Parlamento do Canadá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parlamento do Canadá
Canada Parliament2.jpg
Tipo Bicameral
Cámaras Senado
Cámara dos Comúns
Presidente da Cámara dos Comúns Peter Milliken, (Partido Liberal do Canadá)
desde 29 de xaneiro de 2001
Presidente do Senado Noël Kinsella, (Partido Conservador do Canadá)
desde 8 de febreiro de 2006
Membros 413 (308 deputados, 105 senadores)
Grupos representados Partido Conservador
Partido Liberal
Bloc Québécois
Novo Partido Democrático
Partido Progresista Conservador
Últimas eleccións 23 de xaneiro 2006
Sede Centre Block, Colina do Parlamento, Otava (Ontario)
Páxina web http://www.parl.gc.ca/

O Parlamento do Canadá (en francés, Parlement du Canada; en inglés, Parliament of Canada) é o órgano que exerce o poder lexislativo do Canadá. Está localizado no Outeiro do Parlamento, na capital do país, Otava (Ontario).

De acordo coa Lei da Norteamérica británica de 1867, o Parlamento do Canadá está constituído polo Monarca do Canadá (actualmente a raíña Isabel II), o Senado e a Cámara dos Comúns. O Monarca é o xefe de estado do país, representado oficialmente polo Gobernador Xeral (actualmente Michaëlle Jean). Este aproba os 105 membros do Senado, quen son designados polo Primeiro Ministro do Canadá. Os 308 membros da Cámara dos Comúns son elixidos directamente pola poboación do país, cada membro representa un dos 308 distritos electorais nos cales está dividido o país.

A Cámara dos Comúns, ou "cámara baixa", é a rama dominante do Parlamento do Canadá. O Senado, ou "cámara alta", raramente oponse ás vontades da Cámara dos Comúns, e as tarefas do Monarca e do Gobernador Xeral son principalmente cerimoniais e simbólicas. O primeiro ministro e o Gabinete necesitan ter o apoio da maioría dos membros da Cámara dos Comúns para permanecer no cargo, pero non a confianza do Senado ou do Monarca.

Composición[editar | editar a fonte]

A Coroa[editar | editar a fonte]

A súa excelencia Michaëlle Jean, gobernadora seral do Canadá.

A raíña do Canadá, actualmente a súa maxestade a raíña Isabel II representa un dos tres compoñentes do Parlamento. As funcións do monarca son delegadas ao Gobernador Xeral do Canadá (actualmente a súa excelencia Michaëlle Jean), que é designado pola raíña baixo recomendación do primeiro ministro. Os gobernadores xerais serven oficialmente tanto tempo como o desexe a raíña, pero na práctica o seu termo é quinquenal. Aínda que a raíña e o gobernador xeral teñen poderes importantes teóricos, exérceno en realidade só raramente. En lugar diso, exercen un papel cerimonial, utilizando o seu poder político baixo recomendación do primeiro ministro e do Gabinete.

O Senado[editar | editar a fonte]

A Cámara alta do Parlamento do Canadá é o Senado. A súa finalidade é representar as provincias canadenses, os senadores son seleccionados polo primeiro ministro e logo nomeados polo gobernador xeral. Para facerse senador, é necesario ter polo menos trinta anos de idade, ser súbdito da raíña británica e titular dunha propiedade dun valor mínimo de 4.000 dólares canadenses. O senador debe posuír unha terra e vivir nela na provincia na que está considerado para representar. Aínda que anteriormente os senadores eran nomeados de por vida, actualmente cesan no seu posto á idade de 75 anos. Poden ser destituídos das súas funcións se omiten presentarse a dúas sesións consecutivas do Parlamento.

A constitución agrupa as provincias canadenses en catro divisións distintas, cun número igual de senadores: vinte e catro para Quebec, vinte e catro para Ontario, vinte e catro para as "Provincias Marítimas" (dez para Nova Escocia, dez para Novo Brunswick e catro para a Illa do Príncipe Eduardo) e outros vinte e catro para o chamado "Oeste do Canadá" (seis para cada un, Manitoba, Columbia Británica, Saskatchewan e Alberta). Terra Nova e Labrador, que non se converteu nunha provincia ata 1949, non forma parte de ningunha división e está representada por seis senadores. Ademais, os tres territorios (Territorios do Noroeste, Yukón e Nunavut) posúen cadanseu representante senatorial.

O Senado consiste pois, de forma habitual, en 105 membros. O gobernador xeral pode con todo aumentar catro ou oito senadores ao grupo, pola súa vontade e de acordo coa raíña. As catro divisións deben con todo estar sempre igualmente representadas. Este poder foi utilizado unicamente unha soa vez en toda a historia canadense, a petición do primeiro ministro Brian Mulroney en 1990 para asegurar a adopción da lei que creaba a "Taxa sobre produtos e servizos". O máximo absoluto de senadores non pode exceder os 113 representantes.

A Cámara dos Comúns[editar | editar a fonte]

A Cámara dos Comúns está tapizada en verde, cor que deriva da Cámara dos Comúns do Reino Unido.

O compoñente do Parlamento canadense elixido democraticamente é a Cámara dos Comúns. Está constituída por deputados que representan cada un a un distrito electoral distinto e elixidos no mesmo distrito coa axuda do método de escrutinio uninominal maioritario a unha volta. Deben ser obrigatoriamente cidadáns canadenses e de polo menos 18 anos de idade. Os deputados están en función ata que dimitan ou ata que o Parlamento sexa disolto, e poden ser reelixidos un número ilimitado de veces.

A constitución non fixa o número máximo de deputados da Cámara dos Comúns, e é reaxustado cada década en función dun censo. A Cámara debe consistir nun mínimo de 282 escanos, dos que tres son reservados para os territorios. Os 279 escanos restantes son asignados ás provincias segundo a súa poboación respectiva. Con todo, a "cláusula senatorial" garante en cada provincia polo menos a tantos deputados na Cámara dos Comúns como senadores posúa a provincia. Ademais, a "cláusula avó" (en inglés grandfather clause, en francés clause grand-père) tamén garante en cada provincia polo menos a tantos deputados como tiña alí en 1976 ou en 1985. Como consecuencia destas dúas cláusulas, a Cámara dos Comúns polo tanto excede actualmente o número mínimo de membros, estando constituída por 308 deputados parlamentarios.

Ningún individuo pode posuír funcións en máis dunha Cámara do Parlamento. Aínda que posúen menos poder, os senadores ocupan unha posición máis elevada que os deputados na orde de precedencia do Parlamento. Os deputados son chamados comunmente Members of Parliament ou MPs en inglés.

Historia[editar | editar a fonte]

Parlamento de Kingston[editar | editar a fonte]

De 1841 a 1843, como consecuencia da Acta de Unión, a cidade de Kingston foi seleccionada para albergar ao parlamento da Provincia Unida do Canadá ou "Canadá Unido". Situado a medio camiño entre Montreal e Toronto, representaba un bo compromiso para estas dúas cidades que desexaban converterse en hóspedes do parlamento. A pesar disto, a súa gran proximidade cos Estados Unidos, que a poría nunha posición precaria que pasaría unha guerra e a súa falta de atractivo para os parlamentarios tivo como consecuencia que o parlamento fose trasladado soamente dous anos logo da súa mudanza a Kingston. Os habitantes da cidade, desexando conservar o seu título de capital do Canadá Unido, chegaron a ofrecerlle un totalmente novo edificio do parlamento ao goberno, pero a elección dos parlamentarios xa estaba feita.

Parlamento de Montreal[editar | editar a fonte]

O parlamento de Montreal en ruínas, despois do incendio de 1849.

En 1843, decídese que o parlamento da Provincia Unida do Canadá sería trasladado a Montreal, no interior do edificio do Mercado de Santa Ana. O mercado é renovado, constrúense oficinas na planta baixa e salas de asemblea nos pisos. Os parlamentarios instálanse oficialmente o 24 de xuño de 1845.

En 1845, sir Allan MacNab presenta un bill (proxecto de lei, como diriamos hoxe) na Cámara co fin de indemnizar aos habitantes do Alto Canadá que sufriran perdas materiais a consecuencia da Rebelión do baixo Canadá de 1837-1838, excluíndo ao Baixo Canadá, onde tiveran lugar a maior parte das rebelións e os danos. Os torys, entón no poder baixo o goberno de William Henry Draper, non podían concibir que fose pagada unha indemnización aos habitantes do baixo Canadá, pois eran considerados como rebeldes. O goberno Draper non puido con todo frear a urxente demanda de indemnización que viña dos habitantes do baixo Canadá e prometeu liberar un importe de 10.000 £, o que provocou un clamor de protestas dos dous Canadá, uns que atopaban o importe ridículo, e os outros que se negaban a indemnizar a aqueles a quen consideraban como rebeldes. En 1847, lord Elgin é enviado ó Canadá en substitución de lord Cathcart, devolto a Londres. Nas eleccións seguintes, que porían no poder unha coalición do partido reformista dirixido por Denis-Benjamin Papineau e dos torys de William Henry Draper. O goberno, agora forte dunha representación franco-canadense, promulga a Lei sobre a indemnización das persoas que sufriron perdas durante a rebelión de 1837-1838 no Baixo Canadá, que excluía aos habitantes desterrados ou formalmente culpables de traizón. Un importe de 100.000 £ é entón posto á súa disposición. O 9 de marzo de 1847, a proposición é finalmente adoptada por 47 votos a favor e 18 en contra na Asemblea lexislativa e o 15 de marzo polo Consello lexislativo por 20 votos contra 14. O 11 de marzo de 1848, os reformistas, entón dirixidos por Robert Baldwin e Louis Hippolyte Lafontaine son reelixidos cun goberno maioritario. O 25 de abril de 1849, o gobernador xeral lord Elgin sanciona a lei.

O mesmo día, James Moir Ferres, o redactor xefe do diario montrealés "The Gazette" publica un panfleto que chama a manifestarse con violencia contra esta lei nos Champ-de-Mars:

[...] A lei das perdas da rebelión.
E a vergoña eterna da Gran Bretaña.
A rebelión é a lei do chan. […]
O fin comezou. Anglosaxóns, debedes vivir para o futuro,
o voso sangue e a vosa raza serán en diante a vosa lei suprema, se sodes fieis a vós mesmos.[…]
O pobo debe reunirse na Praza de Armas, esta tarde ás oito.
Ao combate, é o momento.

O "Times" de Londres ía denunciar ao xornal por esta chamada. Un xentío de polo menos 1.500 persoas[1] reuníronse con todo nos Champ-de-Mars para protestar contra a adopción desta lei. Logo duns discursos inflamados, o xentío, dirixida polos tories preséntase diante do Parlamento canadense situado na praza de Youville e incéndiao, logo de expulsar aos deputados. Unha das bibliotecas máis antigas de Occidente, logo das da Cámara dos deputados en París e do Congreso en Washington foi destruída. Dos case 22.000 volumes[2] que compuñan a colección, que tamén comprendía as antigas coleccións do Alto e do baixo Canadá, soamente entre 100 e 200 serían salvados, así como un retrato da raíña Vitoria. A maza parlamentaria, roubada durante os acontecementos, será finalmente devolta ao Orador do parlamento no seu hotel.

Do 26 de abril ao 7 de maio do mesmo ano, os deputados reuníanse no Mercado de Bonsecours logo nun teatro na rúa Notre-Dáme, á espera da designación dun novo edificio para o parlamento.

Parlamento de Toronto/Quebec[editar | editar a fonte]

En 1849, decidiuse que a capital sería alternativamente trasladada cada catro anos entre as cidades de Toronto e Quebec, antigas capitais respectivamente do Alto e do baixo Canadá antes da Acta de Unión. Cada cidade xa dispuña dun edificio que podía aloxar ao parlamento, polo que estiveron mellor dispostas que en Kingston e moito mellor establecidas.

A primeira sesión parlamentaria efectuouse en Quebec, no edificio do corpo lexislativo que tamén foi vítima dun incendio en 1854. A segunda efectuouse en Toronto. Con todo, un parlamento nómade estaba lonxe de compracer a todos, entre os que estaban en primeiro lugar os deputados.

Parlamento de Otava[editar | editar a fonte]

Edificios do parlamento orixinais, antes do incendio de 1916.

En 1857, o parlamento é trasladado a Otava en resposta a unha decisión da raíña Vitoria. Esta decisión sorprendente, tendo en conta o carácter rural e afastado da cidade na época, foi criticada por moitos que preferían cidades mellor establecidas tales como Montreal, Toronto ou Quebec.

O seu emprazamento foi escollido en función á súa proximidade coa fronteira canado-americana e do seu emprazamento limítrofe entre o Alto Canadá (actualmente Ontario) e o Baixo Canadá (hoxe Quebec).

A construción dos edificios do parlamento canadense actual, sede do goberno federal, comezou o 20 de decembro de 1859 en Barrack's Hill, que se convertería no Outeiro do Parlamento. Os traballos, enormes, non tiñan comparación en América do Norte. A primeira pedra foi colocada o 16 de abril 1860 logo, o 1 de setembro do mesmo ano, a pedra angular foi colocada por Eduardo VII, príncipe de Gales. De 1861 a 1863, a construción debeu ser interrompida por mor dos sobrecustos, para acabarse finalmente en 1876.

A primeira e única sesión do parlamento da Provincia Unida do Canadá levouse a cabo o 6 de xuño 1866, aínda que os traballos non se acabaron por completo. O 1 de xullo de 1867, cando o estatuto de Dominio británico do Canadá é concedido por Inglaterra en resposta ao Acta da Norteamérica británica, o Parlamento do Canadá en Otava é escollido como sede do goberno.

Acta da Norteamérica británica de 1867[editar | editar a fonte]

É pois só en 1867 cando se forma o parlamento actual, coa unión da Provincia do Canadá (Canadá Unido), Nova Escocia e Novo Brunswick nunha soa entidade, o Dominio do Canadá. O novo parlamento así creado está composto pola raíña de Inglaterra (representada polo gobernador xeral), o Senado e a Cámara dos Comúns.

Unha influencia importante foi a Guerra Civil Estadounidense que, ao seu termo, mostraba a moitos canadenses as lagoas do sistema federal tal como existía entón nos Estados Unidos. Consecuentemente, o modelo consistente en varios estados fortes, unidos por un goberno central máis débil, foi rexeitado. A Acta da Norteamérica británica limitaba en efecto o poder das provincias especificando que toda competencia non explicitamente relegada ao nivel provincial volvía de facto baixo a autoridade do goberno federal.

Con todo, se a Acta da Norteamérica británica dotou de máis poder ao parlamento federal, o Parlamento británico conservaba a súa autoridade sobre o Canadá: ningún acto canadense podía derogar unha lei proveniente do Reino Unido. Ademais, o goberno británico continuaba representando o conxunto do Imperio no estranxeiro.

Estatuto de Westminster de 1931[editar | editar a fonte]

Edificio central do parlamento actual, Ottawa.

Máis autonomía foi acordada polo Estatuto de Westminster en 1931. En efecto, o acordo permitíalle ao parlamento canadense emendar ou rexeitar as leis británicas (unicamente no Canadá). Con todo, non lle permitía ó Canadá modificar a súa constitución, incluíndo o Acta da Norteamérica británica (e outras leis constitucionais que a emendan). O parlamento canadense (federal) debía solicitar ao parlamento do Reino Unido votar toda emenda á constitución canadense.

Poderes limitados de emenda á constitución foron acordados por un acto do parlamento británico en 1949, data da entrada de Terra Nova e Labrador na federación. Con todo non era aínda posible cambiar fundamentalmente a constitución canadense (unha lei británica). Imposible, por exemplo, redistribuír as reparticións das competencias entre os parlamentos federal e provinciais ou o estatuto do francés e do inglés.

Lei sobre o Canadá (1982)[editar | editar a fonte]

A última petición de emenda constitucional por parte do parlamento do Canadá ao parlamento británico foi en 1982, coa petición logo da adopción da lei de 1982 sobre o Canadá (Canada Act en inglés). A lei foi sancionada no Outeiro do Parlamento pola súa Maxestade Isabel II o 17 de abril de 1982. Esta lei puña termo á supremacía da lexislación británica sobre o Canadá e a autoridade de emendar a constitución foi transferida ás autoridades lexislativas canadenses.

A repatriación da constitución canadense foi o obxecto de longos debates entre o goberno federal e as provincias, estas últimas non querendo ver o seu poder reducirse a po en proveito do goberno central. Numerosas negociacións efectuáronse para rematar finalmente nun acordo entre o primeiro ministro canadense Pierre Elliott Trudeau e o conxunto dos primeiros ministros provinciais, coa única excepción de Quebec, apartado das negociacións no último minuto. A noite en que sucederon estes acontecementos foi chamada simbolicamente "noite dos coitelos longos", en referencia á noite dos coitelos longos alemá acaecida en 1934, durante a cal as persoas que ameazaban o estatuto político de Adolf Hitler, foron apartadas das altas esferas do partido nazi. Quebec é pois a única provincia que non asinou a constitución canadense, aínda que pola súa presenza dentro da federación canadense, a súa aplicación ten alí forza de lei o mesmo que en calquera outra parte do Canadá.

A maioría das emendas necesitan actualmente o consentimento do Senado canadense, da Cámara dos Comúns canadense e dos dous terceiros das Asembleas lexislativas das provincias que representan unha maioría (50% ) da poboación canadense. O consentimento unánime das Asembleas lexislativas provinciais é requirido para certas emendas, que concernen particularmente á Raíña, o gobernador xeral, os tenentes gobernadores provinciais, as posicións oficiais das linguas inglesa e francesa, a Corte Suprema do Canadá e as fórmulas das propias emendas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entre 1.500 e 5.000 persoas, segundo as fontes.
  2. 22.000 segundo a Asemblea nacional de Quebec, 20.000 segundo a Acción nacional e 12.000 segundo o Parlamento canadense.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Parlamento do Canadá