Yann Tiersen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Yann Tiersen
Yann Tiersen 1.jpg
Orixe Brest, Francia Flag of France.svg
Período 1995-
Xénero(s) Nova chanson, Minimalismo, Vangarda
Selo(s) discográfico(s) BMG Music Publishing
Na rede
www.yanntiersen.com

Guillaume Yann Tiersen, nado en Brest o 23 de xuño de 1970, é un músico e compositor francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante a súa infancia estudou en diversos conservatorios de Rennes, Nantes e Boulogne. Estudou violín, piano e máis tarde composición, pero sen limitarse a estes instrumentos, pois tamén posúe gran técnica co acordeón e co toy piano, converténdose nun multi-instrumentista virtuoso. Outro instrumento a destacar é a guitarra eléctrica, que converteu no instrumento principal dos seus concertos, malia non acadar con ela o virtuosismo do que fai gala cos outros instrumentos.

Pasou a súa mocidade influenciado polo rock e a chanson (chegando a ter un grupo de rock na adolescencia), e pola música clásica influenciado polos seus estudios no conservatorio. Esta característica mestura é base esencial para unha comprensión adecuada da súa música, chegando a compaxinar e incluso unir o rock instrumental con partituras máis clásicas durante toda a súa carreira.

En 1995 publicou o seu primeiro álbum baixo o selo "Sine Terra Firme" (máis tarde renomeado como Ici d'Ailleurs), titulado La valse des monstres. A facultade multi-instrumentista de Yann Tiersen vese reflectida na produción do disco, con 17 pezas totalmente instrumentais con multitude de matices, sons e instrumentos.
Un ano máis tarde publicou Rue des cascades, disco que inclúe a súa primeira canción vocal (que dá título ó álbum) coa colaboración da cantante Claire Pichet. En 1998 este tema converteríase no principal da banda sonora da película La Vie Rêvée des Anges de Erick Zonca.

Antes de publicar o seu novo disco realizou varias colaboracións con distintos músicos do seu país, sendo a máis destacable o álbum homónimo con Bästard, no que Tiersen xunto co grupo francés Bästard se afasta das súas normativas tradicionais adentrándose no nebuloso mundo do post-rock e a experimentación. A colaboración con Claire Pichet repetiuse en Le phare (1998), o seu terceiro disco, que contou ademais cun novo invitado: Dominique A, sendo este un dos discos máis completos e con mellores críticas no panorama independente europeo.

Máis tarde, durante o verán de 1999 presentou o álbum Tout est calme, esta vez dotando á súa música dun aspecto máis rockeiro, ó verse acompañado dos seus amigos do grupo The Married Monk, liderado por Christian Quermalet. Nese mesmo ano, chegou outro álbum titulado Black Session, gravado o 9 de decembro durante un concerto rodeado de músicos consagrados do seu país como Neil Hannon, Noir Désir, Les Têtes Raides ou Mathieu Boogaerts.

En 2001 publicou L’Absente, quizais o seu disco máis producido, tanto pola cantidade de invitados como pola cantidade de instrumentos que complementan cada canción. Máis próximo á nova canción francesa, entre os invitados están The Vienna Symphony Orchestra, Lisa Germano, Neil Hannon (de The Divine Comedy), Dominique A, Françoiz Breut, Les Têtes Raides, Sacha Toorop (de Zoop Hopop), Natacha Regnier, Christian Quermalet (de The Married Monk), Marc Sens, Christine Ott e un cuarteto de cordas. No mesmo ano publicou o disco que probablemente lle aportou a maior cantidade de ovacións por parte dos medios: a banda sonora de Le fabuleux destin d'Amélie Poulain, que malia ter algúns temas novos, na maior parte é integrada por vellas composicións dos tres primeiros discos. Con esta banda sonora conseguiría o recoñecemento do público a nivel mundial.

En 2002, xunto a unha orquestra e unha serie de artistas invitados (entre eles Dominique A. e Christian Quermalet) publicou C'etait ici, que compila os seus mellores temas en directo nun dobre álbum.

Despois dunha multitudinaria xira en 2003, Yann Tiersen volveu ás colaboracións, esta vez coa rockeira americana Shannon Wright coa que compuxo en só 20 días un disco de título homónimo no que o rock independente de Shannon se funde coa instrumentación particular de Tiersen nun total de 10 temas.

Tras L'absente pasarían 5 años sen publicar disco propio ata que en 2005 sae ó mercado Les Retrouvailles (Os reencontros), composto e gravado na illa de Ouessant, lugar de refuxio e inspiración de Tiersen. Neste disco conta coa colaboración novamente de Dominique A., ademais de Miossec, Stuart Staples (de Tindersticks), Liz Fraser (de Cocteau Twins) e Jane Birkin. A este disco compleméntao un DVD que saíu ó mercado oficialmente o 12 de xullo co título de La traversée, película realizada por Aurélie du Boys e na que se pode ver toda a realización deste último álbum, que presentaría en concerto durante 2005 e 2006 cun radical cambio na súa música en directo, con maior cantidade de arranxos e próximo ó post-rock que sempre admirou. Este novo son quedou recollido no seguinte álbum en directo de Yann Tiersen, titulado On Tour que se editou oficialmente o 13 de novembro de 2006, acompañado novamente dunha película musical realizada por Aurelié du Boys, que acompañou ó músico bretón durante a xira. Gran parte das gravacións, pertencentes tanto á película como ó álbum, son dos seus concertos en España e particularmente en Madrid, cidade onde tocou dúas veces nun ano durante a presentación de Les Retrouvailles.

A composición dos seus temas comprende a manipulación de variados instrumentos, entre os que cabe destacar o piano de xoguete (chamado toy-piano), o acordeón, o violonchelo, o banjo, o clavicordio e a melódica entre outros.

Películas como La Vie Rêvée des Anges (1998, de Erick Zonca), Alice et Martin (1998, de André Téchiné), Qui Plume la Lune? (1999, de Christine Carrière) e Good bye, Lenin! (2003, de Wolfgang Becker), foron musicalizadas por Yann Tiersen, que anteriormente traballara na música dentro do mundo do teatro.

Obras[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

  • La valse des monstres, 1995.
  • Rue des cascades, 1996.
  • Le phare, 1998.
  • Tout est calme, 1999.
  • Black session, 1999.
  • L'absente, 2001.
  • Le fabuleux destin d'Amelie Poulain (BSO), 2001.
  • C'etait ici, 2002.
  • Good bye, Lenin! (BSO), 2003.
  • Yann Tiersen & Shannon Wright, 2004.
  • Les retrouvailles, 2005.
  • On tour, 2006.

Películas dedicadas á súa música[editar | editar a fonte]

  • La traversée (de Aurelié du Boys), 2005.
  • On tour (de Aurelié du Boys), 2006.

Filmografía (acompañamento musical)[editar | editar a fonte]

  • Amélie (de Jean-Pierre Jeunet), 2000.
  • Good Bye, Lenin! (de Wolfgang Becker), 2003.
  • Alice et Martin (de André Téchiné), 1998.
  • La Vie rêvée des anges (de Erick Zonca), 1998.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Yann Tiersen

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]