Alejandro Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alejandro Gómez
Alexandre Gómez.JPG
Nome completoAlejandro Gómez Cabral
Nacemento11 de abril de 1967
 Vigo
Falecemento31 de xaneiro de 2021
 Vigo
Causatumor cerebral
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfondista
editar datos en Wikidata ]

Alejandro Gómez Cabral, tamén coñecido como Alexandre Gómez[1], nado en Zamáns (Vigo) o 11 de abril de 1967 e finado tamén en Zamáns o 31 de xaneiro de 2021[2], foi un atleta galego. Correu, entre outras, coa sección de atletismo do Celta de Vigo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Empezou de novo, acadando importantes marcas en categorías de idade. Foi récord de España júnior en 2000 m (5'09"5), récord de España xuvenil nos 5000 m (14'16"7) e récord estatal de 10 000 m na categoría promesa, así como campión de España de 3000 m obstáculos nesa última categoría. Na primeira etapa da súa traxectoria deportiva tamén destacou nas probas de campo, onde acadou o estatal de cross en 1984 como xuvenil, e os estatais de cross en 1986, 1987 e 1988 como promesa. O seu maior éxito foi a medalla de prata conseguida nos mundiais de atletismo júnior, en Atenas (1986), na distancia de 5.000 m, cunha marca de 13'55"94.

Xa en categoría absoluta, conseguiu varios campionatos nas distancias máis longas do fondo. Por exemplo, foi campión galego de cross en cinco ocasións consecutivas, e campión estatal de cross en 1989 e en 1995. Tamén foi campión estatal de 10 000 m en pista nos anos 1989, 1991, 1993, 1995 e 1996, e de medio maratón en 1992 e 2003.

A nivel internacional, a súa primeira participación olímpica tivo lugar nos Xogos de Seúl, en 1988, na distancia dos 5.000 m. Máis tarde, xa habituado á gran distancia, disputou os 10.000 m de Barcelona e os de Atlanta, onde obtivo a mellor posición ao rematar na 15ª posición cunha marca de 29'38"11.

Nos campionatos do mundo de atletismo a súa mellor actuación foi a 9ª praza na final dos 10.000 m en Toquio, cunha marca de 28'13"71, mentres que en Goteborg foi 16º. Desa época é tamén a medalla de prata conseguida nos campionatos de Europa de cross celebrados en Alnwick e a oitava praza nuns mundiais de medio maratón celebrados en Palma.

Na parte final da súa traxectoria deportiva dedicouse ao maratón. Nesa proba foi 5º nos europeos de Budapest en 1998, 40º nos mundiais de Sevilla en 1999 e 6º nos europeos de Múnic en 2002. Foi 41 veces internacional con España. Ademais, foi ostentou o récord estatal de maratón en 1997 ao conseguir unha marca de 2:07'54".

En xuño de 2020 foille detectado un tumor cerebral sen posibilidade de operación.[3] O 11 de xullo dese ano recibiu unha homenaxe en Vigo por parte do atletismo galego, organizado pola Federación Galega, e coa participación de numerosos atletas, tamén de fóra de Galicia, como o plusmarquista mundial Sebastian Coe, quen definiu a Gómez como unha "lenda do atletismo".[4][5]

Na data do seu falecemento era o posuidor dos récords galegos de 10000, maratón e medio maratón en categoría absoluta, así como de varios récords en diferentes distancias en categorías de veteranos[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Atletismo. Alexandre Gómez". CRTVG - pasouoquepasou - Arquivo en liña. 2013-10-24. Consultado o 2021-01-31. 
  2. "Fallece el atleta vigués Alejandro Gómez". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-01-31. Consultado o 2021-01-31. 
  3. "Alejandro Gómez: «Realmente no pensaba que la gente me quisiera tanto»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xuño de 2020. Consultado o 9 de xullo de 2020. 
  4. "O atletismo galego réndelle unha merecida homenaxe a Alejandro Gómez". CRTVG. 11 de xullo de 2020. Consultado o 18 de xullo de 2020. 
  5. "«Alejandro Gómez, eres único»". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xullo de 2020. Consultado o 18 de xullo de 2020. 
  6. "Federación Galega de Atletismo". ranking.atletismo.gal. Consultado o 2021-01-31.