Asasinato de Samuel Luiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esquema do asasinato de Samuel Luiz na zona de Riazor, A Coruña

O asasinato de Samuel Luiz é un caso de asasinato por unha malleira en grupo e abandono de Samuel Luiz Muñoz, un mozo español, de orixe brasileira, de 24 anos, ocorrido na Coruña, en Galicia, na madrugada do 2 de xullo de 2021, nun contexto de presumíbel homofobia.

O crime, ocorrido en plena semana do Orgullo LGBT, motivou a reacción de moitas figuras públicas e líderes de movementos LGBT+, sendo organizadas manifestacións en decenas de cidades de España, levando á rúa milleiros de persoas en protesta contra o asasinato de Samuel e outros recentes ataques a persoas LGBT con motivación homofóbica. A 8 de xullo, foran detidos tres sospeitosos relacionados con este crime.[1][2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Samuel Luiz, coñecido como "Samu", naceu no Brasil, fillo de Maxsoud Luiz, e chegou a España cos pais cando contaba un ano de idade.[3][4] Polos 18 anos iniciou os estudos no CIFP Ánxel Casal da Coruña, onde se formou como auxiliar de enfermaría, comezando a traballar aos 20 anos na residencia de persoas maiores da Fundación Padre Rubinos.[5][6] En 2021, moraba no barrio de Meicende (Arteixo), sendo coñecido polo seu temperamento calmo e personalidade pacífica.[7] Con 24 anos, estudaba para conseguir o grao de técnico de odontoloxía, dedicando moito do seu tempo á carreira universitaria. Debido ao seu traballo na Fundación Padre Rubinos, Samuel foi un dos profesionais da saúde que enfrontara a pandemia de COVID-19 na primeira liña, con impacto especial nas institucións de acollida e tratamento de anciáns. Segundo os compañeiros de traballo, era moi querido polos usuarios da institución.[Cómpre referencia] Cando Galicia reabriu os establecementos de lecer nocturno, o xoves, 1 de xullo de 2021, após un peche de 10 meses e medio por mor da pandemia, Samuel aproveitou a apertura para saír cun grupo de amigos no Andén, un pub do paseo marítimo da praia de Riazor, na Coruña.[5]

Samuel volveu repetir o dí­a seguinte, noite de venres, 2 de xullo, con outro grupo de amigos: Lina, compañeira de estudos e de traballo, Diego e Andrea. Quedaron ás 22 horas na casa de Diego, para iren xuntos en coche até á praia de Riazor, e de aí ao Andén, onde estiveron até preto das 3 da mañá, hora límite de abertura decretada polas autoridades nas medidas adoptadas contra a COVID-19.[5][7] Polas 2:50, Lina e Samuel saíron do pub para fumar e facer unha videochamada con Vanesa, compañeira de Lina, afastándose apenas uns metros, nas inmediacións da avenida de Bos Aires, deixando as outras dúas amigas no interior do establecemento.[5][8]

Crime[editar | editar a fonte]

Paseo marítimo e praia de Riazor. Á esquerda, o pub Andén. No centro, preto das árbores, o lugar onde Samuel Luiz foi golpeado, morrendo pouco despois.

Segundo o relato de Vanesa, Samuel estaba divertido e tan animado coa posibilidade de poderen novamente saír á noite que tentou convencela a se xuntar a el, e saír novamente na noite seguinte, un sábado. A conversa decorreu animadamente, con Lina e Samuel relatando a Vanesa episodios que sucederan durante a noite, até que decidiron mostrar a Vanesa onde se atopaban, xirando o móbil. Nese momento pasou onda eles unha parella, rapaz e rapariga, de idades aproximadas á de Samuel, que lles berraron que deixasen de os gravar.[5] Segundo unha das versións, o equívoco ocorreu por pensaren que Samuel gravaba as raparigas que acompañaba o grupo en que se encontraba esa parella.[7]

Samuel e Lina explicaron ao mozo que se trataba dun malentendido, e que estaban soamente facendo unha videochamada, coa colaboración de Vanesa, que continuaba en liña. Sen atender as explicacións, o rapaz dirixiuse exclusivamente a Samuel, dicíndolle: "O paras de grabar o te mato, maricón". Segundo o relato de Vanesa, que coincide co de Lina, Samuel, que nunca escondera a súa orientación sexual LGTB, só tivo tempo de responder "¿Maricón de qué?" levando inmediatamente un golpe moi forte do rapaz. Lina comezou a gritar. O vídeo da chamada bloqueouse, mais o son continuou a funcionar, permitindo que Vanesa escoitase os ruídos de golpes e agresións, e os gritos de Lina "¡déjalo, es mi amigo, por favor, déjalo!". Segundo Lina, a rapariga que acompañaba o rapaz tentou separalos nun primeiro momento, mais cando Lina interveu, mandouna afastarse, agresivamente. Nese momento, un mozo que se atopaba nas inmediacións da discoteca meteuse na liorta, conseguindo rescatar a Samuel do agresor, despois de que se afastase un primeiro momento.[5]

Samuel, golpeado e con contusións visíbeis na cara, suplicou a Lina que tentase encontrar o móbil, que caera mentres era agredido. Tentando calmalo, Lina comezou a procurar o aparello, deixando a Samuel co rapaz que o axudara a se librar do agresor. Mentres procuraba o móbil, no espazo de cinco minutos, o agresor retornou, desta vez acompañado doutras doce persoas, que aproveitaron a ocasións para acurralalo e mallar nel até deixalo inconsciente. Cando Lina viu aquela cantidade de xente movéndose rapidamente na dirección de Samuel, con berros de "¡maricón de mierda!", correu para o local pedindo axuda gritando que o mataban.[5] Segundo a investigación policial, após as agresións iniciais, un grupo de polo menos catro persoas continuou a golpear a Samuel no chan, até este deixar de se mover.[9] Outra versión refire que os agresores serían sete.[7] Cando Lina logrou chegar xunto de Samuel, o mozo xacía no chan, do outro lado da rúa, para onde tentara fuxir, inconsciente, a cerca de 260 metros do local da primeira agresión, na berma da avenida de Buenos Aires.[10] Vendo a vítima sen reacción, os agresores fuxiron correndo.

Samuel presentaba moitas contusións, sobre todo na cabeza e no tórax.[7] Foi inicialmente socorrido no lugar, despois de que a patrulla da Policía Local chamase a Policía Nacional e unha ambulancia.[5] Os paramédicos tentaron reanimar no lugar o mozo, que presentaba lesións graves, durante case dúas horas, sen éxito. Samuel foi entón trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), falecendo durante o transporte, segundo algunhas fontes, ou ao chegar ao hospital, segundo outras.[11][12] A morte foi confirmada á chegada a aquela unidade hospitalar, na madrugada de 3 de xullo de 2021.

Investigación[editar | editar a fonte]

Aínda que a investigación fose inmediatamente colocada polas autoridades baixo segredo, a 4 de xullo de 2021, fontes próximas á investigación informaron que algúns testemuños permitiran a identificación dos supostos autores das agresións. A Policía Nacional analizou vídeos capturados por persoas que se encontraban no lugar, así como de cámaras urbanas de vixilancia daquela céntrica zona da cidade.[7] Para a identificación dos sospeitosos foron fundamentais as declaracións dunha testemuña, que minutos após a agresión fatal chamou o 092 e contou que vira un grupo de persoas escapar da escena do crime, deixando a Samuel moribundo no chan. O testemuño introduciu tamén as primeiras pistas sobre a identidade dos agresores, unha vez que o denunciante declarou á policía que estes eran do barrio de Elviña, na Coruña, dando detalles particulares sobre un deles, incluído o apelido polo cal era coñecido nesa zona.[9] Adicionalmente, unha das raparigas que acompañaba a vítima conseguiu identificar a persoa que iniciou a agresión, ao visualizar un dos vídeos.[12] As medidas decretadas polo goberno galego para facilitar o rastrexo en caso de gromo da COVID-19, esixindo a identificación de todas as persoas que entren nun local de diversión, facilitaron a tarefa aos axentes, unha vez que tanto a vítima como os presuntos autores da súa morte estiveran na discoteca Andén, deixando os seus datos.[13]

O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña conseguiu estreitar o cerco sobre o grupo de agresores, sendo tomadas pola policía declaracións de quince persoas, sinaladas pola investigación como autores da malleira e abandono de Samuel que resultou na súa morte.[7][9][10] Algúns dos sospeitosos eran menores de idade, e varios deles foron voluntariamente, segundo declaracións da Delegación do Goberno en Galicia.[14]

O 6 de xullo a policía confirmou a detención de tres presuntos autores do crime.[15] Os detidos eran dous homes e unha muller, con idades entre os 20 e os 25 anos, todos moradores na Coruña.[10][16]

Reaccións[editar | editar a fonte]

Manifestación en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz

O pai de Samuel, Maxsoud Luiz, deixou no lugar onde o fillo foi asasinado unha longa carta, na cal agradeceu o esforzo feito polos servizos de saúde na tentativa de salvar o fillo, expresando a súa dor e de toda a familia coas palabras “levaron embora a única luz que iluminou a nosa vida. Sabemos que aínda teremos un longo camiño que percorrer; seremos apoiados pola nosa familia, amigos e compañeiros que nos axudarán a saír deste camiño tenebroso”.[3][6]

Na residencia en que Samuel traballaba, a consternación foi xeral. Segundo Eduardo Aceña, presidente da institución, os residentes que coidaba queríano tanto, que os traballadores preferiron agochar a verdade sobre a súa fin a algúns deles, debido ao seu feble estado de saúde.[6]

A pesar de que a versión oficial inicialmente descartase o carácter homofóbico das agresións, o testemuño dunha das amigas de Samuel, dando conta do carácter homofóbico do crime, patente no uso repetido da expresión "maricón" incendiou as redes sociais, sendo inmediatamente moi difundida.[9][10] Após a difusión destes testemuños, a representación do goberno galego abriu a posibilidade de se tratar dun crime homófobo.[17]

O presidente do goberno Pedro Sánchez declarou esperar que a investigación da policía atopase en breve os autores do asasinato de Samuel e esclareza os feitos, afirmando que "Foi un acto salvaxe e cruel. Non imos dar un paso atrás en dereitos e liberdades. España non vai tolerar iso".[4]

O Bloque Nacionalista Galego esixiu que se investigase se o crime foi un delito de odio por homofobia. Os dous outros integrantes do parlamento galego, o Partido Socialista e o PP, condenaron tamén a violencia contra Samuel.[18]

Manifestacións de protesta[editar | editar a fonte]

Cartel na manifestación da Coruña

A organización Adiante LGTB+ convocou para luns 5 de xullo unha serie de concentracións en cerca de 50 cidades e vilas de toda Galicia como forma de demostrar a repulsa pola morte de Samuel, e reclamar que se esclareza a relación do crime coa orientación sexual da vítima.[9][17] Tamén foron marcadas manifestacións en cidades de toda España para as 20 horas, hora das manifestacións en Galicia.[19]

Na Coruña, onde poucos días antes unha parella LGBT fora agredida, a pesar da copiosa choiva, a manifestación encheu a praza de María Pita, destacando os carteis das amigas de Samuel Luiz, presentes na manifestacións, e dos seus amigos máis achegados, levando camisetas coa cara do mozo asasinado.[10] O colectivo Adiante LGTB+, organizador da concentración, afirmou, nun breve discurso, estar seguro do carácter homófobo do asasinato. O pai de Samuel, a través da voceira do mesmo colectivo, pediu que fose esta a última morte violenta por este motivo, desafiando os agresores a dar a cara. Unha amiga de Samuel pediu aos medios de comunicación social que tivesen respecto cos pais de Samuel, duramente acosados durante todo ese día.[19][20]

En Madrid, a manifestación organizada polo Movimiento Marikas de Madrid, na Porta del Sol, reuniu preto de tres mil manifestantes.[19][21] Na manifestación participaron un dos cofundadores do Podemos, Juan Carlos Monedero, e a secretaria de organización do partido, Lilith Verstrynge, a voceira do grupo parlamentario madrileño Más Madrid, Rita Maestre, a voceira de Unidas Podemos no concello, Carolina Alonso, e o deputado socialista no parlamento rexional, Santiago Rivero. Os manifestantes exhibiron carteis con lemas contra a homofobia, como “homofobia e fascismo son o mesmo”. Algúns dos carteis mostraban a foto de Samuel sobre o texto “Descansa en paz”, entre numerosas bandeiras LGBTI. Após os discursos e gritos de orde, parte dos manifestantes abandonou a praza de forma espontánea, co obxectivo de dirixirse ao Ministerio de Xustiza. Ao pasaren pola Gran Vía, sentaron no chan, cortando o tráfico, facendo o mesmo na rúa de San Bernardo, onde se encontra a sede do ministerio, continuando a berrar "A Samuel lo mataron por ser maricón", "La lucha está en la calle y no en el parlamento" e facendo críticas ao goberno español. Ás 22 horas a manifestación continuaba co corte das vías principais da cidade até á rúa da Princesa, onde ocorreron enfrontamentos entre a policía e os manifestantes.

En Estrasburgo, unha trintena de eurodeputados, na súa maiorí­a españois, concentráronse no patio da sede do Parlamento Europeo.[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cuatro detenidos en España por la muerte a golpes de un joven homosexual". El Comercio. 8 de xullo de 2021. 
  2. "Detienen a una cuarta persona por el crimen de Samuel Luiz en A Coruña". La Voz de Galicia. 8 de xullo de 2021. 
  3. 3,0 3,1 "Assassinato de jovem de origem brasileira gera protestos contra a homofobia na Espanha" (en portugués). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-06. 
  4. 4,0 4,1 "Assassinato de jovem de origem brasileira causa comoção na Espanha" (en portugués). Consultado o 2021-07-06. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 "Así fue la agresión a Samuel, el joven asesinado de una paliza en La Coruña: "Sólo escuchaba los golpes"" (en castelán). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-05. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Who was Samuel Luiz Muñiz, the young Spaniard beaten to death for his sexual orientation - Pledge Times" (en inglés). 2021-07-05. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2021. Consultado o 2021-07-06. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 P., S. R. (2021-07-04). "La policía estrecha el cerco a los responsables de la paliza mortal a un joven en A Coruña" (en castelán). Consultado o 2021-07-05. 
  8. "Protestas en Galicia tras la muerte del joven Samuel por una paliza en A Coruña" (en castelán). 2021-07-04. Consultado o 2021-07-05. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Cortizo, Gonzalo (2021-07-04). "La policía toma declaración a más de una decena de personas por su relación con el crimen del joven Samuel en A Coruña" (en castelán). Consultado o 2021-07-05. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Lois, Óscar; López-Fonseca, Elisa (2021-07-06). "Tres detenidos por el asesinato a golpes del joven Samuel Luiz en A Coruña la madrugada del sábado" (en castelán). Consultado o 2021-07-07. 
  11. "Matan de una paliza a un joven de 24 años en A Coruña". Consultado o 2021-07-05. 
  12. 12,0 12,1 "La policía investiga a 13 personas por su implicación en la paliza mortal de A Coruña" (en castelán). 2021-07-04. Consultado o 2021-07-05. 
  13. "Críticas a Alejandro Sanz por sus palabras tras el asesinato de Samuel en A Coruña" (en castelán). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-05. 
  14. Santos, João Amaral (2021-07-05). "Visão | A homofobia mata. O espanhol Samuel Muñiz é a sua mais recente vítima" (en portugués). Consultado o 2021-07-05. 
  15. Martins, Patrícia (2021-07-07). "Samuel foi morto pelo ódio à diferença. O caso está a chocar Espanha" (en portugués). Consultado o 2021-07-07. 
  16. Rádio e Televisão de Portugal. "Foram detidas três pessoas suspeitas do homicídio de Samuel Luiz em Espanha" (en portugués). Consultado o 2021-07-07. 
  17. 17,0 17,1 Cortizo, Gonzalo (2021-07-05). "El delegado del Gobierno en Galicia pide "tiempo" para aclarar el crimen de Samuel y no descarta ahora la motivación homófoba" (en castelán). Consultado o 2021-07-05. 
  18. "El BNG exige que se investigue si el crimen de Samuel es además un delito de odio por homofobia" (en castelán). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-05. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "Más de un centenar de concentraciones simultáneas en toda España piden "justicia para Samuel"" (en castelán). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-05. 
  20. Obelleiro, Paola (2021-07-05). "A Coruña se echa a la calle al grito de "justicia para Samuel"" (en castelán). Consultado o 2021-07-05. 
  21. "Milhares manifestam-se em Espanha para exigir justiça no homicídio de Samuel Luiz" (en portugués). Consultado o 2021-07-06. 
  22. "Eurodiputados se concentran en repulsa por crimen contra Samuel en A Coruña" (en castelán). 2021-07-05. Consultado o 2021-07-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]