Albino Núñez Domínguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Albino Núñez Domínguez
Albino Nunez Dominguez.jpg
Imaxe do escritor, pedagogo e poeta.
Datos persoais
Nacemento 13 de decembro de 1901
Lugar San Pedro da Mezquita, A Merca, Galicia Galicia
Falecemento 7 de febreiro de 1974 (72 anos)
Lugar Ourense, Galicia Galicia
Actividade
Lingua Galego
Estudos Maxisterio

Albino Núñez Domínguez, nado en San Pedro da Mezquita (A Merca) o 13 de decembro de 1901 e finado en Ourense o 7 de febreiro de 1974, foi un escritor, pedagogo e poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Maxisterio na Escola Normal de Ourense, sendo «discípulo predilecto de don Vicente Risco, don Felipe Pedreira, don José Soler e de dona Araceli Ancochea» (A. Vilanova). Exerceu de mestre nas localidades de Amoroce (Celanova) e Maceda (Ourense), iniciándose no ambiente empobrecido da aldea galega o seu fervor pola pedagoxía, que habería de ser a gran paixón da súa vida.

En 1932, a A.T.E.O. (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), da cal era o seu presidente, decide editar unha revista pedagóxica que se chamaría Escuela del Trabajo e que tivo unha feliz andadura durante dous anos, con vinte e seis números publicados. Encárgase a súa dirección a Albino Núñez Domínguez, «un mestre namorado dá súa profisión e cheo de ideas renovadoras, tendo de colaboradores a todo ou Consello de Dirección daquel xornal anterior, A República, e a grande cantidade de mestres republicanos dispersos pola provincia ourensana» (Joam C. Chilhon Iglesias).

A revista constituíu un auténtico revulsivo dentro do ensino, ancorado entón nos vellos métodos. Albino Núñez imprimiulle un carácter marcadamente técnico-pedagóxico, rexeitando de pleno o pernicioso memorismo e o excesivo intelectualismo da época e introducindo os métodos da «Escola Nova», baseados nas máis recentes doutrinas pedagóxicas e en tentativas empíricas para a súa realización. Foi o primeiro medio de difusión que fixo chegar ás escolas da provincia ourensá as novas técnicas pedagóxicas (Montessori, Kerschensteiner, Decroly, Dewey, Cousinet etc...).

Ao aprobar a oposición ao Corpo de Directores Escolares, Núñez Domínguez é trasladado ao Grupo Escolar «Concepción Arenal» da Coruña, onde seguiría desenvolvendo as novas técnicas escolares, establecendo «novos fins» da educación e orientando para eses fins a obra social da escola «por medios psicobiolóxicos de adaptación do comportamento». Pero a guerra civil truncou as súas aspiracións humanistas cando era director do Centro antes mencionado. A partir de 1936 dedícase ao ensino privado, primeiro en Lugo, e máis tarde en Ourense, onde funda, en 1949, o centro de ensino «Estudios Galicia». O grande interese deste centro radicaba, sobre todo, na especial atención dedicada á formación de mestres que logo levarían ás súas aulas as novas técnicas de ensino, conectando así coa súa primeira etapa de director de Escuela del Trabajo como divulgador dos métodos de avanzada pedagoxía na provincia de Ourense.

En agosto de 1959 foi rehabilitado, primeiro como mestre e logo como director escolar, ocupando o seu último destino na Estrada (Pontevedra). Faleceu en Ourense o día 7 de febreiro de 1974. O C.E.I.P de Casardomato (Ourense) leva o seu nome por proposta da Corporación municipal (1980).

Obra[editar | editar a fonte]

Gran parte da obra de Albino Núñez Domínguez permanece inédita, pero actualmente está en proceso de publicación. Pódense citar, como interesantes traballos da súa autoría:

  • Parnaso Galaico (1956)
  • Musa Galega (1957)
  • A nosa fala (1958)
  • Maruxa ou a femineidade (1958)
  • Grandezas e miserias da nosa terra (1959)
  • Nin lendas negras nin historias brancas (1962)
  • Toponimia galaica (1965)
  • Romance de Castrelo de Miño

Así mesmo, é autor do libro Temas de pedagogía (1963), onde está recollido o seu ideario educativo, baseado nas súas experiencias persoais e en profundas lecturas dos pedagogos do seu tempo. Libro curioso na súa orixe (naceu como resultado das súas leccións orais ditadas aos alumnos, que actuaron a modo de amanuenses recollendo con fidelidade as súas palabras e facendo posible a súa edición), nel aborda, na súa case totalidade, a problemática educativa, caracterizándose pola súa gran capacidade de sínteses e pola súa claridade de exposición. Defende a escola activa e funcional, o respecto á liberdade do educando e propugna o método heurístico-socrático como o máis idóneo para chegar ao coñecemento da ciencia, método cuxa mecanización actual segue constituíndo a base do ensino programado.

Colaboracións de prensa[editar | editar a fonte]

Á parte da súa labor educativa, Núñez Domínguez realizou estudos xeográficos, de toponimia, literarios, traducións ao galego poemas de Antonio Machado e diversas colaboracións na prensa, como en:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]