Pólder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pólder.
Imaxe dun pólder nos Países Baixos, tomada dende un satélite

Pólder é un termo neerlandés que define as superficies terrestres gañadas ao mar. Esta técnica utilizouse por primeira vez no século XII, na rexión de Flandres. Os holandeses convertéronse en auténticos mestres na arte de conquistar as terras situadas na beiras do mar, que se achan ao seu mesmo nivel ou inferior, para darlles deste xeito un aproveitamento agrícola.

Un dos exemplos máis significativos de pólder atopámolo no lago de IJssel, parcialmente desecado e cultivado. Este tipo de técnicas foron aplicadas noutros lugares do mundo: consisten en illar por medio de diques un espazo cuberto polo mar, permanentemente ou durante a marea alta. A desecación realízase mediante o bombeo cara ao mar do excedente de auga da cubeta artificial resultante, construíndo a continuación unha rede de drenaxes e canles que avenen as augas pluviais e eviten o encenagamento dos chans. Este proceso dá lugar a unha paisaxe xeométrica, animado outrora por bombas de auga movidas polo vento, en forma de muíños, cuxa función era activar as maquinarias de captación da auga, co fin de reconduci-la a través do sistema de canles.

Por extensión, o término «pólder» aplícase a todos os terreos húmidos (como marismas, lagos e chairas aluviais) que foron desecados con fins agrícolas, industriais ou portuarios. Fóra dos Países Baixos, construíronse pólders principalmente en Francia (antigas marismas costeiras de La Vendée, Saintogne e Flandres), en Italia (na Toscana, o Lazio e o Véneto), en España (en Andalucía, no Alt Empordà en Cataluña), en Israel (Val de Jule), en Portugal, en Xapón e en Exipto.