Saltar ao contido

Amparo Poch y Gascón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAmparo Poch y Gascón

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de outubro de 1902 Editar o valor en Wikidata
Zaragoza, España Editar o valor en Wikidata
Morte15 de abril de 1968 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Tolosa, Francia Editar o valor en Wikidata
ResidenciaZaragoza
Nîmes
Madrid
Tolosa Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaAnarquismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédica, sindicalista, xinecóloga, xornalista, activista, anarquista Editar o valor en Wikidata
Empregadorministério da saúde (pt) Traducir
hôpital Joseph-Ducuing (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Partido políticoMujeres Libres Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioDoctora de educación sanatario Editar o valor en Wikidata
Familia
PaiJosé Poch Segura Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1380416

Amparo Poch y Gascón, nada en Zaragoza o 15 de outubro de 1902 e finada en Tolosa (Francia) o 15 de abril de 1968, foi unha escritora e médica activista antifascista e libertaria, cofundadora en 1936 da revista Mujeres Libres.[1][2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Casa na rúa Ramón Pignatelli 57, onde Amparo Poch viviu até 1916
Folla do padrón municipal de Zaragoza de 1924. Amparo Poch vivía na rúa Madre Rafols 8
Antigo cuartel de pontoneiros Sangenis (Zaragoza) onde serviu José Poch Segura

Filla primoxénita de José Poch Segura e de Simona Gascón Cuartero,[3][4] foi bautizada na Parroquia de Santiago o 18 de outubro de 1902 cos nomes de María de los Desamparados y del Pilar.[4] Noutros documentos figura como María del Pilar Amparo. Tivo catro irmáns, José María (1904), Fernando (1906), Josefina (1912) e Pilar (1912).[5] A familia viviu na rúa Pignatelli 57 de Zaragoza. En 1916 José Poch ascendeu a tenente de pontoneiros e tivo dereito a gozar dunha vivenda nos pavillóns militares do Cuartel de Sangenis na rúa Madre Rafols, 8. Amparo Poch tivo unha pequena consulta para mulleres, nenos e nenas nesa dirección.

Amparo Poch contraeu matrimonio civil con Gil Comín Gargallo o 28 de novembro de 1932 en Zaragoza. Daquela Gil, licenciado en Filosofía e Letras, Belas Artes e Dereito, tiña 33 anos e traballaba como oficial de banca. Porén, o matrimonio non durou moito tempo.[3]

A mediados dos anos 30 o compañeiro sentimental de Amparo Poch foi Manuel Zambruno Barrera. Era escritor, poeta e membro do sindicato do metal de CNT. En xullo de 1936 estivo no asalto ao Cuartel da Montaña. Foi redactor da prensa confederal e correspondente nas frontes de Madrid.[3]

Entre os anos 40 e 60 o seu compañeiro sentimental foi Francesc Sabaté.

Formación

[editar | editar a fonte]
Antiga Facultade de Medicina de Zaragoza onde Amparo Poch estudou Medicina entre 1922 e 1929

Cando Amparo Poch lle pediu permiso ao seu pai para estudar Medicina, este díxolle:[3]

Non é unha carreira propia dunha muller.

Debido a esta oposición, estudou Maxisterio na Escola Normal Superior de Mestres de Zaragoza entre 1917 e 1922. Licenciouse con premio extraordinario na sección de Ciencias.

En 1922, seguindo a súa verdadeira vocación, matriculouse na Facultade de Medicina de Zaragoza.

En varios artigos denunciou a burla, o desprezo e a falta de respecto que inspiraba aos homes «a muller sabia». Tamén criticou a indiferenza do profesorado e dos claustros universitarios.

Licenciouse en 1929 con matrícula de honra nas 28 materias. Na súa promoción licenciáronse 97 homes e 2 mulleres.[5] Foi a segunda muller en licenciarse nesta Facultade.

O 21 de setembro de 1929 tomou parte nas oposicións ao Premio Extraordinario de licenciatura do curso 1928-1929, a única muller dun total de 7 aspirantes. Por sorteo saíu elixido o tema Valor diagnóstico del examen del líquido cefalorraquídeo. O tribunal outorgoulle a ela por unanimidade o Premio Extraordinario da súa promoción.[3]

Tras a Guerra Civil Española o seu pai tentou borrar todo o seu expediente académico. No Arquivo da Escola Normal Superior de Mestras de Zaragoza, Amparo Poch aparece co número 60 no índice do libro 5824 do curso 1916-1917. Con todo, o expediente que correspondía a ese número desapareceu e a folla cos seus datos foi arrincada.[5]

Do Colexio Oficial de Médicos de Zaragoza desapareceu a documentación de Amparo Poch. Só se conservou unha ficha pola que se sabe que foi vicesecretaria do Colexio de Médicos até 1934, cando se trasladou a Madrid.[5]

No curso 1923-1924 obtivo matrícula de honra na materia de Lengua alemana para Medicina impartida pola Escola Superior de Comercio de Zaragoza.[5]

Novelista

[editar | editar a fonte]

En 1923 editouse a súa novela breve Amor. A protagonista Amor Solís (alter ego de Amparo) é unha pintora que se move entre a loita obreira e o pistoleirismo do momento.[4] A novela, parcialmente autobiográfica, desvela o impacto entre o estudantado de ideas anarquistas como a rebeldía e o inconformismo. Foi prologada por Gil Comín Gargallo, con quen Amparo Poch casou polo civil o 28 de novembro de 1932 en Zaragoza.[3]

Casa na rúa Madre Rafols, 8, onde Amparo Poch viviu desde 1916. Nun cuarto interior estabeleceu a súa consulta médica en 1929

O 3 de outubro de 1929 inscribiuse no Colexio de Médicos de Zaragoza.

Casa na avenida César Augusto, 76 (antiga rúa Cerdán, 30), onde viviu Amparo Poch en 1930. Nun cuarto estabeleceu a súa consulta médica.

Estabeleceu a súa consulta nun cuarto interior da súa propia casa no número 8 da rúa Madre Rafols. Máis tarde trasladouna á rúa Cerdán número 30 de Zaragoza (actual avenida César Augusto, 76).

En 1932 vivía na rúa Torre Nueva, 40-42 de Zaragoza.

Traballou na prevención da enfermidade e na promoción da saúde. Puxo en marcha programas de educación sanitaria para mulleres obreiras e desenvolveu un gran labor na sanidade infantil para reducir a alta taxa de mortalidade da época.

En decembro de 1931 publicou a Cartilla de Consejos a las Madres, destinada aos coidados que debía manter a muller durante a xestación e a lactación. Esta cartilla foi galardoada no II Concurso de premios do doutor Borobio pola súa divulgación pedagóxica na protección da infancia.

O 3 de maio de 1934 deuse de baixa no Colexio de Médicos de Zaragoza e trasladouse a Madrid. Viviu na rúa Maior 71 e na rúa Hermosilla 74.

En outubro de 1935 abriu unha Clínica Médica para mujeres y niños na rúa Libertad 34, no barrio Puente de Vallecas.

Atendeu a consulta da Mutua de Médicos da CNT, do Sindicato Único de Sanidade, no cal militaba.

Mujeres Libres

[editar | editar a fonte]

En 1936 xunto a Lucía Sánchez Saornil e Mercedes Comaposada fundou a revista Mujeres Libres, portavoz da Federación Mujeres Libres a prol da liberación da muller obreira. Dirixida ás mulleres e escrita por mulleres, vetou a colaboración de homes, agás o artista Baltasar Lobo, ilustrador e maquetista da publicación. En maio de 1936 apareceu o primeiro número. O editorial dicía:[Cómpre referencia]

«[...] encamiñar a acción social da muller, dándolle unha visión nova das cousas, evitando que a súa sensibilidade e o seu cerebro se contaminen dos erros masculinos. E entendemos por erros masculinos todos os conceptos actuais de relación e convivencia: erros masculinos, porque rexeitamos enerxicamente toda responsabilidade no devir histórico, en que a muller non foi nunca actora, senón testemuña obrigada e inerme... non nos interesa rememorar o pasado, senón forxar o presente e afrontar o porvir, coa certeza de que na muller ten a Humanidade a súa reserva suprema, un valor inédito capaz de variar, pola lei da súa propia natureza, todo o panorama do mundo. ... que miles de mulleres recoñecerán aquí a súa propia voz, e pronto teremos xunto a nós toda unha xuventude feminina que se axita desorientada en fábricas, campos e universidades, buscando afanosamente a maneira de encamiñar en fórmulas de acción as súas inquedanzas».

A educación e a capacitación profesional eran premisas determinantes á hora de conquistar os dereitos da obreira no ámbito dunha formación libertaria. O seu obxectivo era a emancipación da muller da escravitude, da ignorancia e da submisión sexual.

As agrupacións Mujeres Libres de Madrid e o Grupo Cultural Femenino de Barcelona fusionáronse en setembro de 1936 na Agrupación de Mujeres Libres. En Barcelona a entidade estabeleceu comedores colectivos, organizou cursos de enfermería e puericultura e enviou víveres ao Madrid asediado. Tamén abriu unha Escuela de Chóferes para mulleres para colaboraren nos Servizos de Sanidade da retagarda, e impartiu cursos para capacitalas como condutoras de tranvías.

Entre as colaboracións de Amparo Poch na revista destacan:

  • El recién nacido: unha guía de primeiros coidados e puericultura.
  • O Sanatorio del Optimismo: onde a Doctora Salud Alegre e outros personaxes relatan a realidade con ironía e digresións surrealistas. Amparo ilustrou os textos con debuxos propios.
  • Proyección para la creación de una fábrica de bodas en serie (Churros auténticos): cuestionaba o feito de obter un certificado matrimonial entre as parellas libertarias. Rexeitaba o libre consentimento tradicional de unir as súas vidas voluntariamente.
  • ¡Oooooh! ¡Ginebra!: Criticaba a actitude arbitraria da Sociedade de Nacións.
  • Miasmas ministeriais: versión do que viviu no Ministerio de Sanidade como directora de Asistencia Social entre 1936 e 1937.
  • Un viaje de placer: relata que a Doctora Salud envía ao Doctor Buen Humor a Marte.
  • La raza esforzada del aval: trata a política do aval que complica a marcha das actividades, o que converte asuntos nimios en case irresolúbeis.
  • Canción breve del miliciano muerto: poema que escribiu mentres traballaba como médica miliciana. Cobraba o soldo regulamentario dun soldado raso de 10 pesetas.
  • El niño asesinado (Romance pequeñito): poema dedicado á infancia refuxiada durante o seu traballo como responsábel das expedicións que evacuaban nenos ao estranxeiro para salvalos da guerra e a fame.
  • La casa rota: poema en que describe os bombardeos sobre as casas.

Divulgadora

[editar | editar a fonte]

Fundou e presidiu o Grupo Ogino que deu a coñecer este sistema anticonceptivo.

En 1932 publicou o estudo La vida sexual de la mujer en Cuadernos de Cultura de Valencia. As súas análises tratan a educación, a hixiene, os órganos reprodutores, a regulación dos embarazos e as enfermidades sexuais.

Durante a Guerra Civil española impartiu cursos de puericultura e prácticas hospitalarias para enfermeiras. Tamén deu charlas sobre defensa pasiva e orientación sanitaria, participou en mitins e conferencias e viaxou para inspeccionar as colonias de nenos refuxiados.

Pacifista

[editar | editar a fonte]
Cartel do mitin contra a guerra anunciado para o 18 de xullo de 1936 na praza Monumental de Barcelona. Amparo Poch ía tomar parte como presidenta en España da sección feminina de War Resisters. Foi suspendido debido ao levantamento militar.

Tras a vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 un grupo de pacifistas creou a Liga Hispánica contra la Guerra, como sección española da WRI (War-Resisters International). Presidida por Amparo Poch, Fernando Oca del Valle actuou como secretario e o profesor José Brocca, como Delegado no Consello da WRI. Outros representantes foron Juan Grediaga, Mariano Solá e David Alonso Fresno.

«Que debemos facer ante o xesto bélico que de novo incha as súas velas no horizonte do Mundo? Agora xa ninguén pode quedar na retagarda. (…) Xa non vale esta vez querer xogar á queda, porque os avións se burlan zumbando tras as nubes que eles fabrican; e os microbios voan a distancias grandes e os novos gases traspasan a roupa, a máscara e a pel. Agora xa non pode ninguén quedar na retagarda. (…) Non prestedes oídos aos himnos nacionais nin ás palabras retumbantes que vos falen de falsos deberes patrióticos; senón a esa outra voz doce e fonda que sae do propio corazón e ensina o precepto intanxíbel de amar todos os seres e todas as cousas. (…) Que cómpren casas anchas e ben alumeadas; pontes, estradas e ferrocarrís; barcos sen canóns que unan aos homes no canto de exterminalos».
Tiempos Nuevos. 1/6/1935
Apresurémonos a facer unha declaración: A nosa conciencia rexeita de plano a guerra; o noso corazón non pode admitir a violencia como razoábel e xusta en ningunha ocasión. Ningún acontecemento fixo vacilar as nosas conviccións refractarias á guerra e seguimos crendo que ningunha é nobre, é xusta, é boa porque todas teñen, mesmo as que en aparencia se fan por móbiles honrados, un verdadeiro motivo: o poder. O poder é, segundo as ocasións, a conquista dun territorio, dun goberno, a entronización dunha familia, etc. etc. E se se trata de guerrear polo ideal..., a imposición sobre o maior número posíbel de individuos das normas de vida do grupo vencedor. Velaquí a verdade.
1937

Amor libre

[editar | editar a fonte]

Amparo Poch defendeu a unión de parella sen papeis nin documentos e foi partidaria da separación ou o divorcio cando o amor remata. Atacou a dobre moral sexual sustentada sobre o matrimonio e a prostitución. Defendeu a liberdade sexual das mulleres e o seu dereito ao pracer sexual e promoveu o amor libre. Rexeitou, amais, o principio da monogamia, que relacionaba estreitamente co capitalismo e a propiedade privada:

«Todo o armatoste opresivo do capitalismo defende a monogamia nos seus códigos sexuais porque sabe moi ben que só o derrubamento deste puntal poderoso fará a verdadeira Revolución. Parella humana, propiedade privada, capitalismo. Velaquí tres pedras que se sosteñen mutuamente. (…) É indispensábel ir ao recoñecemento pleno, por parte da sociedade, de todas as formas de unión amorosa; tal é a saída autenticamente revolucionaria e liberadora do problema. (…) Temos fixadas unhas normas convencionais e parécennos leis inmutábeis da Natureza».
Prólogo a El matrimonio libre. Pedro Ribelles Pla. Valencia 1937
«Mulleres que andades desatinadas tras o semideus varón; mulleres que aplicades todo o voso enxeño en atrapalo: poderías resolver este, ao parecer, difícil PROBLEMA? O home se exerce a medicina, e é chamado a altas horas da noite, se a par ten un fillo enfermo ou o está a súa esposa, a quen atende? Adiviña, adiviña... (…) Eu non sei como resolvería o caso a gran Concepción Arenal, que desempeñou cargos oficiais, escribiu moitos libros admirados en Congresos Internacionais (…) e asistiu ás cátedras disfrazada de home. Eu no sei como resolverían o caso Concha Espina, Sofía Casanova, a señorita Dautschakoff; a primeira muller que desempeñou unha cátedra oficial no Imperio Ruso e que pertenceu ao Claustro do Instituto Histolóxico da Universidade de Moscova; Henry Peterson, a primeira muller avogada que informou en Dinamarca; as cirurxiás e médicas que no século XII houbo en Bolonia e Palermo, e nos nosos días se atopan en Rusia, Alemaña, Suecia e particularmente nos Estados Unidos, onde hai máis de catro mil médicas, algunhas das cuales dirixen hospitais en Filadelfia, Boston e Chicago; en Rusia pasan de seiscentas; en Inglaterra de trescentas (...)».
Ateneo Científico Escolar. 1923 [6]

Escribiu Elogio del amor libre, onde fai unhas descricións amorosas poéticas e apaixonadas:

«Eu non teño Casa. Quero amar no espazoso «alén» que non pecha ningún muro nin limita ningún egoísmo.

O meu corazón é unha rosa de carne. En cada folla ten unha tenrura e unha ansiedade. Non o mutiles!
Teño ás para ascender polas rexións da investigación e o traballo. Non as cortes!
Teño as mans como palmas abertas para recoller moedas incontábeis de caricias. Non as encadees!
Crea o novo tipo; pon o sal na Vida; a cor e a chama nos bicos desiguais. Ama, fala, traballa. Comprende, axuda, consola.
Aprende a desaparecer e descargar da túa presenza; e a coñecer o valor do 'eu' libre. Sen nada; nin por diñeiro, nin por paz, nin por sosego...
Amor libre!
(…) Eu no teño Casa, que tira de ti como unha incomprensiva e implacábel pouta; nin o Dereito, que te limita e te nega.
Pero teño, Amado, un carro de flores e horizonte, onde o Sol se pon por roda cando ti me miras. Cando ti me bicas.
(…)

A Vida está farta xa da Muller-esposa, pesada, demasiado eterna, que perdeu as ás e o gusto polo deliciosamente pequeno e polo noblemente grande; está farta da Muller-prostituta, á que xa non lle queda senón a raíz escuetamente animal; está farta da Muller-virtude, seria, branca, insípida, muda... Crea o novo tipo; pon o sal na Vida; a cor e a chama nos bicos desiguais. Ama, fala, traballa. Comprende, axuda, consola».
Elogio del amor libre. Mulleres libres. Número 3. xullo de 1936.

Feminista

[editar | editar a fonte]

Defendeu a igualdade de oportunidades e de trato entre homes e mulleres.

«Esta afirmación de que, en Zaragoza, case todas as mulleres estudantes non teñen do segundo moito máis có nome, satisfai ese numeroso público que aínda mantén vivas as decadentes lendas das misións femininas na terra, da súa inferioridade intelectual, e da incompatibilidade de tales misións, que ninguén nega, coas dignísimas ideas da súa humana independencia e da súa igualdade, fronte os varóns, personalidade a personalidade, poder a poder.
Poucas mulleres hai que respondan a ese ideal, máis de mañá que de hoxe; quizais por temor ao calvario ao que se condena a quen se desliga audazmente dos costumes e prexuízos das xentes; calvario que se multiplica para as mulleres facéndose chuvia de groseiros cualificativos e pensamentos malos, para combatilas con eles até facelos claudicar, ou, cando tal non sucede, envolvelas na nube da hostilidade e burla con que o vulgo, acolle a 'muller sabia' e a pon pingando en chistes, caricaturas e gargalladas, como se a muller sabia, cando o é verdadeiramente, non tivese a súa dignidade elevadísima, a súa personalidade respetábel, e o seu recio caudal de sentimentos que a levan a chorar, quizais, as manifestacións brutais de cantos, talvez, non saben telas doutro modo».
La Voz de Aragón. 6/3/1927
«A maternidade non pode ser pretexto para cernar dereitos e aspiracións á muller, pois pasada a época máis dura da xestación queda en completa capacidade para uns e outras; dicir que a muller, por ser nai, non pode ser máis, é tan absurdo como se ao home, por ser pai, se lle estabelecesen límites e restriccións na súa intelectualidade e nos seus privilexios. (…) A muller quere ser atendida, non tolerada; quere ser igual, non inferior».
La Voz de Aragón. 28/11/1928
«A realidade económica enterrou a muller, completamente ignorante xa do inxenuo pracer da vida primitiva, de que a Casa a excluía de todas as tarefas de produción, de todos os traballos públicos que dan dereito á subsistencia. Esta víñalle por medio do home a quen rendía os seus servizos privados, mesmo os sexuais; e defendeuse na súa nova posición, preocupándose de afianzar os lazos que a unían ao home».
Mujeres libres. Número 3, xullo de 1936
«A primeira contestación é un recoñecemento e unha acusación contra a mala retribución do traballo da muller, só por selo, malia o seu traballo ser de igual calidade có masculino. O que non é senón unha faceta do menosprezo cara o elemento feminino, sempre relegado a segundo termo e destinado a eclipsarse e desaparecer ante o varón».
La vida sexual de la mujer. Marzo de 1932
«A moral burguesa infiltra tamén no matrimonio o concepto de propiedade, e fai que os homes digan 'a miña muller', e as mulleres se digan señora 'de' fulano, tendo o home claro sentido dos seus numerosos dereitos sobre a esposa».
La vida sexual de la mujer. Marzo de 1932
«A muller nova non pode encher co amor a súa existencia. Necesita buscarse e atoparse a si mesma en variadas actividades, na profesión elixida, no estudo ao que se consagrou, no taller, na fábrica e na Universidade. Vai ás clínicas, ao lado das máquinas, ás naves en que resoan os motores e ás aulas en que se arela ciencia; e para isto molestábanlle as súas voluminosas saias pesadas que reduciu; os seus laboriosos e molestos peiteados, que suprimiu».
La vida sexual de la mujer. Marzo de 1932

Ecoloxista

[editar | editar a fonte]

Denunciou os ataques á Natureza en nome dos intereses do progreso. En 1923 escribiu un artigo en que denunciaba a corta de árbores para construír unha vía dobre de tranvía:

«Eu vin desaparecer as árbores que eran o colar e a vida desta pobre rúa deserta. (…) Que o meu bo compañeiro non teña queixa de min. Aínda que eu chorase a súa morte, sentina tanto, que por primeira vez na miña vida nace en min o desexo da vinganza. Eu querería vingarme da vía dobre, desa vía dobre que me arrebatou a miña amiga árbore. Eu querería ser un pouco 'omnipotente'. Faría brotar na mesmísima vía unhas árbores recias, altas, numerosas. Cortaríannos para que o progreso do século non encontrase obstáculos, pero por cada unha que cortasen nacerían dúas aos cinco minutos. Terían que desistir e levar o tranvía por outro sitio. Entón eu traería a miña árbore, resucitaríaa, poríaa novamente xunto aos meus balcóns, resucitaría a todas as árbores da rúa e xa deixaría de ser omnipotente e quedaría satisfeito o desexo de vinganza que en min naceu».
Adiós a un árbol. La Voz de la Región. 23 de xullo de 1923.

Coeducación

[editar | editar a fonte]

Foi partidaria da coeducación en todos os niveis.

«Pero séxanos permitido detérmonos un momento para facer notar a necesidade dunha coeducación racionalmente dirixida. Nenos que conviven na casa, no cinema, na rúa, na Universidade máis tarde, son separados pola escola, separación que se quixo facer extensiva aos institutos nacionais ao crear os femininos. Con isto cáusase un prexuízo moral de consideración e viólase o dereito do neno á coeducación».
La vida sexual de la mujer. Marzo de 1932

Ministerio de Sanidade

[editar | editar a fonte]

Traballou no Ministerio de Sanidade con Federica Montseny como directora de Asistencia Social entre 1936 e 1937.

Organizou unha expedición de 500 nenos refuxiados cara México. O 16 de marzo de 1937 dirixiu unha expedición de nenos a Francia. O día seguinte organizou a saída de nenos a Rusia no barco Ciudad de Cádiz.

Dirixiu o proxecto Hogares Infantiles, que substituíu os antigos asilos e orfanatos e dotou dun fogar aos orfos da República.

As diverxencias dos comunistas empurrados por Stalin contra o trotskismo e o anarcosindicalismo levou a que en maio de 1937 terminase a colaboración dos catro ministros cenetistas co goberno de Largo Caballero. Amparo Poch foi cesada o 3 de xuño dese ano.

Ese mes de maio o enfrontamento armado en Barcelona entre o comunismo e o anarcosindicalismo causou unhas 1500 vítimas (500 delas mortais), a ilegalización do POUM e o asasinato do seu secretario xeral Andreu Nin, a perda de moitas conquistas revolucionarias e parte das colectividades de Aragón.

Casal de la Dona Treballadora

[editar | editar a fonte]

O 3 de novembro de 1937 trasladouse a Barcelona.

Foi directora do Casal de la Dona Treballadora da cidade, onde se capacitaba a muller obreira cun programa cultural, profesional e social. Participou na organización de hospitais de campaña e na atención de nenos e refuxiados.

O cartel do Casal de la Dona Treballadora dicía:

«Compañeira:
Queres contribuír a gañar a guerra?
Queres capacitarte para serlle útil á causa antifascista?
Queres adquirir unha cultura xeral?
Queres especializarte nunha profesión?
Inscríbete no Casal de la Dona Treballadora Pi y Margall, 96, e elixe a clase, o curso que máis che interese do plan que se inclúe no reverso».
«O Casal de la Dona Treballadora desenvolve o seguinte plan de traballo para a capacitación inmediata da muller.

Clases elementais (Analfabetas e tres graos): Ler, escribir, nocións de Aritmética, Xeografía, Gramática, fenómenos naturais.
Clases complementarias do ensino elemental: Historia Universal, Francés, Inglés, Ruso, Mecanografía, Taquigrafía.
Clases complementarias profesionais: Enfermeiras, puericultoras (coas correspondentes prácticas en hospitais e lugares axeitados), peritaxes (Mecánica, Electricidade, Comercio), Corte e confección, nocións de Agricultura e Avicultura, coas súas correspondentes prácticas.

Formación social: Cursos de organización sindical, Socioloxía, nocións de Economía,
Conferencias semanais de ampliación de cultura xeral».

O Casal estaba nun piso da rúa de les Corts Catalanes, 622. En outubro de 1937 trasladouse á rúa Pi i Margall, 96. Baixo a dirección de Amparo Poch pasou de 150 alumnas a 911. Usaba un criterio pedagóxico moderno:[Cómpre referencia]

«... en que a lección se une á conferencia e á práctica. Coa conferencia dáselle á alumna un concepto amplo da materia que estuda. Coa lección práctica coñece dende a proximidade o que aprende nos libros».

As clases eran gratuítas. Para ingresar no Casal non importaba a organización, o partido ou a ideoloxía da alumna, só se pedía que tivese a vontade de estudar e aprender.

Guerra Civil

[editar | editar a fonte]

Desde o Sindicato Único de Sanidad da CNT, Amparo Poch participou na organización de instalacións sanitarias improvisadas en edificios desafectados ou incautados. Prestou os seus servizos no Frontón de Recoletos, reconvertido en hospital de sangue da CNT.

O 25 de xullo de 1936 incorporouse ao 9º Batallón do Rexemento Ángel Pestaña, do Partido Sindicalista. O Batallón estaba formado por 1486 milicianos, dos que 83 eran mulleres. Amparo Poch atendía os servizos sanitarios como doutora miliciana.

Unha orde do 26 de agosto de 1936 nomeouna membro da Xunta de Protección de Orfos de Defensores da República, creada polo Ministerio de Instrución Pública. Colaborou nesa época co xornal cenetista Castilla Libre, nunha sección poética chamada «Bombas de mano».

En Barcelona dirixiu un programa de capacitación das brigadas de salvamento. Instruíu os brigadistas sobre asfixia, traumatismos, hemorraxias e transfusións sanguíneas.

Coordinou colonias e granxas-escola para nenos refuxiados e elaborou os seus plans pedagóxicos.

Exilio en Francia

[editar | editar a fonte]

A principios de febreiro de 1939 cruzou a fronteira por Camprodon e quedou na localidade fronteiriza de Prats de Molló. O 11 de setembro de 1939 a prefectura do departamento de Gard en Nimes esténdelle un permiso de residencia en Francia, mais este non lle permite traballar. Viviu en Nimes até 1943 nun piso do número 26 do Boulevard Victor-Hugo. Ela e Francisco Sabater, o seu compañeiro sentimental, traballaban na economía mergullada pintando tarxetas e panos, bordando, facendo bolsos de rafia e encartando sobres. Tamén colaborou nun taller de chapeus clandestino. Nunha carta á súa amiga Gloria Prades contra 1943 escribiu:[Cómpre referencia]


«Traballo todos os días (domingo e festas igualmente) até medianoite e até a unha da mañá, pois non hai para subsistir máis có produto deste esforzo dende o primeiro día e xa comprenderás que a cousa é como unha cadea que non se ve, pero que limita todos os meus movementos».

En xaneiro de 1943 produciuse unha redada en toda Francia contra os refuxiados españois sospeitosos de loitar contra o nazismo. O seu compañeiro Francisco Sabater foi detido e internado nun Grupo de Traballadores Estranxeiros en Miramas até a liberación de Francia en agosto de 1944.

Cara finais de 1945 Amparo Poch e Francisco Sabater trasladáronse a Tolosa. Viviu no número 44 da Rue Jonquières, onde pasaba consulta médica de maneira clandestina. Coa posta en vigor do Estatuto Xurídico dos Refuxiados Españois normalizouse a súa vida laboral e puido exercer a medicina atendendo a pacientes españois.

No dispensario da Cruz Vermella Española, no número 51 da Rue Pargaminieres, Amparo Poch ocupouse das consultas de medicina xeral e xinecoloxía. Tamén colaborou na Clínica San Andrés co cirurxián francés Doutor Tomás e traballou no dispensario do Hospital Varsovia de Tolosa. A CNT no exilio organizou uns cursos gratuítos por correspondencia e Amparo Poch dirixiu os de Puericultura, Anatomía e Fisioloxía Humana.

Amparo Poch seguiu ao servizo da sección española de Solidariedade Internacional Antifascista (SIA) no Comité Nacional de Tolosa prestando asistencia médica.

O seu compañeiro Francisco Sabater enfermou de gravidade e regresou a Valencia. En 1965 diagnosticóuselle a Amparo Poch un cancro cerebral. Alternou ingresos no hospital con períodos de melloría. Contra 1966 quixo volver a Zaragoza canda a súa familia. Os seus pais xa finaran e as súas irmás comunicáronlle que:[Cómpre referencia]


«Non queren volver ver a persoa que foi a ignominia da súa casa, moito fan con pedir por ela nas súas misas e oracións!»

A doenza sumiuna na decadencia física, alienación mental e carácter áspero. Ramón Valencia e a súa esposa atendérona nos seus últimos días. Faleceu o 15 de abril de 1968 en Tolosa. O 18 de abril máis de 200 exiliados españois acudiron ao seu enterro no cemiterio de Cornebarrieu.

O testamento que fixo e que asinaron como testemuñas José Sanjuan e Ramón Valencia desapareceu. O comité de SIA (Solidariedade Internacional Antifascista) repartiu os seus avíos entre os máis necesitados. Os seus documentos e libros quedaron no Comité Nacional de SIA. Ao morrer só tiña na súa conta 16 francos e 29 céntimos. O periódico Espoir de Tolosa publicou:

«(...) viviu as penalidades propias de todos os que abandonamos España, por non querer aceptar o triúnfo do fascismo... Á súa última morada acompañáronna moitos homes e mulleres, de todos os partidos políticos e organizacións, que sabían o abnegada e exemplar que fora a súa vida, como médica, dedicada a axudar e a curar os que máis o necesitaban».

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
Centro de Saúde Amparo Poch (Zaragoza)
Biografía de Amparo Poch no Centro de Saúde homónimo (Zaragoza)
Rúa Amparo Poch (Zaragoza)
Placa de inauguración do Centro de Saúde Amparo Poch (Zaragoza)
Placa na rúa Madre Rafols, 8, onde tivo unha consulta médica para mulleres, nenos e nenas
  1. de la Fuente, Inmaculada (17 de novembro de 2002). "La voz de las mujeres silenciadas". El País (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2023. 
  2. Moreno, Víctor (11 de xaneiro de 2022). "Amparo Poch Gascón: feminista, escritora y antifascista". Nueva Tribuna (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Antonina (2002a), p. 300
  4. 4,0 4,1 4,2 Castro, Antón (16 de novembro de 2005). "Historia de Amparo Poch, una mujer libre - Entrevista con Antonina Rodrigo". Consultado o 23 de maio de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Rodrigo (2002b)
  6. Magallón Portolés, Carmen (2004). Pioneras Españolas en Las Ciencias: Las Mujeres Del Instituto Nacional de Física y Química. Estudios sobre la Ciencia, 24 (en castelán) (2ª ed.). CSIC-Dpto. de Publicaciones. ISBN 9788400077730. 
  7. Macho-Stadler, Marta (8 de agosto de 2019). "Amparo Poch y Gascón, la médica que enseñó educación sanitaria y sexual a las españolas". elDiario.es (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2023. 
  8. "Toulouse. De nouvelles rues toulousaines baptisées". ladepeche.fr (en francés). 25 de decembro de 2021. Consultado o 30 de maio de 2023. 
  9. Gobierno de Aragón (ed.). "Agenda Escolar 2021-2022" (PDF) (en castelán). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]