveñan. Así o fan baixo o consello do deus Ares, malia o cal a súa forza non é suficiente para poñer fin á refrega (270–284). Ares propón a Zeus que lance o seu terrible trono, aínda que, malia a «inmensa sacudida sobre o Olimpo», non se pode deter aos ratos (285–292). Finalmente Zeus envía un exército de cangrexos e camaróns, cuxa axuda ten éxito, pois fai fuxir os ratos cheos de medo (293–303). «Axiña que se ocultou o sol, a maxia da guerra e do día esvaecérase.»

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plutarco, De Herodoti Malignitate 43
  2. Ludwich, A. (1896). Die homerische Batrachomachia des Karers Pigres: nebst Scholien und Paraphrase. Leipzig: B.G. Teubner. OCLC 2832477. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]