Antonia Ferrín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Antonia Ferrín Moreiras")

Antonia Ferrín Moreiras, nada en Ourense o 13 de maio de 1914 e falecida en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2009, foi unha matemática e astrónoma galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla dun mestre de matemáticas, trasladouse coa familia a Santiago de Compostela en 1920. Estudou o bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez e en 1930 matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse en Químicas e obtivo ademais o título de mestra, e xusto ao remate da súa licenciatura comezou a traballar, en 1934, como profesora axudante de Física e Matemáticas na súa facultade —unha das seis mulleres en facelo naquel momento—, e máis como profesora de Ciencias no instituto de bacharelato onde estudara. Porén, seguiu estudando e matriculouse en Farmacia e fixo os dous cursos de ciencias exactas que a Universidade de Santiago ofertaba naquela altura.

Polos seus posicionamentos políticos, en 1937 foi sancionada e apartada da docencia na Universidade de Santiago[1], ao igual que outros 45 profesores, entre os que se atopaban Enrique Rajoy Leloup, Fernando Calvet, Isidro Parga Pondal ou Francisco Fernández del Riego, aínda que se lle permitiu seguir como profesora no colexio de nenas orfas Nosa Señora dos Remedios de Santiago[2]. En 1940 revisouse o seu proceso e puido reincorporarse á docencia universitaria. Fíxoo como profesora axudante de Enrique Vidal Abascal.

Observatorio Ramón María Aller da USC.

Neses anos coñeceu a Ramón María Aller e interesouse pola astronomía. Traballou con el no Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago e publicou os seus traballos en distintas revistas de astronomía. En 1952 conseguiu unha praza fixa de investigación. Dous anos antes licenciouse por libre de Ciencias Exactas na Universidade Central de Madrid. En 1953 conseguiu unha praza por oposición na escola de maxisterio de Santander, e en 1955 trasladouse de volta a Santiago.

En 1957 converteuse na primeira muller profesora da Facultade de Matemáticas en Santiago, acabada de crear, onde impartiu clases durante seis anos, ata 1963. Nesa época ademais conseguiu rematar a súa tese sobre observación astronómica, titulada Observacións de pasos por dúas verticais e dirixida por Aller, que presentou na Complutense, e que é a primeira tese sobre matemáticas escrita por un galego. É nese ano cando marchou a Madrid para converterse en catedrática de Matemáticas na diplomatura de Maxisterio desa cidade. Pero axiña se trasladou á Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense, onde deu clase de astronomía durante case unha vintena de anos, ata a súa xubilación en 1984.

En 2004 trasladouse a Santiago de Compostela por motivos de saúde.

A súa principal contribución á astronomía consiste en traballos sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas duplas e determinación de pasos por dúas verticais.

Galardóns e homenaxes[editar | editar a fonte]

A Universidade de Vigo creou o Premio Antonia Ferrín Moreiras de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero[3][4]

Unha aula da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela leva o seu nome [5].

Obras[editar | editar a fonte]

  • Ferrín Moreiras, Antonia (1950). "Sobre observaciones meridianas y en el primer vertical". Urania: 223–245. 
  • Ferrín Moreiras, Antonia (1964). "Observaciones de pasos por dos verticales". Urania: 258. 

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Moreno Castillo, Ricardo (1992). Edicións do Castro, ed. Pensamento matemático en Galicia. 
  • Fernández Pérez, Iván e José Angel Docobo Durántez (2011). Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, ed. As matemáticas e a astronomía en Galicia. ISBN 978-84-692-7002-8. 
  • Ríos Fachal, Matilde (2009). "In memoriam Antonia Ferrín Moreiras". Gamma: revista galega de educación matemática (9): 179–180. 
  • Cid Galante, Rosa (2003). "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1990-1940) (I).". Minius (11): 139–156. 
  • Cid Galante, Rosa (2004). "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1990-1940) (II).". Minius (12): 73–102. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]