Música minimalista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Algúns compositores da corrente minimalista (de esquerda a dereita): Steve Reich, Philip Glass, John Adams, Terry Riley, Michael Nyman, e Arvo Pärt.

A música minimalista é unha corrente da música contemporánea xurdida nos Estados Unidos na década de 1960, que representa unha parte importante da música clásica deste país. Os principais compositores cos que é asociada esta corrente son os americanos La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass, e John Adams.[1][2][3][4] A obra considerada como a fundadora do minimalismo musical é In C composta en 1964 por Terry Riley. Ás veces se refire á música minimalista coa denominación máis ampla de música postmoderna.

Máis que un retorno á tonalidade, esta corrente caracterízase principalmente pola utilización dunha pulsación regular e a repetición de motivos curtos que evolucionan lentamente. Máis aló dun movemento de reacción ao serialismo integral, daquela dominante en Europa, a música minimalista marcou o xurdir dunha música americana innovadora, liberándose dos seus vínculos europeos. Os compositores minimalistas tamén realizaron un retorno a unha música de maior emoción, en lugar do enfoque esencialmente intelectual da música serial, ou o enfoque conceptual da música experimental levada a cabo por John Cage. Despois duns inicios difíciles fóra dos circuitos tradicionais da música clásica, a música minimalista adquiriu a presencia dun certo público, ás veces de universos diferentes coma o jazz, o rock, a improvisación libre, ou a música electrónica. A televisión e o cinema teñen empregado frecuentemente esta música, en particular obras de Philip Glass, contribuíndo á súa difusión entre o gran público. Certas críticas violentas tamén se teñen expresado dende o mundo musical, acusando ao minimalismo de producir un consumidor de música superficial e sen alma.

Visión xeral[editar | editar a fonte]

Sobre o termo «minimalismo»[editar | editar a fonte]

Michael Nyman, compositor e musicólogo, creador do termo «minimalismo».

A orixe do termo «minimalista» para describir á corrente minimalista segue sen estar clara. Polo xeral atribúeselle a paternidade do termo ao compositor británico Michael Nyman no seu libro de 1974 Experimental Music: Cage and beyond.[5][6] Con todo, Nyman empregou o termo «minimal», nun artigo titulado Minimal Music, nas obras dos compositores Cornelius Cardew e Henning Christiansen.[7] O termo «minimalista» foi posteriormente empregado por Nyman para describir non só á corrente americana, senón tamén á música experimental inglesa (incluíndo aos compositores Gavin Bryars, Christopher Hobbs, Michael Parsons...).[7]

O crítico musical Tom Johnson empregou tamén o termo en marzo de 1972 sobre un concerto de Alvin Lucier.[8] Johnson empregará o termo minimalista para describir as composicións de Steve Reich, mais o vocabulario é cambiante, e pasa a empregar o termo «música hipnótica».[7] En 1977, o xornalista escribiu un artigo titulado What is Minimalism really about?[nota 1] no que o termo de «música minimalista» xa está ben establecido.[7]

Tamén aparece referida cos termos pulse music, systems music, process music, trance music, hypnotic music, ou en francés musique répétitive, que é moi empregado en Francia, e que é o termo que para Steve Reich é «menos malo».[6]

O adxectivo minimalista, e máis aínda o adxectivo mínima, introduce unha confusión sobre a natureza da música minimalista. A pesar de que emprega material musical escaso e unha certa economía de estruturas musicais[9], o termo describe ma a natureza da música. As pezas poden ser de feito moi longas, precisar dun gran número de músicos, e a orquestración pode ser bastante complexa.[6] Ademais pode ser percibido como algo pexorativo, no sentido unha música minimalista pode ser menos que unha «música normal»[7] e tería requerido menos esfofrzo de traballo de composición. Outra confusión vén do feito de que o minimalisto é un termo polos historiadores da arte, e que a música minimalista non sempre comparte as características do minimalismo das artes plásticas.

Os compositores non están en xeral moi satisfeitos coa denominación.[7][6]La Monte Young encontra o termo axeitado, e só para as súas primeiras obras.[7] Philip Glass prefire o termo de «música sen intención», ou «música con estrutura repetitiva».[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Qué é realmente minimalismo?
Referencias
  1. Mertens 1983, 11.
  2. Michael Nyman, escribe no prefacio do libro de Mertens referíndose ao estilo como "chamado música minimalista" ("so called minimal music". Mertens 1983, 8).
  3. "O termo 'música minimalista' é xeralmente empregado para describir un estilo de música desenvolvido en América a finais dos anos 1960 e 1970; e que foi inicialmente relacionado cos compositores La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, and Philip Glass." Sitsky, L. (2002), Music of the twentieth-century avant-garde: a biocritical sourcebook,Greenwood Press, Westport, CT. (p.361)
  4. Young, La Monte, "Notes on The Theatre of Eternal Music and The Tortoise, His Dreams and Journeys" (PDF orixinal), 2000, Mela Foundation, www.melafoundation.org — Reseña histórica e ensaio musical no que Young explica por qué se considera o creador do estilo fronte a Tony Conrad e John Cale.
  5. En Experimental Music: Cage and beyond de Michael Nyman, éditions Schirmer Books, New York, 1974.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Strickland (1991), Steve Reich p. 34-50
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Potter (2000), p. 1-20
  8. Tom Johnson, The Minimal Slow-Motion Approach, Alvin Lucier e al., The Village Voice, 30 marzo 1972
  9. (en francés) Trajectoires de la musique au XXe siècle, Marie-Claire Mussat, Klincksieck études, 2002, p. 141-143 ISBN 2-252-03404-1
  10. Strickland (2000), Sound, p. 252-253

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]