028

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Servizo 028 Arco da Vella.

O Servizo 028 Arco da Vella (en castelán: Servicio 028 Arcoíris) máis coñecido como 028, é un servizo de teléfono de emerxencia, correo electrónico e mensaxería instantánea en España para vítimas de delitos de odio e discriminación por mor da LGTBIfobia. A súa implantación foi anunciada para o verán de 2022 por parte da ministra de Igualdade, Irene Montero, nunha rolda de prensa o 17 de maio, día internacional contra a homofobia, a transfobia e a bifobia.[1] Entrou en funcionamento o 5 de xullo de 2023. O número elixido fai referencia ao 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTB.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

En novembro de 2022 o servizo saíu a licitación pública, baixo a denominación de 028 Arco da Vella. Anunciáronse algunhas características do servizo, como a súa gratuidade, a súa operatividade as 24 horas do día durante todo o ano, e que sería complementado cun correo electrónico e un servizo de mensaxería instantánea. O teléfono atenderá vítimas de delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero, así como ás de violencia intraxénero —parellas do mesmo xénero— ou nenos e adolescentes en risco de rexeitamento pola súa orientación sexual. Ademais contará cun servizo de asesoramento emocional e psicolóxico, e acompañamento e información sobre saúde sexual e reprodutiva.[3] Ademais, estará dispoñible en varias linguas e con accesibilidade para persoas con discapacidades. Os datos recollidos serán enviados á Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI para a realización de informes sobre a situación das persoas LGBTIQ+ usuarias.[4]

En abril de 2023, o goberno adxudicou por 2,6 millóns de euros a xestión do teléfono 028 a Servicios de Teleasistencia S.A.[5] En maio, o goberno volveu anunciar que nos vindeiros meses o servizo estaría habilitado e entraría en funcionamento.[6] O mes seguinte, en xuño, o Ministerio de Igualdade lanzou a campaña «España es orgullosamente diferente» polo día internacional do Orgullo na que tamén presentou o servizo 028, denominado Liña Arco da vella de información e atención integral contra a LGBTIfobia.[7][8]

O 5 de xullo de 2023, poucos días despois do segundo aniversario do asasinato de Samuel Luiz, o servizo de balde entrou en funcionamento para todo o territorio do estado, accesible a persoas con discapacidade auditiva e da fala, e con atención en castelán, catalán, galego, éuscaro, inglés e francés.[2][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El 028, el teléfono para las víctimas de LGTBIfobia, empezará a operar en verano". ElHuffPost (en castelán). 2022-05-17. Consultado o 2023-06-23. 
  2. 2,0 2,1 "Igualdad pone en marcha el teléfono Arcoíris 028 para la información y atención integral en derechos LGTBI". elDiario.es (en castelán). 2023-07-05. Consultado o 2023-07-05. 
  3. Gutiérrez San Blas, Marta (2022-11-22). "El Gobierno se retrasa en la entrada en funcionamiento de la línea 028 para víctimas de LGTBIfobia". Newtral (en castelán). Consultado o 2023-06-23. 
  4. Ruiz, Laura (2023-04-14). "028… ¿dígame? Línea de apoyo contra la LGTBIfobia". Togayther (en castelán). Consultado o 2023-06-23. 
  5. "Igualdad adjudica por 2,6 millones el servicio 028 contra la LGTBIfobia que prometió poner en marcha en verano de 2022". www.europapress.es. 2023-04-03. Consultado o 2023-06-23. 
  6. "Igualdad anuncia que "en los próximos meses" entrará en funcionamiento el teléfono 028 contra la LGTBfobia". La Vanguardia (en castelán). 2023-05-16. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-23. 
  7. "'España es orgullosamente diferente', la emotiva campaña de Igualdad para el Orgullo 2023". ElHuffPost (en castelán). 2023-06-23. Consultado o 2023-06-23. 
  8. Gutiérrez San Blas, Marta (2023-06-27). "Igualdad pone en marcha el teléfono 028 contra la LGTBIfobia con un año de retraso". Newtral (en castelán). Consultado o 2023-06-28. 
  9. "Igualdad pone en marcha el teléfono 028 para atender a víctimas de LGTBIfobia". infobae (en castelán). 2023-07-05. Consultado o 2023-07-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]