Wikipedia:Guía/Ten en conta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Benvido á Wikipedia!

Contidos de axuda: Referencia rápida · Preguntas máis frecuentes · Glosario · Pide axuda · Guía

Páxina de inicio   Edición   Formato   Ligazóns internas   Citar as fontes   Páxinas de conversa   Ten en conta   Rexistro   Resumo    

Hai algunhas cousas que convén ter en conta ao editares a Wikipedia.

Políticas de edición

Asunto da materia

A Wikipedia é unha enciclopedia editable. Os artigos deben desenvolver información enciclopédica sobre temas "notables". O que esta relevancia significa é tema de constante debate en Wikipedia; algúns consideran que debería haber artigos acerca de cada persoa do planeta, cada empresa que venda algo ou cada rúa de cada cidade do mundo. Non obstante, existen diversos proxectos irmáns que recollen certo tipo de contidos non enciclopédicos.

Un artigo que tan só defina unha palabra ou vocábulo nunha oración curta, tal e como se atoparía nun dicionario, debería ir no proxecto irmán chamado Galizionario; os textos orixinais, como os dun libro licenciado no dominio público que queiras publicar para facelo máis accesible, teñen cabida no proxecto irmán chamado Galifontes; e así co resto. A continuación aparecen todos os proxectos irmáns da Fundación Wikimedia:

Meta-Wiki

Meta-Wiki
Coordinación

Wikimedia Commons

Commons
Multimedia

Wiktionary

Galizionario
Dicionario

Wikibooks

Galilibros
Libros

Wikisource

Galifontes
Documentos

Wikiquote

Galicitas
Citas

Wikispecies

Wikispecies
Especies

Wikinews

Wikinews
Novas

Wikiversity

Wikiversity
Aprendizaxe

Wikivoyage

Wikivoyage
Viaxes

Wikidata

Wikidata
Datos

MediaWiki

MediaWiki
Desenvolvemento

Se queres ver unha lista con todos os proxectos relacionados, vai á lista completa de todos os proxectos Wikimedia.

A Wikipedia non é lugar para publicar "investigacións inéditas", isto é, novas teorías que aínda non teñen apoio. Se queres obter máis detalles sobre o que a Wikipedia debe e non debe incluír, podes ir ao que a Wikipedia non é e a Wikipedia non é unha fonte primaria.

Tes que ter en conta tamén que rexeitamos os autores que escriben sobre si mesmos ou do seu propio éxito xa que isto daría lugar a un conflito de intereses. Se fixeches algo polo que sexas coñecido, alguén alleo a ti xa se encargará de escribir sobre ti. Esta persoa, ademais, deberá aterse á política sobre biografías de persoas vivas.

Punto de vista neutral

A política de edición da Wikipedia é o "punto de vista neutral", a miúdo abreviado "PVN" ou "NPOV" (as siglas en inglés de neutral point of view). Esta política di que se aceptan todos os puntos de vista significativos sobre un tema. No canto de tan só expor unha perspectiva, inténtanse presentar todos os puntos relevantes, sen xulgalos. O noso obxectivo é ser informativos, non persuasivos. Esta política NON significa que se agarda que os artigos sexan "obxectivos" ao cento por cento, debido a que en calquera debate todos os lados que toman parte cren que a súa postura é a "verdadeira".

Está ben que as declaracións aparezan nos artigos como opinións, e non como feitos. Así, o mellor é atribuír estas opinións a alguén, por exemplo, "Os que apoian isto din que..." ou "A persoa X cre que...", e outras fórmulas deste estilo.

Pode que vexas a wikipedistas referíndose ao "punto de vista" dun artigo. Esta é a xerga wikipédica usada para falar sobre un artigo parcial ou que é obvio que está escrito desde unha soa perspectiva. A publicidade tamén está dentro desta saca. Nun caso menos extremo, se un artigo ten problemas de obxectividade quere dicir que dedica máis espazo a desenvolver un punto de vista que outro de significancia equivalente, aínda que este punto se presente con neutralidade.

Se te vas dedicar a contribuír en artigos sobre temas con controversia como os relixiosos e políticos, é importante que leas a política do punto de vista neutral; malia que os artigos nos que vaias traballar sexan menos emocionais como as matemáticas ou os videoxogos, tamén é recomendable a lectura das políticas.

Citar as fontes

A Wikipedia necesita que cites as fontes de onde sacas a información coa que contribúes. Todas estas fontes débense agrupar nunha sección chamada "Notas". Se consideras que unha páxina web axuda particularmente á amplicación da información contida no artigo e que poida ser de interese para o lector, inclúea na subsección "Ligazóns externas" dentro da sección "Véxase tamén". Estas citas permítenlles aos lectores comprobar que o que escribes é certo, ademais de seren útiles para atopar máis información.

Vai a Wikipedia:Citar as fontes para obter máis información.

Dereitos de autor

Non envíes materiais con dereitos de autor sen permiso. Ao engadires información aos artigos, asegúrate de que estea escrita usando as túas propias palabras. Lembra que toda a información que se atopa na internet posúe dereitos de autor a menos que a páxina web especifique o contrario.

Para obter máis información, olla Wikipedia:Dereitos de autor.

Variantes galegas

Debido ás reformas producidas no ano 2003 na normativa oficial do galego, existen casos nos que hai dúas ou máis opcións válidas para a escrita dunha palabra. A norma aplicada dentro da Galipedia consiste en respectar as decisións do primeiro editor do artigo. Deste xeito, conservaranse ao longo dos artigos as solucións do tipo ó/ao, -ble/-bel, -ería/-aría ou Galicia/Galiza escollidas polo primeiro editor simplemente por motivos de coherencia. Se fas un cambio dun amable por un amábel, ou viceversa, esta modificación será revertida. Lembra que ambos os adxectivos son correctos, e non hai preferencia nin por un nin polo outro máis ca a que teña o usuario orixinal.

Para unha versión máis detallada da política, le o libro de estilo.

Conduta

Na Wikipedia foméntase unha atmosfera de amabilidade e sinceridade. Por suposto, na práctica ás veces hai desacordos e mesmo discusións acaloradas, pero agárdase que os membros da comunidade se comporten civicamente.

A cousa máis importante a ter en conta é que sempre debes presupoñer boa fe por parte dos demais editores. Non asumas que alguén está a actuar con malicia ou co obxectivo de facer dano. Se alguén fai algo que te amole, déixalle unha mensaxe amable na súa páxina de conversa preguntándolle por que o fixo. Pódeste topar con que houbo un malentendido, evitándote problemas.

Para unha explicación máis detallada das recomendacións, olla Wikipedia:Normas de conduta.

Crear artigos

Podes crear artigos na Wikipedia sen problema ningún, pero tes que seguir os consellos dados nesta guía e cumprir as políticas tamén aquí mencionadas, como o punto de vista neutral. É importante citar as fontes para demostrar a notabilidade do tema e facer verificable o artigo. Se non sabes por onde comezar, hai unha lista con artigos pendentes de crear.

Para obter máis detalles sobre como crear un artigo, olla Wikipedia:Como crear unha páxina e Wikipedia:O teu primeiro artigo.

Trasladar artigos

Se atopas un artigo e cres que non ten o nome correcto, non copies e pegues os contidos do artigo vello nun novo artigo (entre outras cousas porque separarías as contribucións previas do seu historial de edicións, algo necesario para poder facer un seguimento delas por motivos de dereitos de autor). O método usado é mover a páxina ao novo nome, pero necesitas rexistrarte para iso. Se é o teu primeiro traslado, le coidadosamente os avisos que aparecerán na páxina de traslados xa que existen varios problemas a considerar antes de completar o movemento.

Para obter máis información, olla Wikipedia:Como trocar o nome dunha páxina.
Proba o que aprendiches na zona de probas


Continúa a guía co rexistro