Táboa de Peutinger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Segmento orixinal da Tabula Peutingeriana: de riba embaixo, a costa dálmata, o Adriático o sur da península Itálica, Sicilia e a costa africana

A Tabula Peutingeriana, tamén chamada táboa de Peutinger é un copia do século XIII dun mapa do século V.

Datación[editar | editar a fonte]

O mapa é en realidade un itinerario, é dicir, un catálogo das estradas do mundo occidental a comezos do século V ou finais do século IV. Nel aparece Constantinopla, fundada no ano 328, se ben segue representando Pompeia, malia que fora destruída pola erupción do Vesuvio no ano 79. Para os seus estudosos Annalina e Mario Levi, a importancia que se lle concede no mapa a Rávena, que se converteu na capital do imperio de Occidente no ano 402, podería indicar unha revisión final de contidos do século XV. Con todo, o material físico non é desa época, e ben podería ser posterior. A copia é única, e foi atopada nunha biblioteca de Worms a finais do século XV por Conrad Celtes, que á súa morte en 1508 llo cedeu ao anticuario alemán Konrad Peutinger, quen lle deu nome e o fixo público.

Descrición física[editar | editar a fonte]

O mapa esténdese por un alongadísimo pergameo de 6,75 m de longo e só 34 cm de alto, dividido en once seccións, e que representan a toda Europa, Asia occidental, Indostán e norte de África. O mapa constaba orixinalmente de doce seccións, pero a primeira, que se correspondía co territorio de Iberia, a Britannia e o extremo occidental de África, perdeuse e só puido ser reconstruído en 1911.

Ao ter que adaptarse ás dimensións do pergameo, o mapa non conserva as proporcións orixinais, e está fortemente distorsionado na dimensión lonxitudinal: as distancias norte-sur están reducidas, as leste-oeste ampliadas e, en moitos casos, os territorios que se estenden norte-sur, como a península Itálica, están dispostos en sentido oeste-leste.

Recolle información do cursus publicus romano, é dicir, da rede de estradas do Imperio, pero tamén dos acampamentos romanos, dalgúns elementos xeográficos (mares, ríos, montañas, bosques...), así como a medida das distancias entre os distintos poboamentos. As rotas entre os poboamentos imperiais ou os cruzamentos con outras rotas non están trazadas de maneira realista, senón esquemática, a semellanza dos actuais planos de metro. As tres cidades máis importantes, Roma, Constantinopla e Antioquía, están representadas cun deseño especial, pero todos os poboamentos teñen iconas con distintos significados, que van dende o pictograma dun edificio a debuxos máis complexos.

Publicación e exhibición[editar | editar a fonte]

A copia propiedade de Peutinger foi copiada posteriormente por Ortelius e publicada pouco despois da morte deste, en 1598. Unha edición parcial reimprimiuse en Antuerpe en 1591, obra do impresor Jan Moretus, que a imprimiría ao completo (os once fragmentos conservados) en 1598 na mesma cidade. A familia Peutinger conservou o orixinal ata que o vendeu en 1714, e cambiou de mans sucesivamente ata que a biblioteca pacega dos Habsburgo o mercou en 1737 para os seus fondos. Na actualidade consérvase na Biblioteca Nacional de Austria, en Viena.

O mapa é tan fráxil que non se exhibe ao público. Porén, puido verse o 26 de novembro de 2007, cando se exhibiu para festexar que fose rexistrado dentro do programa Memoria do Mundo da Unesco.

Mapa[editar | editar a fonte]

A táboa de Peutinger, dende a Gallaecia no oeste á India no leste

A táboa de Peutinger, dende a Gallaecia no oeste á India no leste


Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Annalina Levi e Mario Levi, Itineraria picta: Contributo allo studio della Tabula Peutingeriana (Rome:Bretschneider) 1967.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]