Saltar ao contido

Apocalipse Z. O comezo da fin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Apocalipse Z. O comezo da fin
Título orixinalApocalipsis Z. El principio del fin
Autor/aManel Loureiro
CubertaDenís Fernández Cabrera
OrixeEspaña
LinguaCastelán
Xénero(s)Novela, literatura fantástica
EditorialEspaña Editorial Dolmen
Galicia Urco Editora
Data de pub.España 2008
Galicia novembro de 2013
FormatoTapa branda con lapelas.
Páxinas388
ISBNGalicia 978-84-15699-40-8
Seguido porApocalipse Z. Os días escuros
TraduciónTomás González Ahola
editar datos en Wikidata ]

Apocalipse Z. O comezo da fin é unha novela de literatura fantástica en lingua castelá de Manel Loureiro, publicada en 2008 por Editorial Dolmen. Foi traducida ao galego por Tomás González Ahola, e publicada en 2013 por Urco Editora. É a primeira parte da triloxía Apocalipsis Z.

Porto deportivo de Pontevedra, onde o protagonista colle un barco.

Un avogado de trinta anos de Pontevedra que enviuvou dous anos antes comeza a escribir un blog por recomendación do seu psicólogo. Un 30 de decembro ve por televisión a nova de que en Daguestán, unha pequena república da Federación Rusa, un grupo de guerrilleiros tomou unha base militar. Malia que axiña aparece censura por parte do goberno ruso, a través de Internet rumoréase que se está a espallar unha doenza grave, e fálase do virus do ébola. Porén, comeza a falarse tamén de que as persoas afectadas son mortos viventes que manifestan unha grande agresividade. Persoal médico da Organización Mundial da Saúde e persoal militar de diversos estados é enviado á zona, mais axiña regresan, espallando a infección por todo o planeta.

Nos primeiros días, mentres a doenza non chega á Península Ibérica, o avogado vai a Barcelona a reunirse coa súa irmá. Porén, tras regresar a Galiza córtase o tráfico aéreo. Vendo que a situación está a volverse grave, péchase na súa casa co seu gato Lúculo, evitando os Puntos Seguros oficiais que están a establecer as autoridades para defenderse da poboación infectada. Alí, nun chalé acaroado nunha urbanización da periferia da cidade, resiste con reservas de comida e luz eléctrica con enerxía solar. Logo de caeren os servidores de Internet, deixa de actualizar o blog e comeza a escribir un diario.

Coa axuda dunha radio de onda curta escoita as novas que van chegando do exterior. En Pontevedra os infectados logran entrar no Punto Seguro. Descobre que o seu veciño tamén se mantén na súa casa. Ao pouco comezan a ver infectados deambulando pola rúa, e entenden que son Non Mortos. O veciño pretende marchar no coche até o peirao para escaparen en barco. Porén, logo de que un Non Morto o infecte, o avogado mátao cun arpón. Resiste unhas semanas na casa, pero ao cabo decide marchar.

Logo de facerse cunha pistola dun Non Morto, marcha no seu coche até o río Lérez, e baixa polo curso até o porto deportivo de Pontevedra. Alí faise cun barco, e baixa pola ría até Bueu, logo de ver que na illa de Tambo había un militar infectado. En Bueu recolle cartas náuticas, e diríxese cara a Vigo, pensando que alí seguiría activo o Punto Seguro.

Ao chegar a Vigo contacta cun barco mercante capitaneado por un ruso. Alí contacta cuns paquistanís e un ucraíno. O capitán obriga o avogado a ir á cidade, chea de xente infectada, para facerse cun paquete. Na incursión morren os paquistanís, quedando vivos el e mais Viktor Pritchenko, o ucraíno, que resulta ser un piloto de helicópteros que traballa para o servizo de extinción de incendios forestais da Xunta de Galicia.

Logran escapar do capitán do barco e intérnanse de novo en Vigo, coa intención de dirixirse cara ao heliporto. Logo de que o ucraíno resulte ferido, diríxense ao Hospital do Meixoeiro. Alí contactan con dúas superviventes, e resisten cinco meses. Porén, en setembro achégase ao hospital un incendio forestal, e deben marchar ás présas. Os catro conseguen chegar ao helicóptero, coa intención de marchar ás illas Canarias.

Narración

[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa, nun comezo como posts dun blog e despois como anotacións dun diario. Está estruturada en cinco seccións: "Blog", "Diario", "Vigo", "Inferno" e "Numancia".

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

A obra foi traducida a diversas linguas. Está prevista tamén a súa adaptación a cómic[1].

  1. "Apocalipsis Z, el cómic" Arquivado 17 de maio de 2014 en Wayback Machine., artigo no blog Infectados, febreiro de 2013 (en castelán).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Ficha na web da editorial.