Apocalipse Z. Os días escuros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Apocalipse Z. Os días escuros
Título orixinalApocalipsis Z. Los días oscuros
Autor/aManel Loureiro
CubertaDenís Fernández Cabrera
OrixeEspaña
LinguaCastelán
Xénero(s)Novela, literatura fantástica
EditorialEspaña Plaza&Janés
Galicia Urco Editora
Data de pub.España 2010
Galicia Setembro 2013
FormatoTapa branda con lapelas
Páxinas368
ISBNGalicia 978-84-15699-44-6
Precedido porApocalipse Z. O comezo da fin
Seguido porApocalipse Z. A ira dos xustos
TraduciónTomás González Ahola

Apocalipse Z. Os días escuros é unha novela de literatura fantástica en lingua castelá de Manel Loureiro, publicada en 2010 por Plaza&Janés. Foi traducida ao galego por Tomás González Ahola, e publicada en 2014 por Urco Editora. É a segunda parte da triloxía Apocalipse Z.

Trama[editar | editar a fonte]

Na primeira novela, o avogado de trinta anos que escapara de Pontevedra trala pandemia de Non Mortos que asolaga o mundo chegara a Vigo. Alí refuxiárase no Hospital do Meixoeiro canda o piloto de helicópteros ucraíno Viktor Pritchenko, e no centro hospitalario coñeceron a sor Cecilia e a Lucía, unha rapaza de dezasete anos. Os catro e mais Lúculo -o gato do avogado-, marchan en helicóptero cara ás illas Canarias.

Xa durante a viaxe deben parar en varias ocasións para repostar, aproveitando varios bidóns de queroseno que levan como carga. Nunha desas paradas, por Estremadura, o avogado ten un enfrontamento con Non Mortos nun vello bar abandonado. Na seguinte parada, nunha aldea do Sáhara Occidental, atopan varios Non Mortos deshidratados polas altas temperaturas, que seguen vivos malia estar secos.

Antes de chegar ás Canarias conectan os aparellos de radio. Aterran en Lanzarote e ven que na illa non queda ninguén vivo. Escapan á torre de control do aeroporto, e un helicóptero militar achégase a eles para rescatalos. Lévanos a Tenerife e déixanos en corentena como medida de precaución. Ao remate desta unha capitá do exército explícalle ao avogado a situación política e administrativa: Tralo comezo da pandemia, a Familia Real española trasladárase ás Canarias, pero o Príncipe Filipe e os Duques de Palma desapareceran. Ao cabo, o Rei Xoán Carlos I morreu dun derramo cerebral, e proclamárase herdeira a súa filla Elena de Borbón e Grecia. Porén, foi asasinada, e nomeárase rei o seu fillo Froilán. Logo disto, o bando republicano e o monárquico chegaron a un acordo tácito: os primeiros formaron goberno en Tenerife e proclamaron a III República Española, e os segundos en Gran Canaria, mais sen se recoñeceren formalmente. Vívese un ambiente de tensión, previo a unha guerra civil, con espionaxe e sabotaxe de por medio.

Logo deses meses colapsaran as industrias farmacéuticas, enerxéticas e alimenticias, polo que se vive unha situación de auténtica carestía. En Tenerife refínase petróleo dun buque xaponés, lévanse a cabo proxectos agrícolas e sáese a pescar, pero úsanse bonos de racionamento.

No centro de corentena, o barco Galicia da armada española, un mariñeiro corrupto e alcohólico intenta propasarse con Lucía. Esta dálle unha labazada, e sor Cecilia deféndea, e o mariñeiro dálle cunha porra á monxa, que queda en estado de coma. O mariñeiro acusa a Viktor do ataque. Despois da corentena a administración da illa concédenlles un piso e documentación, pero dinlles que axiña serán requiridos para traballar. Ao cabo o avogado e Lucía fanse parella, e pouco despois ela é destinada como enfermeira a un hospital. Viktor, acusado formalmente de atacar a monxa, é requirido como piloto para ir a unha misión, e o avogado debe ir co grupo pola súa experiencia loitando contra Non Mortos.

Aeroporto de Madrid-Cuatro Vientos.

Así, Viktor e o avogado son enviados a Madrid canda a unha cuadrilla militar para recoller medicamentos no Hospital de La Paz, que no seu momento fora declarado Punto Seguro. Van nun Airbus 320 até o aeroporto de Cuatro Vientos, e desde alí nun helicóptero ao Hospital. No centro sanitario entran -coa axuda dun pirata informático- no búnker usado polo Goberno Autonómico. Alí recollen medicamentos, pero ao regresar ao aeroporto os militares monárquicos da cuadrilla fanse co control. Viktor e o avogado, xunto cun militar moribundo, fican abandonados, mais logran arrancar un carro blindado. Chegan ata o Museo do Prado e alí atopan un helicóptero, co que marchan ao aeroporto antes de que cheguen os militares golpistas. Embarcan de novo ás Canarias, con só tres mochilas de medicamentos. Pola súa banda, o mariñeiro que atacara a monxa intenta matala para evitar que o acuse se se recupera do coma. Logo de inxectarlle morfina aparece Lucía na habitación, e o mariñeiro xunto cun esquizoide belga comezan a perseguir a rapaza polo hospital, mentres se orixina unha batalla entre os gardas de seguridade ao pensar que hai unha sabotaxe por parte dos partidarios da monarquía. Lucía refúxiase no Zoo, unha zona de perigo biolóxico, onde hai recluídos varios Non Mortos para o seu estudo. A rapaza logra escapar ferida, e o mariñeiro e o belga son atacados por Non Mortos. O esquizoide logra marchar tamén, disfrazado de médico.

De regreso de Madrid, o avogado e Viktor subornan un militar para evitar pasar a corentena e van na procura de Lucía. Ao pouco descobren que Lucía está en busca e captura, pois as autoridades pensan que Lucía fora quen comezara o caos no hospital. Grazas a Lúculo saben que a moza escapara cara ao porto e que os agardaba nun veleiro. Finalmente logran embarcar e fuxir da illa o avogado, Lucía, Viktor e mais o gato.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra alterna a primeira persoa que usara na primeira novela -desde o punto de vista do protagonista- co narrador omnisciente en terceira persoa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na web da editorial.