Saltar ao contido

África Oriental italiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaÁfrica Oriental italiana

HimnoMarcia Reale (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 9°02′48″N 38°45′28″L / 9.0467, 38.7578
CapitalAdís Abeba Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua italiana Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación1936 Editar o valor en Wikidata
Disolución1941 Editar o valor en Wikidata
MoedaItalian East African lira (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

BNE: XX6408775

A África Oriental Italiana (en italiano: Africa Orientale Italiana, AOI) foi unha colonia italiana entre os anos 1936 e 1941, situada no corno de África.

Estaba conformada inicialmente polos territorios do Imperio etíope, recentemente ocupados despois da segunda guerra italo-etíope, e as colonias italianas de Eritrea e a Somalia italiana.

Foi establecida en nome de Vítor Manuel III, rei de Italia, que, a partir de entón, engadiría aos seus títulos o de Emperador de Etiopía.

En agosto de 1940, tras o comezo da segunda guerra mundial, incorporouse tamén o territorio recentemente conquistado da Somalia británica.

Durante a Campaña militar da África Oriental as forzas aliadas, lideradas por Gran Bretaña, lograron derrotar ao Regio Esercito (Real Exército) italiano e conquistaron toda a rexión, co que desaparecía a colonia italiana.

A colonia foi establecida en 1936, tras a vitoria do ditador italiano Benito Mussolini durante a segunda guerra ítalo-etíope. A derrota e exilio de Haile Selassie supuxo a desaparición do Imperio Etíope.

O control na África Oriental Italiana foi exercido por poboadores nativos (somalís ou eritreos), especialmente aqueles que aspiraban a integrar a súa cultura no Imperio Italiano a través da política fascista.[1]

Pero os etíopes opuxéronse frontalmente: en febreiro de 1937, despois dun fracasado intento de asasinato do vicerrei italiano Rodolfo Graziani, este ordenou aos soldados italianos saquear o famoso mosteiro etíope de Debre Libanos, onde os guerrillieros etíopes se refuxiaran temporalmente tras o fracaso do atentado. Os monxes e as monxas do mosteiro foron executados.[1]

Posteriormente, soldados italianos destruíron os asentamentos nativos de Addis Abeba, sendo asasinados uns 30 000 etíopes e as súas vivendas queimadas até os alicerces.[1][2]

A política colonial fascista na AOI tiña características típicas do divide e vencerás: coa idea de dividir os amharas, cristiáns ortodoxos, o territorio de Amhara reclamado polos eritreos foi entregado á Gobernación de Eritrea, mentres que a rexión do Ogadén, reclamada polos somalís, foi entregada á Gobernación de Somalia.[1] Os esforzos de reconstrución despois da guerra de 1936 concentráronse na idea de beneficiar ás poboacións musulmás a expensas dos cristiáns ortodoxos de Amhara, para así fortalecer o apoio dos musulmáns ao poder colonial italiano.[1]

O réxime fascista animou a campesiños italianos a que colonizaran a AOI mediante a creación alí de asentamentos agrícolas e pequenos establecementos industriais.[1] Porén, poucos italianos chegaron á colonia, e a maior parte dos que chegaron eran procedentes de Eritrea. En 1940 só 3 200 agricultores chegadran a Etiopía, menos do dez por cento que o Réxime fascista tiñasa fixado como meta final.[3] A persistente resistencia dos etíopes nativos, a falta de recursos, de terreo cultivábel, e a incerteza das condicións políticas e militares desalentou o desenvolvemento industrial e o asentamento no campo etíope.[3] Así e todo, a Eritrea italiana experimentou un importante desenvolvemento apoiado por 80 000 colonos italianos.[4]

A colonia resultou ser moi cara de manter, e o orzamento da AOI en 1936-1937 solicitou de Italia nada menos que 19 136 millóns de liras para crear a infraestrutura que requiría a colonia, debido aos constantes ataques dos combatentes guerrillieros etíopes.[1] Os ingresos fiscais de Italia daquel ano só foron de 18 581 millóns de liras.[1] Tamén houbo un proxecto urbanístico para a ampliación de Addis Abeba, co fin de convertela na capital artística da Africa Orientale italiana, aínda que estes plans arquitectónicos (ao igual que outros proxectos) víronse detenidos co inicio da segunda guerra mundial.[5]

Xa iniciada a entrada na guerra de Italia, en 1940, a colonia veciña da Somalia británica foi ocupada por forzas italianas e automaticamente absorbida pola África Oriental Italiana. Esta conquista foi un dos poucos éxitos italianos na África Oriental, que en 1941 caería ante a ofensiva dos aliados e supuxo o fin de toda A AOI.

Organización administrativa

[editar | editar a fonte]

En 1936, A África Oriental Italiana abarcaba todos os territorios da actual Etiopía, de Eritrea e a maior parte de Somalia, coa excepción do territorio que compón a actualmente independente de facto República de Somalilandia (a antiga Somalia británica).

Provincias

[editar | editar a fonte]

A colonia foi dividida en seis provincias ou gobernacións (Governorati), cada unha dirixida por un gobernador italiano:

División administrativa en gobernacións da África Oriental Italiana.
Gobernación Capital Poboación [6] Italianos [6] Sigla Escudo
Amhara Gondar 2 000 000 habitantes 11 103 (0,56 %) AM
Eritrea Asmara 1 500 000 hab. 72 408 (4,83 %) ER
Harar Harar 1 600 000 hab. 10 035 (0,63 %) HA
Galla e Sidama Gimma 4 000 000 hab. 11 823 (0,3 %) GS
Xoá Addis Abeba 1 850 000 hab. 40 698 (2,2 %) SC
Somalia Mogadiscio 1 150 000 hab. 19 200 (1,67 %) SOM
A.O.I. Addis Abeba 12 100 000 165 267 (1,37 %)

As divisións administrativas da colonia eran importantes para o réxime fascista no intento de destruír as estruturas do antigo imperio de Etiopía e de fundar un ordeamento político administrativo novo. Estas reformas incluían, ademais, a construción de ferrocarrís, estradas, escolas, oficinas postais, edificios públicos, centros de saúde, comisarías de policía e un sistema bancario.

En agosto de 1940 a África Oriental Italiana foi brevemente ampliada, cando o exército italiano conquistou a Somalia británica, anexionándoa ao territorio da gobernación de Somalia. Un ano máis tarde, volvéronse a separar cando a África Oriental Italiana foi ocupada polas forzas británicas, durante a Campaña de África Oriental no marco da segunda guerra mundial.

Sistema bancario

[editar | editar a fonte]
Billete de 100 Liras da África Oriental Italiana, emitido polo Banco de Italia (1939).

En 1917, en Italia, o Banco Italiano de Desconto promoveu a creación do Banco para a África Oriental como sociedade anónima, para as colonias de Eritrea e Somalia. Este foi o primeiro intento para establecer un sistema bancario moderno no Corno de África, con sedes en Massawa e Mogadixo, comezando as súas funcións en 1918. En 1923, o banco cesou nas súas actividades, tras a quebra do Banco Italiano de Desconto. Porén, outras institucións financeiras italianas instaláronse na África Oriental. Así, en 1939, a organización bancaria presente na AOI era a seguinte:

Obras realizadas

[editar | editar a fonte]

Nos anos 20 e 30 foron realizadas numerosas obras en estradas, dando lugar a unha rede de cerca de 18 000 km, entre as estradas prncipais e as secundarias, entre elas a estrada Asmara-Addis Abeba. En 1940 completouse a estrada máis importante, entre as tres cidades principais: Asmara-Addis Abeba-Mogadixo.

Ferrocarrís

[editar | editar a fonte]

As infraestruras ferroviarias da África Oriental Italiana son as seguintes:

  • Liña Addis Abeba-Djibuti, completada en 2017 e construída con capital francés, de 784 km, dos cales 106 km eran competencia da Somalia francesa.
  • Liña Asmara-Biscia, de 227 km e completatada en 1932.
  • Liña Massaua-Asmara, de 118 km. En 1887 os italianos construíron os primeiros treitos deste ferrocarril que, partindo da cidade portuaria de Massaua, alcanzaba o forte militar de Saati, de 26 km, rematada en 1888. Posteriormente a vía alcanzou Asmara, en decembro de 1911.
  • Liña Mogadixo-Villaggio Duca degli Abruzzi, de 113 km e concluída en 1927.

Obras hidráulicas e mineiras

[editar | editar a fonte]

As obras de colonización nestes campos foron diversas. Entre elas poden mencionarse ás do encoro de Tesenei, en Eritrea, e en Somalia, as de Villabruzzi e de Genale, no río Shebelle, mentres que no capítulo da minaría pódense citar as grandes salinas de Dante en Migiurtinia, consideradas na época como as máis grandes do mundo.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Cannistraro (1982), páx. 5.
  2. Sarti (1974), páx. 191.
  3. 3,0 3,1 Cannistraro (1982), páx. 6.
  4. Italian industries and companies in Eritrea.
  5. Addis Abeba 1939 Urbanistic and Architectural Plan Arquivado 22 de xullo de 2011 en Wayback Machine..
  6. 6,0 6,1 ISTAT (2010): "I censimenti nell’Italia unita. Le fonti di stato della popolazione tra il XIX e il XXI secolo" Arquivado 22 de abril de 2017 en Wayback Machine.. Istituto Nazionale di Statistica / Scocietà Italiana di Demografia Storica. Volume 2, serie XII. ISBN 978-88-458-1716-8. Consultado o 21 de abril de 2017.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Antonicelli, Franco (1961): Trent'anni di storia italiana 1915 - 1945, Saggi series 295. Torino: Einaudi.
  • Cannistraro, Philip V. (1982): Historical Dictionary of Fascist Italy. Westport, Conn. & Londres: Greenwood Press. ISBN 0-313-21317-8.
  • Del Boca, Angelo (1986): Italiani in Africa Orientale: La caduta dell'Impero. Biblioteca universale Laterza 186, Roma: Laterza. ISBN 88-420-2810-X.
  • Mockler, Anthony (1984): Haile Selassie's War: The Italian-Ethiopian Campaign, 1935-1941. Nova York: Random House. ISBN 0-394-54222-3.
  • Sarti, Roland (1974): The Ax Within: Italian fascism in action. Nova York: New Viewpoints. ISBN 0-531-06498-0.
  • Mauri, Arnaldo (1967): Il mercato del credito in Etiopia. Milán: Giuffrè.
  • Calchi Novati, Gian Carlo (2011): L'Africa d'Italia Roma: Carrocci.
  • Tuccimei, Ercole (1999): La Banca d'Italia in Africa. Presentazione di Arnaldo Mauri. Bari: Laterza. ISBN 88-420-5686-3.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]