Shanidar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caverna de Shanidar

O sitio prehistórico de Shanidar está situado nos contrafortes dos montes Zagros, no Kurdistán, no nordeste de Iraq. É, en realidade unha vasta gruta sita a 745 m de altitude, escavada entre 1950 e 1961 por Ralph S. Solecki e o seu equipo da Universidade de Columbia. As escavacións forneceron restos de nove neandertalenses, algúns dos cales, inhumados intencionalmente, datan de 60.000 a 44.000 anos antes da nosa Era.

Secuencia arqueolóxica[editar | editar a fonte]

No sitio de Shanidar foi posíbel explorar unha secuencia de 14 m de potencia, que comprendía bastantes capas, das que se extraeron series de industrias que datan desde o Paleolítico medio até o Neolítico máis antigo.

  • A capa D mostrou utillaxe musteriana realizado con pequenas pedras riarengas, rica en raspadores e puntas musterianas. A fauna asociada comprendía restos de cápridos, de porcos bravos, de tartarugas, de cervos e mais de corzos, así como dalgúns carnívoros (lobo, raposo, oso). Desta capa tamén se extraeron restos de neandertalienses.
  • Da capa C tirouse industria do Paleolítico superior antigo (Baradostiano), especialmente burís e raspadores, datada entre máis ou menos 33.000 e 27.000 anos antes da Era común.
  • A capa B2, datada sobre 10.146 anos a.C., forneceu unha industria semellante.
  • A capa B1 corresponde ao Neolítico antigo (-8.650|8.650 a.C.); e contén material de moer cereais, restos de carneiros xa domésticos, ademais dun conxunto de sepulturas que contiñan restos humanos de polo menos 26 individuos.

Os fósiles de neandertais[editar | editar a fonte]

O sector escavado forneceu nove esqueletos de neandertalenses, que diferían pola idade, o estado de conservación e pola maior ou menor integridade dos restos conservados. Os diferentes individuos son identificados polo nome do sitio seguido dunha cifra romana, así: Shanidar I a Shanidar IX.

Algúns dos esqueletos foron achados en estruturas de inhumación intencionadas. O sitio de Shanidar contribuíu poderosamente a lograr admitir a existencia de ritos funerarios entre os neandertais. A utilización de flores durante as cerimonias funerarias fora evocada en numerosas ocasións. Os indicios de patoloxías en certos individuos permitiron insinuar que os doentes podían beneficiárense da solidariedade doutros membros do grupo, dado que aqueles non se poderían asegurar polas propias forzas a supervivencia.

Malfadadamente, de todos estes descubrimentos non fica outra cousa que os muíños de man conservados no Smithsonian Institut. Os fósiles orixinais probabelmente desapareceron en Iraq.

Shanidar I[editar | editar a fonte]

O individuo Shanidar I, alcuñado Nandy polos seus descubridores, é un dos catro esqueletos relativamente completos da gruta. Tiña entre 40 e 50 anos, o que constituía unha idade moi avanzada para un neandertal, de xeito que podemos dicir que era un ancián. Presentaba graves deformacións ligadas a traumatismos que debían dificultarlle a vida cotiá, que había pasar en medio de dores. No transcurso da súa vida, debeu recibir un golpe violento no lado esquerdo da cara, con resultado de fractura e esmagamento do óso orbicular. Este traumatismo tivo que deixalo torto, en parte ou completamente. O seu brazo dereito estaba atrofiado e presentaba fracturas en varios puntos, mais estaba curado, aínda que ao custo da perda do antebrazo e da man. Isto último puido ora ser debido a orixe conxénita, ora como resultado dunha enfermidade infantil con secuelas, ora como resultado dunha amputación. O brazo curara, mais a ferida debeulle ocasionar unha sorte de parálise nos membros inferiores do lado dereito, que provocaron deformidades na parte baixa da pernas e nos pés, polo que debía camiñar de modo penoso e coxeando.

Todas as lesións databan de moito antes da súa morte, tendo tempo da sandar. Disto deducíuse que os neandertalienses se facían cargo dos membros do seu grupo vellos ou doentes, o que mostra o seu espírito de solidariedade. Shanidar I non é o único individuo do sitio, nin doutros sitios arqueolóxicos, cunha idade equivalente, en presentar á vez feridas e curación.

Shanidar II[editar | editar a fonte]

Shanidar II era un adulto de sexo masculino, que presentaba o cranio e os ósos esmagados, o que fixo deducir con rapidez aos descubridores que fora morto por un bloque de rocha desprendido no mesmo interior da caverna.

Doutros datos ficaba claro que Shanidar II fora obxecto dun ritual funerario de despedida, pois sobre a súa tumba atopouse un pequeno monte de pedras con algunhas puntas das mesmas traballadas con coidado. Ademais, un gran lume fora prendido alumando preto da tumba, e había nas proximidades un gran cantidade de ósos de animais fendidos e rompidos, o que permite pensar que houbo unha cerimonia fúnebre acompañada dun xantar. Mesmo puido ser producido e consumido alcol, pois grans encontrados na proximidade da sepultura puideron ser colocados nas cavidades das paredes para facelos fermentar e producir unha bebida alcólica rudimentaria.

Shanidar III[editar | editar a fonte]

Shanidar III era outro adulto de sexo masculino, morto igualmente por unha rocha caída na caverna, e enterrado no mesmo sepulcro que Shanidar I e II. Shanidar III sufría tamén unha enfermidade dexenerativa das articulacións nos pés, o que lle debía coutar os movementos e facerllos dolorosos.

Shanidar IV, a «tumba con flores»[editar | editar a fonte]

De todos os esqueletos achados na caverna, é Shanidar IV o que fai crer máis na existencia de rituais de enterramento entre os neandertalienses. O esqueleto, pertenente a un home adulto dunha idade entre 30 e 45 anos, foi descuberto en 1960 por Ralph Solecki. Apareceu repousando sobre o seu costado esquerdo, en posición flexionada.

Os terróns do chan da tumba, arredor do seus restos, foron recollidos no momento do descubrimento, para procurar posíbeles trazas de pole e tentar reconstruír o paleoclima e a historia da vexetación da zona. Cando se fixo a análise, oito anos máis tarde, dous dos terróns revelaron unha concentración de pole nidiamente superior á que se atopara noutras partes do lugar. Os investigadores entón concluíron por interpretar tamaña concentración como o resultado dunha deposición de plantas con flores enteiras, ou polo menos coas súas cabezas, sobre da sepultura[1],[2].

As flores en cuestión eran unha aquilea (Achillea), un senecio de flores amarelas (Senecio glaucus subsp. coronopifolius (Maire) C.Alexander), centaureas (Centaurea solstitiatis), unha pequena liliácea de flores azuis (Muscari sp.), Ephedra altissima e mais unha rosa trémula (Althea sp.)[1]. Todas as plantas pertencen a especies de flores relativamente pequenas mais de cores vivas, a excepción da 'Ephedra, cuxa presenza se interpretou como se fose usada de leito.

Entanto debe facerse observar aínda que a maioría destas plantas presentan virtudes medicinais; os seus poderes curativos son coñecidos desde hai ben tempo como diuréticos, estimulantes, adstrinxentes así como as súas propiedades antiinflammatorias. Os posíbeles poderes shamánicos do individuo inhumado foron insinuados por algúns autores[3].

Máis prosaicamente, un estudo recente indica a posibilidade de que o pole non se deba a un depósito feito por mans humanas, senón que fose acumulado por un animal fozador: varias toqueiras ou tobos dun roedor parecido ao xerbo, o jird, como o chaman os persas, foron achadas nas proximidades. O jird acumula unha boa cantidade de grans e de flores en certos lugares da súa toca. Este argumento, xunto coa ausencia dun tratamento ritual para os outros esqueletos da caverne, suxire que a presenza de flores xunto a Shanidar IV puido ter unha orixe natural e non cultural [4]. Porén, este último argumento foi volto contra o seu autor por algúns especialistas, que coidan que a presenza de pole só asociado a un dos cadáveres e non a todos, probaría o carácter antrópico do depósito de flores e a significación especial do mesmo para os seus autores[Cómpre referencia]. Ademais, pódese tamén engadir que nos montes Zagros hai centos de plantas con flores, pero só entre un 5 e un 10 % son ao tempo medicinais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Leroi-Gourhan, Arl. (1968) « Le Néanderthalien IV de Shanidar », Bulletin de la Société Préhistorique Française, t. LXV, n° 3, pp. 79-83.
  2. Solecki, R.S. (1971) Shanidar, the first flower people, New York, A. Knopf.
  3. (en francés) Shanidar IV, unha sepultura neandertaliense con flores no norte de Iraq
  4. Sommer, J.D. (1999) «The Shanidar IV 'Flower Burial': A Reevaluation of Neanderthal Burial Ritual», Cambridge Archaeological Journal, 9 127-129

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • L. Copeland e B. Vandermeersch, « Shanidar », in A. Leroi-Gourhan (dir.), Dictionnaire de la Préhistoire, PUF (1988).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]