Estudios Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
Estudios Galicia foi un centro educativo ourensán especializado en Bacharelato por Ensino Libre e na preparación de opositores para ingreso no Corpo Nacional de Ensino primario. Comezou a funcionar, legalmente autorizado polo Ministerio de Educación Nacional, en setembro de 1947 baixo a dirección de Albino Núñez Domínguez, acompañado por un equipo de experimentados docentes.
Nesa data, o Instituto de Bacharelato do Posío era o único centro oficial para impartir ese tipo de docencia en toda a provincia ourensá. Un reducido número de colexios privados, maioritariamente relixiosos, completaban a oferta educativa.
O ensino libre era outra opción posible: os alumnos preparábanse nalgún centro habilitado e logo examinábanse no instituto, dos programas das diferentes materias, nas convocatorias de xuño e setembro. Este tipo de ensino requiría unha preparación moi minuciosa e un esforzo intenso e constante por parte do alumno.
Estudios Galicia, ao longo dos seus 25 anos de existencia (1949-1974), dedicouse, como queda apuntado, a dúas actividades docentes fundamentais: Bacharelato Libre e preparación de oposicións para ingreso no Maxisterio Nacional Primario. En bacharelato, este centro comezou o seu funcionamento establecendo a coeducación. Por esta circunstancia, a Inspección Educativa de Santiago de Compostela recriminou a Albino Núñez Domínguez, chegando a ameazar co peche das instalacións. O director nunca acatou a orde e o centro educativo seguiu funcionando: o número de alumnos afectados e a popularidade do colexio, farían moi impopular a medida.[Cómpre referencia]
Na preparación para oposicións, a calidade das ensinanzas impartidas determinou que un gran número de mestres ingresasen no Corpo Nacional. O aumento de institutos en toda a provincia e a implantación das reformas educativas, produciron o decaemento e finalmente a desaparición do Ensino Libre. Estudios Galicia cesou no desenvolvemento da práctica docente ao final do curso 1973-1974.