Pessach

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Pascua, ou pesagh en hebreo פֶּסַח ("saltar") (escrito a miúdo como pessach), é unha das festividades xudías máis importantes, xunto co Iom Quipur. A observancia desta festa é maioritaria na comunidade xudía, mesmo entre as persoas non relixiosas. Dura unha semana, e as datas varían segundo o calendario hebreo. Conmemorase a saída de Exipto dos fillos de Israel.

Historia [editar]

Na historia bíblica, Deus manda dez pragas contra Exipto por non deixar marchar os xudeus, que vivían baixo a escravitude. Na última praga, o espirito de Deus acaba cos fillos primoxénitos dos exipcios, pasando sen facer ningún mal por entre as casas dos israelís ("saltándoas", de aí o nome da festa). Trala morte dos primoxénitos de Exipto, o Faraón deixa marchar os israelís.

O pan sen fermentar, ou "matza", é un dos símbolos principais desta festa. Segundo algunhas tradicións, a inxesta de pan ácimo débese a que o pobo xudeu non tivo tempo de deixalo fermentar, polo apresurado da fuxida. Está prohibido comer alimentos derivados dos cereais durante estas datas.

Días [editar]

A primeira cea familiar de Pascua chámase Seder Pessach. Durante esta cea, un dos membros da familia, normalmente o pai de familia, conta a historia do Éxodo, logo das tradicionais catro preguntas do fillo máis novo que comezan pola de "en que se diferencia esta noite das demais noites?".

Xunto co festival de Pentecoste (Shavout) e Tabernáculos (Succot), a Pascua xudía era unha das festividades tradicionais polas que se facía peregrinación ao Templo de Xerusalén.

En Israel, a Pascua dura sete días, e o primeiro e o último son os disantos principais. Nas comunidades ortodoxas e conservadoras, non se traballa neses días. Na diáspora, a pascua dura oito días.

A Pascua noutras relixións [editar]

O cristianismo fundamenta a celebración da Pascua na Última Cea de Xesucristo. Esta, segundo a Biblia, ocorreu durante a celebración da pascua xudía, na que Xesús modificou o seu significado, no que deu a chamarse a "Nova Alianza", en oposición á "Vella Alianza", en referencia ao pacto do pobo de Israel con Deus a través da Torá. A celebración pascual na relixión cristiá está relacionado co corpo e o sangue de Xesucristo, a través do pan e o viño. Nalgunhas comunidades cristianas celebran a Pascua á maneira xudía para rememorar a forma de vida de Xesús[Cómpre referencia].

O samaritanismo, relixión irmá do xudaísmo, segue celebrando a Pascua dunha maneira moi parecida á xudía, con algúns matices.