Agapito García Atadell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agapito García Atadell
Agapito García Atadell Paz.jpg
Nacemento 28 de maio de 1902
  Viveiro
Falecemento 15 de xullo de 1937
  Sevilla
Nacionalidade España
Ocupación tipógrafo
Cónxuxe Piedad Domínguez Díaz
editar datos en Wikidata ]

Agapito García Atadell, nado en Viveiro o 18 de maio de 1902 e falecido en Sevilla o 15 de xullo de 1937, foi un obreiro tipógrafo e sindicalista galego. É coñecido polo seu papel durante a guerra civil española, ao ter dirixido unha checa en Madrid durante os primeiros meses da contenda e pola súa participación na represión. O seu nome quedou asociado coas checas e coa represión republicana en Madrid durante a contenda.[1] Fuxido da zona republicana pouco antes da Batalla de Madrid, foi capturado polos franquistas, xulgado e executado.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os deputados socialistas Lamoneda, Anastasio de Gracia e Bugeda, co director das Milicias de Investigación, Agapito García Atadell, e un grupo de milicianos dos que traballaban ás súas ordes, entre eles Pedro Penabad Rodríguez.

Obreiro tipógrafo e sindicalista. Militou na Asociación General del Arte de Imprimir, en 1927 era Secretario xeral do Comité Central da Federación de Juventudes Comunistas. En 1928 trasladouse a Madrid para traballar nos talleres de El Sol e de La Voz. Ingresou na Agrupación Socialista de Madrid en 1930 e foi un destacado militante do Partido Socialista Obrero Español durante a Segunda República, máis próximo a Indalecio Prieto do que a Largo Caballero. Estivo na cadea trala folga xeral revolucionaria de 1934.

Guerra civil[editar | editar a fonte]

Despois do golpe de estado de Franco, o PSOE decide reforzar a policía con republicanos leais. Á fronte dunha desas brigadas, denominadas Milicias Populares de Investigación criminal, formada por 48 homes, sitúase García Atadell.[2]

A brigada que actuaba violentamente e sen mediación de procesos xudiciais, foi responsable en total de ata 800 detencións[3] de persoas vencelladas ao bando golpista, á Igrexa ou en xeral á dereita, moitas delas asasinadas. Ademais, as detencións serviron como fonte de financiamento, e as brigadas recadaban grandes cantidades en diñeiro e xoias[4]. Os editoriais dos dous principais xornais socialistas El Socialista e Informaciones, apoiaron as súas actuacións[3].

Fuxida e captura[editar | editar a fonte]

En outubro de 1936, García Atadell, canda ao seu colaborador Pedro Penabad Rodríguez e as súas respectivas parellas, tentaron escapar clandestinamente de España polo porto de Alacant alegando que precisaba realizar un servizo de contraespionaxe. Nesa cidade conseguiu un visado de cidadán cubano e embarcou para Marsella no buque arxentino 25 de mayo. Dende Marsella marcharon a Saint-Nazaire, onde embarcaron cara a Cuba no transatlántico francés Mexique o 19 de novembro. Pero o buque aportou dúas veces en territorio controlado polo exército golpista: primeiro na Coruña e logo en Santa Cruz de la Palma, onde finalmente García Atadell e Penabad foron detidos. Foron trasladado primeiro a Santa Cruz de Tenerife e logo a Sevilla, onde lles fixeron un consello de guerra e os condenaron a pena de morte, sendo executados no garrote vil polo verdugo Cándido Cartón.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ruiz 2014, p. 9.
  2. "La gran labor de García Atadell al frente de las Milicias Populares de Investigación". Crónica (en español) (357): 11. 13/9/1936. 
  3. 3,0 3,1 Defending the Republic: The García Atadell Brigade in Madrid, 1936, de Julius Ruiz, Journal of Contemporary History, Vol. 42, No. 1, 97-115 (2007)
  4. "un solo saqueo realizado en la casa número 5, de la calle Conde de Xiquena, les ha proporcionado 4 millones de pesetas en metálico, joyas y objetos de arte", Heraldo de Madrid, 20/8/1936
  5. Romero García 2014.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]