Saltar ao contido

Abadía de Hersfeld

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ruínas da abadía

A abadía de Hersfeld (en alemán: Reichsabtei Hersfeld), tamén coñecida como abadía imperial de Hersfeld, foi unha importante abadía imperial (do Sacro Imperio Romano Xermánico, rexida pola orde beneditina, situada en Bad Hersfeld, no norte de Hesse, Alemaña, na confluencia dos ríos Geisa, Haune e Fulda.[1]

A súa colexiata é, na actualidade, a maior igrexa románica en ruínas de Europa.

Fundación

[editar | editar a fonte]
Estatua de Lulo de Hersfeld na praza do concello de Bad Hersfeld

Hersfeld foi fundada como eremitorio por santo Esturmio, un discípulo de san Bonifacio entre 736 e 743. Debido a que a súa localización era vulnerábel aos ataques saxós, Esturmio e a súa comunidade trasladáronse a abadía de Fulda en 744. Algúns anos despois, en 769, tras a derrota dos saxóns polos francos, Lulo de Hersfeld, arcebispo de Maguncia refundou o mosteiro como unha abadía beneditina. Tanto a abadía como a igrexa foron dedicados a san Simón o Celote e san Xudas Tadeo.

Lulo fundou o mosteiro ao non poder integrar a abadía de Fulda na arquidiocese de Maguncia (Trutzfulda). Coa fundación da abadía aliñabase cos plans de Carlomagno. Ambos organizaban desde Hersfeld a subxugación e cristianización do Turinxia a Saxonia. A abadía converteríase deste modo nun centro de misións, que recibiu moito poder e influencia do emperador.

Lulo foi bispo de Maguncia e abade de Hersfeld desde 769 a 786 en unión persoal (e desde 782, arcebispo). En 775, Carlomagno elevou a Hersfeld a abadía imperial, dotándoa de doazóns de terreos,[1] que continuarían nos séculos VIII e IX. As doazóns durante o Imperio carolinxio incrementarían o poder e influencia do mosteiro. Especialmente en Turinxia, a abadía dispoñía de vastas propiedades. O papa Estevo III outorgoulle a exención da xurisdición episcopal.

Lulo fixo trasladar os ósos de san Vigberto de Fritzlar a Hersfeld en 780, co que o mosteiro converteuse nun centro de peregrinación. En 782 vivían na abadía 150 monxes e posuía ao rededor de 1 050 hides de terreo.[1] Tras a súa morte, o 16 de outubro de 786, Lulo foi enterrado na igrexa da abadía. A lista de bens do Breviarium sancti Lulli fai inventario das posesións da abadía en tempo de Lulo. Os alicerces da capela de Esturmio e da igrexa de Lulo foron achados durante as escavacións levadas a cabo no século XX na ala sur do transepto das ruínas da abadía, pero mon se encotrou o nicho da tumba de Lulo.

Os edificios foron ampliados entre os anos 831 e 850 e, por orde do abade Bun (820-840) edificouse unha nova igrexa, á que se trasladaría a tumba de Lulo en 852. A nova igrexa foi consagrada sendo abade Brunwart II (840-875) e foi dedicada a san Vigberto e ao Redentor. A cerimonia do traslado dos ósos de Lulo foi presidida por Rabano Mauro, arcebispo de Maguncia, que anunciou a canonización do difunto fundador da abadía. A Lullusfest celébrase en Hersfeld desde entón cada 16 de outubro, sendo a festividade local establecida máis antiga do mundo xermanófono.

Biblioteca e escola

[editar | editar a fonte]

A biblioteca da abadía foi fundada polo abade Gotzbert (970-985). Nela rexistrábanse regularmente os anais da abadía, co que chegou a ser coñecida como un lugar de piedade e aprendizaxe. Desde a época do abade Bun, a escola do mosteiro gozaba dunha alta reputación. O seu líder foi Haimo, máis tarde bispo de Halberstadt. Crese que nesta época o descoñecido poeta autor do Heliand (un poema épico do século IX en saxón antigo que presenta a Xesús e alos apóstolos como un rei e os seus guerreiros no contexto da época), recibiu a súa ensinanza teolóxica en Hersfeld.

Decadencia

[editar | editar a fonte]

Contra finais do século X Hersfeld sufriu o declive xeral da época, a a disciplina monástica relaxouse. Os abades Gozbert e Bernhard permitiron que se alixeraran as duras normas beneditinas. Os monxes vivían como cóengos en casas propias e tiñan propiedades particulares. Por este motivo, o futuro emperador Henrique II encomendou en 1005 a Godehard[1] (futuro san Gotardo, bispo de Hildesheim) a reforma da vida conventual na abadía, nomrándoo abade a pesar do dereito de elección dos monxes. Gotardo viña da abadía de Niederaltaich e permanecue como abade de Hersfeld até 1012. Restableceu a regra de san Bieito e puxo aos monxes ante a elección de obedecer a regra ou abandnar o mosteiro (50 monxes deixaron a abadía).

Recuperación

[editar | editar a fonte]
Á dereita, a antiga ceca da abadía
Katharinenturm

O sucesor de Gotardo foi o abada Arnold (1012-1031) que tamén proviña de Niederaltaich. Fundou un prebostado entre 1012 e 1024 en Johannesberg, consagrado a san Xoán. As súas ruínas son visíbeis actualmente xunto ao edificio do Dormitorium dos monxes. Durante a época de Arnold a abadía recibiu en 1015 e 1016 doazóns do emperador Henrique II, entre elas a abadía de Memleben,[2] co que a base económica e o significado da abadía incrementáronse aínda máis.

En 1038 un incendio destruíu a igrexa abacial. O abade Meginher (1036-1059) dedicouse inmediatamente á súa reconstrución. Xa en 1040 o coro e a cripta eran consagrados a san Vigberto. O abade entregou ao emperador Henrique III o Negro as reliquias principais dos apóstolos Simón o Celote e Xudas Tadeo para a fundación da igrexa colexiata de Goslar. O Krodoaltar probabelmente tamén sexa orixinario de Hersfeld. O selo máis antigo da abadía, que mostra a san Vigberto, remóntase á época de Meginher.[3]

A máis antiga campá conservada na Alemaña actual, a Lullusglocke da torre de Catarina da abadía de Hersfeld, foi realizada por orde do abade Meginher en 1038. Só soa ás doce do día o 16 de outubro, día da morte de Lulo. Así mesmo, as primeiras acuñacións de moedas tiveron lugar por orde deste abade. Unha das moedas áchase en exposición no mercado, coa efixie de san Vigberto. En 1058 o monxe Lamberto de Hersfeld ingresou na abadía e converteríase nn famoso cronista no seu tempo. Se supón que estaría ao mando da Escola da Abadía de Hersfeld baixo os abades Ruthard e Hartwig, así como a autoría da Vita Lulli —biografía de Lulo— entre 1063 e 1073.

Entre 1073 e 1074 o emperador Henrique IV movilizou un ejército para sufocar a revolta dos saxóns e turinxios. Seu fillo e sucesor Conrado II de Italia naceu e foi bautizado na abadía. Dise que o seu berce chapado en ouro pebdurou durante longo tempo nun arco da nave. Durante a Querela das Investiduras, Hersfeld escolleu a causa imperial contra o papado. Pola súa oposición ao emperador, Lamberto sería transferido á abadía de Hasungen, desde onde escribiría unha invectiva contra Hersfeld, Libellus de institutione Herveldensis ecclesiae. Na última década do século XI, a abadía parece ter regresado ao favor papal, de modo que continuou prosperando durante un longo período.[1] As loitas entre os turinxios e o emperador afectaron aos intereses da abadía en Turinxia, polo que o abade Friedrich (1091-1100) trasladose ao castelo de Wachsenburg, cerca de Arnstadt para defendelos, e alí morreu.

O abade Adelmann (1114-1127) fixo construír a torre de Catarina (Katharinenturm), un campanario cunha capela na súa base, que aloxaría a Lullusglocke e que aínda é visíbel á entrada da abadía do lado da poboación. Co o abade Heinrich I de Bingarten (1127-1155), a abadía chegou á cúspide da súa historia. Conrado III visitou a miúdo Hersfeld, reunindo seu exército nos arredores en 1139 contra Henrique o Orgulloso. Este abade tamén o sería de Fulda durante un breve período. En 1144 consagrouse a nova igrexa románica, coa presenza de Conrado III, que outorgou ao mosteiro un décimo do viño das leiras imperiais de Ingelheim am Rhein.

O abade Siegfried (1180-1200) querelouse contra o landgrave Luís III de Turinxia polo Vogteirechte. Este abade contaba coa alta estima das cortes de Federico I Barbarroxa e Henrique VI polo que foi capaz de influír as súas respectivas políticas. Acompañou a Barbarroxa a Italia e conducíu as negociacións co papa en nome do emperador. Con Siegfried, a abadía adquiriu o seu maior significado político no Imperio. O abade soubo como impoñer os dereitos da abadía sobre os landgraves de Turinxia.

Reforma prorestante

[editar | editar a fonte]

O abade Crato I (1516-1556) foi o primeiro abade de orixe burguesa de Hersfeld, renovou o tratado hereditario co landgrave Filipe I en 1517 xunto co deán e o convento. Por invitación do abade, Martiño Lutero predicou na igrexa da abadía en 1523, iniciando a Reforma en Hersfeld. Dous anos máis tarde gran parte das posesións da abadía eran xa protestantes cando, en 1525, na guerra dos labregos alemáns, o distrito da abadía foi saqueado. O landgrave Filipe acudiu en axuda do abade e derrotou a revolta. Filipe usaría este feito no seu beneficio ao tomar gran parte da abadía imperial para cubrir os seus gastos, como Berka e as Landecker Amt (que ocupaban aproximadamente o territorio do municipio actual de Schenklengsfeld). Polos tratados de 1550 e 1558, co o abade Crato e o seu sucesor o abade Michael Landgraf (1556-1571), o landgrave arrebatou a metade do seu territorio á abadía, pasándoo á influencia directa do landgraviato.

As condicións relixiosas e políticas da abadía eran tan complicadas debido a estes acontecementos que foi cada vez máis difícil encontrar un abade que puidera conciliar os diversos intereses. Durante o mandato de Crato, o abade era católico, o deán protestante e o capítulo era mixto, mentres que a poboación era maioritariamente protestante. En adición, os patróns do abade católico, os landgraves de Hesse, eran celosos defensores do protestantismo. Esta situación existía sen permiso do emperador e contradicía as leis da igrexa e a vontade do papa. Deste modo, un abade católico tivo a tarefa de servir a un landgrave luterano sen molestar ao papa e ao emperador. As condicións complicábanse aínda máis ao precipitarse cara á Guerra dos Trinta Anos mentres as contradicións se intensificaban. A igrexa pechouse ao culto católico, mentres que a misa se celebraba nunha capela do interior.[1]

O abade Michael fundaría nos edificios do antigo mosteiro franciscano unha escola convetual. O axudante do abade, Ludwig Landau, converteríase no seu sucesor como Ludwig V (1571-1588). Tivo unha disputa co Electorado de Saxonia sobre o feudo nos distritos administrativos de Turinxia e prometeu ao landgrave Guillerme IV a administración de Hersfeld. No seu mandato deuse un último florecemento construtivo: o stiftsbezirk, a residencia urbana do abade e o castelo Eichhof foron renovados en estilo renacentista.

Disolución

[editar | editar a fonte]
Escudo de Ernesto I de Hesse-Rheinfels-Rotenburg en Rheinfelßisch Deutsches Catholisches Gesang-Buch, 1666

O penúltimo abade, Kraft Weiffenbach (1588-1592) xa non recibiu o recoñecemento do papa, e o único católico do capítulo, Joachim Röll, negouse a recoñecelo. O landgrave Mauricio de Hesse-Kassel en 1592 colocou no cargo ao seu amigo persoal Joachim Röll (1592-1606), que sería o último abade. O abade Joachim nomeou ao fillo máis vello do landgrave, Otto, como seu axudante na abadía en 1604. O 24 de febreiro de 1606 o abade faleceu e Otto, de doce anos, púxose ao mando como administrador da abadía o 4 de marzo. Un intento do papa Clemente VIII para colocar como sucesor católico ao abade de Fulda Balthasar de Dernbach fracasou pola súa morte ese mesmo ano. Otto morreu en 1617 en Hersfeld baixo circunstancias non esclarecidas. O futuro landgrave Guillerme V fora nomeado en 1612 axudante polo seu hermano en Hersfeld, polo que o sucedeu como administrador á súa morte. A obxeción do emperador Matías foi tratada con dilacións e finalmente ignorada.

Durante a Guerra dos Trinta Anos as tropas imperiais do conde de Tilly tomaron a cidade en 1623. Tilly estableceu os seus cuarteis en Hersfeld até 1625. A abadía foi reactivada con monxes beneditinos, e incluso os monxes do antigo mosteiro franciscano regresaron. O emperador Fernando II nomeou in commendam ao seu fillo Leopoldo Guillerme co obxectivo de recatolicizar a abadía imperial. En 1629 o abade de Fulda Johann Bernhard Schenk zu Schweinsberg foi nomeado administrador da abadía. En 1631, o landgrave Guillerme V reconquistou a cidade. Ao rexeitar a paz de Praga de 1635, o emperador promulgou un bando contra el negándolle ao landgrave e ao seu sucesor, Guillermo VI a posesión de Hersfeld.

Tras a guerra, a abadía converteuse nun principado secular propiedade del emperador Fernando III, que o cedía como feudo imperial á casa de Hesse-Kassel. A Paz de Westfalia de Münster e Osnabrück regulaba este asunto no seu artigo 15, §2. Desde entón os landgraves de Hesse-Kassel tiveron o seu posto e voz no Reichstag do Sacro Imperio Romano Xermánico como príncipes de Hersfeld.

En 1649 o landgrave Ernesto I de Hesse-Rheinfels-Rotenburg, fillo do segundo matrimonio do landgrave Mauricio de Hesse-Kassel, fixo do castelo de Rheinfels a súa residencia. En 1652 convirtiuse á fe católica, polo que recibiu a súa posesión anterior de Hersfeld como unha carga na conciencia, o que inscribiu na capela do seu castelo. O xesuíta Daniel Papebroch escribiu en 1660 nos seus recordos de viaxe:

Moi fermosa é unha capela no castelo [...] Baixo a galería un puede ver o escudo de armas do landgrave coa seguinte inscrición: «Ernst, desde o primeiro momento do seu regreso á Igrexa católica, cheo de esperanza abrasadora, que moitos o sigan». Logo podíanse contemplar os seus escudos de armas individuais, peza por peza, cada un co seu lema debaixo. Os versos máis destacábeis áchanse baixo unha cruz dupla vermella, que é o escudo de armas da abadía que lle caeu aos landgraves na Paz de Westfalia, e dicían así: «Eu, involuntariamente engado este escudo ao meu escudo de armas, porque o que é teu tena que serte dado a ti, Xesús crucificado».[4]

O mosteiro abandoues baixo o abade Joachim, e a igrexa abacial era unicamente usada para servizos protestantes desde a Guerra dos labregos alemán. A pesar do regreso dalgúns monxes en época de Tilly, nunca máis se darían na abadía as cerimonias dun mosteiro regulado. Na Guerra dos Sete Anos a igrexa foi usada como hórreo e foi incendiada polas tropas francesas o 19 de febreiro de 1761. Desde entón foron consideradas como ls «ruínas da abadía» (Stiftsruine Bad Hersfeld).

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Oswald Hunter-Blair, Hersfeld en Charles Herbermann, ed. (1913): Catholic Encyclopedia. Nova York: Robert Appleton Compan.
  2. Theodor von Sickel & Friedrich Karl Hausmann, Monumenta Germaniae Historica, Tomo 3, Die Urkunden Heinrichs II. und Arduins. Berlín: 1900-1903.
  3. Hans Weirich, Urkundenbuch der Reichsabtei Hersfeld, Tomo 19, Veröffentlichungen der Historischen Kommission für Hessen und Waldeck. Verlag N.G. Elwert, 1936, pp. 95, 166.
  4. Udo Kindermann, Kunstdenkmäler zwischen Antwerpen und Trient: Beschreibungen und Bewertungen des Jesuiten Daniel Papebroch aus dem Jahre 1660; Erstedition, Übersetzung und Kommentar. Colonia: Böhlau Verlag, 2002, p. 62. ISBN 3-4121-6701-0.