Vichelocrego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vichelocrego
Macho adulto
Macho adulto
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Oriolidae
Xénero: 'Oriolus'
Especie: ''O. oriolus''
Nome binomial
''Oriolus oriolus''
(Linnaeus, 1758)
     Verán      Inverno

     Verán      Inverno

O vichelocrego (ou oureol, ou ouriolo) (Oriolus oriolus) é o único membro da familia dos oureois que vive nas zonas tépedas do hemisferio norte. Especie migratoria, vese en verán en Europa e nas rexións occidentais de Asia, mentres que o inverno o bota nos Trópicos.

Distribución e características[editar | editar a fonte]

Habita en árbores grandes de folla caduca en bosques, soutos, carballeiras e parques, a miúdo nas ribeiras dos ríos. Fai un niño moi limpiño e estábel durante anos na gallada das pólas, adoito en amieiros, e contén entre tres e seis ovos. A femia do vichelocrego comeza tarde a facer no niño e a incubación dura uns quince días.

A súa alimentación baséase en insectos e froita, especialmente figos e cereixas, de aí que nalgunhas partes se lle chame galo cereixeiro. En tamaño é coma o merlo, ou incluso lixeiramente maior (24 cm e 72 g de media).

O macho ten un colorido moi particular que o fai inconfundíbel con calquera outra ave ou paxaro galego. Ten o corpo dun amarelo brillante e as ás e parte da cauda negra. A femia, pola contra, é verde e gris, e resulta moi discreta nos nosos bosques. Os vichelocregos son tímidos e espantadizos de xeito que é moi complexo albiscalos malia a dourada plumaxe dos machos.

O seu nome procede do canto, unha longa frase (uilauiuuuu) que imita a palabra vichelocrego. Unha das variantes en galego, tamén moi estendida, é oureol, que fai referencia á cor dourada dos machos.

No voo imita os tordos, cun trazado moi directo e veloz, sen apenas oscilacións en distancias medias.

O vichelocrego na cultura popular[editar | editar a fonte]

Escudo de Ourol.

O vichelocrego aparece mencionado nunha sentenza de Confucio, que di:

No Clásico da Poesía lese que "O vichelocrego pousa no ladiño do outeiro". E dixo o Mestre: "Pousa, e ben sabe onde. E por que non ha facer o home como ese paxariño?" (Lunyu, 3,2)

Aparece no escudo e na bandeira do concello lugués de Ourol.

Outros nomes galegos[editar | editar a fonte]

Téñense rexistrado en distintas fontes moitos nomes galegos para esta mesma ave, algúns populares e outros máis literarios.

  • aropendra, maripéndola, milpéndola, milpéndora, milpréndega, milpréndiga, ouripenlo
  • aureol, oriolo, oureal, oureol, ouriol
  • avión (en Xunqueira de Ambía)
  • bagullo
  • barazán (o nome procede do feito de facer o niño con anacos de corda, trapos, etc., é dicir, con barazas)
  • bicho do crego, crego, crego amarelo, pica crega
  • cereixeiro (porque disque gusta moito das cereixas e dos figos, de aí tamén o nome de papafigos)
  • domingo lirón
  • gaimarelo, gaio real, gaio bravo, gaio cereixeiro, gaio de braña, papagaio
  • lapafigos, papafigo, papafigos, figomarelo
  • manga amarela / marela
  • mariarrosa, maría-viou (din os rapaces: Maria Viou, ¿teu pai mellorou?, e a ave responde: Mellorou, mellorou)
  • mareleiro
  • merlo gaiolo, merlo marelo, merlo rei
  • millán garrido, millarou, milleiro, vilau garrido
  • mingulirón
  • nicolao
  • oubión
  • pedro-pequeno
  • pitioghó (citado por Pérez Patiño)
  • reboleirón, regoleirón
  • riádigo, viádigo
  • rodrigo, rodrigo liro, ringuileirón, rodrigavión, rogavión, figorrodrigo
  • tiroliro