Cesáreo Rodrigo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de febreiro de 1819 Coculina, España |
Morte | 5 de xaneiro de 1895 (75 anos) Ourense, España |
Bispo de Ourense | |
15 de setembro de 1875 – ← José La Cuesta Maroto (en) – Pascual Carrascosa Gabaldón → Diocese: diocese de Ourense | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Valladolid Real Universidade de Toledo (pt) |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1876–), relixioso |
Consagración | Juan de la Cruz Ignacio, Cardenal Moreno y Maisonave |
Cesáreo Rodrigo Rodríguez, nado en Coculina, no concello de Villadiego (provincia de Burgos) o 25 de febreiro de 1819 e finado en Ourense o 5 de xaneiro de 1895, foi un eclesiástico español, bispo da diocese de Ourense entre 1876 e 1895.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou no seminario de Burgos, e licenciouse na Universidade de Valladolid en 1840. Foi beneficiado en Villahán e Villamayor de los Montes. En 1849 obtivo a cátedra de Lóxica e Metafísica no seminario de Burgos, e en 1852 a de Lugares Teolóxicos e Institucións.
Doutorouse en Sagrada Teoloxía pola Universidade de Toledo, e foi nomeado vicerreitor do Seminario, Examinador sinodal e xuíz secretario da arquidiocese de Burgos. O cardeal Juan Ignacio Moreno y Maisanove nomeouno secretario e Canónico da catedral de Burgos, cargos que ocupou até que en 1863 Moreno foi nomeado arcebispo da arquidiocese de Valladolid. Acompañou o cardeal Moreno nas súas viaxes a Roma, como secretario e como teólogo consultor, e axudouno no Concilio Vaticano Primeiro (1878). En 1862 fora nomeado camareiro do papa Pío IX.
Foi gobernador eclesiástico. O 23 de setembro de 1875 foi preconizado no Consistorio como bispo de Ourense, consagrado na Colexiata de San Isidro de Madrid o 6 de febreiro de 1876 polo cardeal Moreno. Tomou posesión do cargo o día 18 dese mes.
Durante a súa etapa como bispo de Ourense visitou todas as parroquias da diocese e en 1893 levou a cabo unha das máis importantes reformas parroquiais do bispado ourensán.[1] Tamén promoveu a construción do Colexio de Santa Tareixa de Xesús, a cargo das Irmás Carmelitas da Caridade. Amais impulsou o Seminario Conciliar de San Fernando, e impuxo diversas medidas para contrarrestar a decadencia do clero.
Denunciou o escritor Manuel Curros Enríquez pola publicación da obra Aires da miña terra, ao considerar que varios dos poemas atentaban contra os dogmas e relixión católica. No Boletín Eclesiástico do 28 de xuño de 1880 declaraba prohibida a lectura do libro por herexía e blasfemia[2][3].
Tivo como secretario a Juan Soldevilla Romero, a quen consagrou como bispo en 1889. Escribiu diversas obras teolóxicas e pastorais. Foi Cabaleiro Gran Cruz de Isabel a Católica, e Senador do Reino. En Ourense unha praza leva o seu nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Catálogo da XXX Exposición Filatélica: mostra de coleccionismo San Martiño. Sociedade Filatélica Miño de Ourense. 2020. p. 43.
- ↑ "Boletín Eclesiástico del 28 de Junio de 1880", na BVG.
- ↑ "Escudo de Ourense: Obispo Cesáreo Rodrigo", artigo no blog Edificios de papel, 13 de agosto de 2014 (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Obispo Cesáreo Rodrigo, natural de Coculina", post no blog Coculina refugio de vida, 10 de maio de 2011 (en castelán).
- "Biografía de Cesáreo Rodrigo. Segunda parte", post no blog Coculina refugio de vida, 14 de xuño de 2011 (en castelán).