Abruñeiro dos xardíns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abruñeiro dos xardíns

Abruñeiro dos xardíns na variedade atropúrpurea
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Amygdaloideae
Tribo: Amygdaleae
Xénero: Prunus
Sección: Prunus
Especie: P. cerasifera
Nome binomial
Prunus cerasifera
Ehrh.

O abruñeiro dos xardíns[1] (Prunus cerasifera) , é unha especie botánica do xénero Prunus e do subxénero Prunus nativa de Europa central e leste, e Asia suroeste e central. O nome latino lembra que é da familia da cerdeira aínda que o seu valor sexa ornamental. É común na xardinaxe galega, especialmente en parques públicos pola súa floración primaveral epolo ton avermellado das súas follas en primavera e verán.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha pequena árbore que pode acadar os 6-7 metros. Posúe unha copa ampla e arredondada. A folla é caduca de 4–6 cm de longo, de cor vermella cando nace que torna púrpura escura e fica na árbore até case a fin do outono. As follas son simples, alternas ovadas ou elípticas, co bordo serrado; os ápices agudos, glabras, agás o nervio central no envés. As pólas son tamén avermelladas.

As flores son de cor rosada de 1,5 a 2 cm de diámetro, que torna branca ao abrir. Saen antes que as follas no mes de marzo. Teñen cinco pétalos e moitos estames. É unha das primeiras árbores europeas en florear na primavera.

O froito é unha drupa, moi semellante á cereixa ou un abruño, de 2 a 3 cm de diámetro e de cor amarela ou avermellada. Son comestíbeis cando acadan a madurez a comezos do outono. Os rabiños teñen propiedades diuréticas.

Cultivo e usos[editar | editar a fonte]

A froito pode comerse fresco de varios xeitos. Unhas variedades dan froitos doces e de bo sabor, mentres outras dan abruños acedos, mais que son excelentes para facer marmeladas. É moi popular coma árbore ornamental de xardín, e pola súa moi ceda floración. Desenvolvéronse numerosos cultivares, moitos pola follaxe purpúrea e as flores rosadas, coma Prunus cerasifera 'Pissardii' e 'Nigra'. Estas formas de follaxe purpúrea tamén dan froitos púrpura escuros, cos que se fan xeleas atractivas, e intensamente coloreadas. Outras, coma 'Lindsayae', teñen flores rosa pálidas e follaxe verde.

Multiplícase por semente e por esgallo; tamén as variedades por medio do enxerto. Dáse en diferentes climas: cálidos e fríos. Vexeta ben en solos calcarios e pobre, pero con humidade de abondo. Cómpre diferenciar esta especie do mirabeleiro (Prunus domestica var. syriaca).

Abruños de xardín.
Flor do abruñeiro de xardín.

Crenzas[editar | editar a fonte]

Segundo as lendas e supersticións eslavas esta árbore é bastante mal considerada. Os demos xermanos aparecen nas cerdeiras metendo en problemas a quen ousaba tocalos. Con labras de cerdeira os eslavos tentaban saber se unha persoa tiña lombrigas. Arroxábanas á auga, se afundían era proba da existencia destes seres diabólicos no corpo humano. Os albaneses queiman pólas desta cerdeira nas noites consagradas ao novo sol, gardan as cinsas e fecundan con elas as vides. Ás veces as pólas do abruñeiro son colocadas nas portas das noivas a noite do primeiro de maio. Na campiña italiana aconséllase non comer cereixas cos ricos[2].

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Prunus cerasifera foi descrita por Jakob Friedrich Ehrhart e publicado en Gartenkalender 4: 192–193, no ano 1784.[3]

Etimoloxía

Prunus, é o nome latino do abruñeiro.

Cerasifera, epíteto derivado de Cerasus, cerdeira e fer = ter. Que ten ou produce cereixas, aludindo aos pequenos abruños. Nalgunhas linguas, como o castelán ou o inglés recibe o nome de cerdeira-ameixeira.

Variedades aceptadas
Sinonimia
  • Cerasus myrobalanos hort.
  • Padus racemosa (Lam.) C.K.Schneid.
  • Padus racemosa subsp. racemosa
  • Prunus cerasifera subsp. myrobalana (L.) C.K.Schneid.
  • Prunus divaricata Ledeb.
  • Prunus domestica var. myrobalana L.
  • Prunus myrobalana (L.) Loisel.[4]
  • Prunus cerasifera var. orientalis Popov
  • Prunus cerasifera subsp. sogdiana Cinovskis
  • Prunus mirabilis Sumner
  • Prunus orientalis Kudr.
  • Prunus sogdiana Vassilcz.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego favorito segundo o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, baseándose en diferentes fontes: ‘’Diccionario das ciencias da natureza e da saúde’’ (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000. ‘’Guía das árbores de Galicia’’. A Coruña, Baía Edicións, 1997 - https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm?#12500366
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 10 de maio de 2013. 
  3. Abruñeiro dos xardíns en Trópicos
  4. "Prunus cerasifera Ehrh". www.catalogueoflife.org. Consultado o 2022-02-08. 
  5. Abruñeiro dos xardíns en PlantList/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Flora of China Editorial Committee. 2003. Fl. China 9: 1–496. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  • Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]