Soledad Estorach Esterri
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de febreiro de 1915 Albatàrrec, España (pt) |
Morte | 14 de marzo de 1993 (78 anos) XIV Distrito de París, Francia |
Datos persoais | |
Residencia | Barcelona París Bordeos |
País de nacionalidade | España |
Ideoloxía política | Feminismo, Republicanismo e Anarquismo |
Actividade | |
Ocupación | activista política , política , sindicalista , tradutora , membro da resistencia |
Membro de | |
Lingua | Lingua castelá, lingua catalá e lingua francesa |
Carreira militar | |
Lealdade | Segunda República Española |
Conflito | Segunda guerra mundial e guerra civil española |
Soledad Estorach Esterri, nada en Albatàrrec (Segrià, Lleida) o 6 de febreiro de 1915 e finada en Bordeos, (Francia) o 14 de marzo de 1993, foi unha activista anarquista catalá. Creou o Instituto Mujeres Libres e o Casal de la Dona Treballadora.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
A nai de Soledad procedía dunha familia terratenente e moi relixiosa. O seu pai era mestre de adultos e levaba moitos anos vivindo fóra de España.
Explicaba que, malia vivir nunha aldea, non tivo unha vida típica. O seu pai foi quen lle ensinou a escribir e ler. Tamén a marcou no político, xa que tiña ideas moi avanzadas para a época. Ao seu pai morrer cando ela tiña 11 anos, tivo que comezar a traballar. Unha amiga do pai, tamén mestra, seguiuna formando. Aos 15 anos marchou a Barcelona, despois de convencer a súa nai co argumento de gañar diñeiro para manter a familia e obter unha educación.
En Barcelona traballou primeiro na tenda do seu tío, mais esta tivo que pechar debido á crise económica. O seu segundo traballo foi de serventa cun soldo mísero, dende as 5 da mañá até a 1 da noite. Deixou o traballo para entrar nunha fábrica, coa esperanza de gañar máis e ter máis tempo para aprender. A finais de 1930 asistiu a unha escola nocturna, onde coñece a compañeiros da CNT que permanecían na clandestinidade.
En 1931, coa caída da monarquía, uniuse a un grupo de mozos do Ateneu preparando reunións ou asistindo a elas. O sentimento de comunidade e acción colectiva entusiasmouna.
En 1934, froito dos debates internos sobre as dificultades que afrontaban as mulleres no seo da CNT, constituíuse unha rede de apoio mutuo, o Grup Cultural Femení. Non recibiron o apoio de toda a comunidade anarquista, pois había un sector que non o aprobaba de todo. En 1936, cos seus compañeiros de grupo, organiza un encontro no Teatre Olímpia para dárense a coñecer. Malia a pouca difusión nos medios libertarios, foi multitudinaria e elaboraron as bases dunha organización comarcal.
En 1936, tras o contacto con Mujeres Libres de Madrid, cambiaron o nome a Agrupación Mujeres Libres e crearon unha federación nacional. Estorach, xunto coas súas compañeiras, realizou unha actividade de sensibilización e acción directa. Entre outras, crearon redes de mulleres e un servizo de neneiras a domicilio, e organizaron encontros para analizar e tratar diversas cuestións.
A sublevación militar do 18 de xullo sorprendeuna no Sindicat de la Construcció, na rúa Mercaders de Barcelona, xunto con outros compañeiros. Mentres eles ían asediar o cuartel de Drassanes, elas ocuparon a Casa Cambó, que pasou a ser a Casa da CNT-FAI. Participou no fervor revolucionario, entre outros, requisando cinemas para convertelos en comedores populares, asistindo na fronte e viaxando como representante da CNT, da FAI e da Federación Ibérica de Mocidades Libertarias (FIJL) de Aragón, Cataluña e parte de Valencia.
A finais de 1936 creou, coa Agrupación Mujeres Libres, o Institut Mujeres Libres e, en 1937, o Casal de la Dona Treballadora. Este tiña como obxectivo a formación técnica e a preparación social. Tamén foi colaboradora de Tierra y Libertad.
En 1940 marchou a Bordeos co seu compañeiro Andrés G. Regresou a España cinco anos despois de xeito clandestino, mais pouco despois tivo que fuxir a París. Alí permaneceu até a súa morte en 1993.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Ackelsberg, Martha (1999). Mujeres Libres. El anarquismo y la lucha por la emancipación de las mujeres (en castelán). Barcelona: Virus. ISBN 9788492559794.
- Berenguer, Sara (1988). Entre el sol y la tormenta (en castelán). Calella: Seuba. ISBN 9788486747107.
- Íñiguez, Miguel (2008). Enciclopedia histórica del anarquismo español (en castelán) I. Gasteiz: Asociación Isaac Puente. p. 560. ISBN 9788461240494.
- Nash, Mary (1975). Mujeres Libres. España 1936-1939 (PDF) (en castelán) (1ª ed.). Barcelona: Tusquets. p. 87. ISBN 9788472237049.