Alianza Libre Europea
| Alianza Libre Europea | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
|
Número de escanos lexislatura
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
A Alianza Libre Europea, ALE (EFA en inglés), é un partido político europeo que agrupa diversos partidos de ámbito nacional e rexional que buscan a independencia política, ou algunha forma de devolución ou autonomía para o seu país ou rexión.
Segundo a carta da Alianza Libre Europea, os obxectivos que persegue a ALE son: a defensa do dereito ao autogoberno e á autodeterminación dos pobos, a busca dunha maior unidade europea, a mellora da representación das rexións e nacións sen estado nos organismos europeos, unha maior democratización da Unión Europea, a defensa do medioambiente, a promoción das linguas minorizadas, a defensa de políticas sociais progresistas e solidarias que aseguren unha distribución xusta da riqueza, a promoción da igualdade de xénero e a erradicación da homofobia e a transfobia.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]A Alianza Libre Europea formouse o 9 de xullo de 1981 a partir da xuntanza de 6 partidos nacionalistas e rexionalistas europeos que acordaron un programa conxunto na chamada Declaración de Bruxelas. Estes partidos eran: a Unión Popular de Flandres, o Partido da comunidade xermanófona de Bélxica, a Unión Popular de Alsacia-Lorena, o Partido da Terra da Bretaña, o Independent Fianna Fáil, escisión do Fianna Fáil da República de Irlanda e o Partido Nacional de Frisia. Así como dous membros observadores, a Unión do Pobo Corso e a Convergència Democràtica de Catalunya.[2] Nesta declaración a ALE adopta como principio básico o federalismo, entendido este como a defensa de que a toma das decisións políticas se debe dar á escala o máis local posible.[3] A esta alianza vanse sumar progresivamente distintos partidos políticos e coalicións a medida que se vai producindo a ampliación da Unión Europea.
O Bloque Nacionalista Galego, única formación política galega que forma parte da Alianza, entrará nela como membro observador en 1994 e tornarase membro de pleno dereito no ano 2000.[2] Así mesmo, o eurodeputado José Posada formará parte do grupo parlamentario da ALE nos anos 1993-94 e 1994-99, inda que o seu partido, Coalición Galega, non se integrará nunca oficialmente na Alianza Libre Europea.[2]
Funcionamento interno
[editar | editar a fonte]O organo de decisión supremo que regula o funcionamento da ALE é a Asemblea Xeral, que reúne anualmente a representantes dos partidos membros de pleno dereito. Esta asemblea ten as competencias para regular a admisión e expulsión dos mebros da ALE, así como para fixar os estatutos e programa político da Alianza. Así mesmo, a Asemblea Xeral elixe un Bureau, cun presidente e un secretario xeral, encargado de dirixir a ALE no período interasemblear e implementar os acordos aprobados pola Asemblea Xeral. Finalmente, existe un secretariado encargado de executar as decisións do Bureau e vixiar o correcto funcionamento da alianza a nivel diario. Así mesmo, existe o Congreso, no que teñen representación todos os partidos membros da ALE, cuxa función é a de aprobar un programa electoral conxunto antes de cada convocatoria das eleccións europeas.[1]
A ALE conta coa súa propia organización xuvenil, as Xuventudes da Alianza Libre Europea (EFA-Youth), integrada polas distintas organizacións xuvenís dos partidos membros. Así como cunha fundación propia, a Fundación Coppieters, encargada de realizar estudos e actividades de divulgación do pensamento e valores da ALE.[4]
Representación nas institucións europeas
[editar | editar a fonte]Eurodeputados na lexislatura 2024-2027
[editar | editar a fonte]Tras as eleccións europeas celebradas en 2024, a ALE ten 8 europarlamentarios que se atopan integrados nun grupo parlamentario común cos verdes no Parlamento Europeo: Alianza Libre Europea - Os Verdes. Estes son:[5]
- Diana Riba, Esquerra Republicana de Catalunya, Cataluña.
- Ana Miranda, Bloque Nacionalista Galego, Galicia.
- Vicent Marzà, Més Compromís, País Valenciano.
- Pernando Barrena, EH Bildu, País Vasco.
- Manuela Ripa, Partido Ecolóxico-Democrático, Alemaña.
- Johan Van Overtveldt, Nova Alianza Flamenga, Flandres.
- Assita Kanko, Nova Alianza Flamenga, Flandres.
- Kris Van Dijck, Nova Alianza Flamenga, Flandres.
Historia electoral
[editar | editar a fonte]| Lexislatura | Número de deputados | Grupo parlamentar |
|---|---|---|
| 1979-1984 | 2 / 434 |
Grupo de coordinación técnica |
| 1984-1989 | 4 / 434 |
Grupo Arco da Vella |
| 1989-1994 | 9 / 518 |
Grupo Arco da Vella |
| 1994-1999 | 3 / 567 |
Alianza Radical Europea |
| 1999-2004 | 10 / 626 |
Os Verdes - ALE |
| 2004-2009 | 5 / 732 |
Os Verdes - ALE |
| 2009-2014 | 7 / 736 |
Os Verdes - ALE |
| 2014-2019 | 12 / 751 |
Os Verdes - ALE |
| 2019-2024 | 5 / 751 |
Os Verdes - ALE |
| 2024-27 | 8 / 751 |
Os Verdes - ALE |
Partidos membros
[editar | editar a fonte]| Estado | País | Partido |
|---|---|---|
| Azerbaidján | Nagorno-Karabakh | Partido democrático de Artsakh |
| Albania | Minoría macedonia de Albania | Alianza Macedonia pola Integración Europea |
| Alemaña | Baviera | Partido de Baviera |
| Schleswig-Holstein | Asociación de electores do sur de Schleswig | |
| Austria | Eslovenos de Carintia | Enotna Lista |
| Bélxica | Flandres | Nova Alianza Flamenga |
| Bulgaria | Pirin | Organización macedonia unida: Ilinden-Pirin |
| Dinamarca | Schleswig | Partido de Schleswig |
| Eslovenia | Istria | Oljka |
| España | Andalucía | Andalucía por Sí |
| Galicia | Bloque Nacionalista Galego | |
| Cataluña | Esquerra Republicana de Catalunya | |
| Aragón | Estau Aragonés | |
| País Vasco | Eusko Alkartasuna | |
| Illas Baleares | Més per Menorca | |
| Partit Socialista de Mallorca -Entesa Nacionalista | ||
| Illas Canarias | Nueva Canarias - Bloque Canarista | |
| País Valenciano | Més-Compromís | |
| Finlandia | Åland | Ålands Framtid |
| Francia | Alsacia | Unser Land |
| Bretaña | Unión Democrática Bretoa | |
| Cataluña Norte | Unitat Catalana | |
| Corséga | Femu a Corsica | |
| Partido da Nación Corsa | ||
| Occitania | Partido Occitano | |
| Savoia | Mouvement Sabauadia | |
| Grecia | Minoría turca de Macedonia Oriental e Tracia | Partido da Amizade, a Igualdade e a Paz |
| Italia | Friúl | Patto per l’Autonomia |
| Sicilia | Siciliani Liberi | |
| Tirol do Sur | Partido da Liberdade de Tirol do Sur | |
| Val de Aosta | Union Valdôtaine | |
| Países Baixos | Frisia | Partido Nacional de Frisia |
| Reino Unido | Cornualla | Mebyon Kernow |
| Gales | Plaid Cymru | |
| Escocia | Partido Nacional Escocés | |
| Yorkshire | Partido de Yorkshire | |
| República Checa | Moravia | Movemento da Terra Morava |
| Romanía | Minoría húngara de Transilvania | Alianza Húngara de Transilvania |
| Serbia | Vojvodina | Liga socialdemócrata de Vojvodina |
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "Charter of the EFA". Statutes of the EFA (PDF). 2004. pp. 1–2.
- 1 2 3 4 KERNALEGENN, Tudi (2013). The internationalism of the EFA (PDF). Bruxelas: EFA. pp. 37–39.
- ↑ European Free Alliance (1981). Declaration of the Brussels Convention. Bruxelas: Digital Library of National Movements in Europe, Centre Maurits Coppieters. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2024. Consultado o 05 de agosto de 2024.
- ↑ "Presentation". Coppieters (en inglés). Consultado o 2024-08-05.
- ↑ "Members of the European Parliament Archive". EFA - European Free Alliance (en inglés). Consultado o 2024-08-05.
- ↑ "Member Parties". EFA - European Free Alliance (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2021. Consultado o 2024-08-05.