Misterio (teatro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Misterio de Elx, escena do descenso do anxo na "Mangrana".

O misterio é un drama relixioso cristián medieval que pon en escena pasaxes das Sagradas Escrituras e, con preferencia, da vida, paixón e morte de Xesús. Desenvolvéronse en gran parte de Europa entre os séculos XIII e XVI. Ao primeiro representábanse dentro dos templos ou nos pórticos, e máis tarde nas prazas das cidades e vilas pero sempre autorizadas e amparadas polas autoridades eclesiásticas.

Significados e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O termo misterio (do latín «mysterium», cerimonia) fai referencia ao tipo de representación mais tamén está en relación co mester, oficio dos gremios responsables de conservar e representar estes dramas relixiosos.[1]

A súa orixe está nos diálogos dramatizados en latín que se realizaban no interior dos tempos que no percurso do tempo van evolucionando:[2], con diálogos máis elaborados e con acción dramática, cunha tendencia a aumentar o número de participantes na representación, integrando actores laicos, e a partir de 1210 en exclusiva, ao prohibir unha bula papal a actuación dos relixiosos , abandonando o interior das igrexas, saíndo ás rúas e por veces facéndose itinerante, utilizando a lingua vulgar en contraposición co emprego do latín nos oficios e ampliando a temática relixiosa, máis alá da vida de Xesús, contando as vidas dos santos ou os milagres da Virxe, liberando o modelo do drama sacro do xugo relixioso, mesturándose en certo xeito co teatro profano medieval.

Diferentes tradicións[editar | editar a fonte]

Misterios franceses[editar | editar a fonte]

Representación do misterio de Santa Apolonia segundo unha miniatura do Libro das horas de Étienne Chevalier

En Francia os misterios franceses coñeceron un gran desenvolvementos, chegando algúns a ser moi longos, con máis de 60.000 versos, centos de personaxes e representacións que duraban varios días e que se celebraban en catedrais, como as de Nevers, Reims, Orleáns ou Compiègne por mor das celebracións do Nadal, Epifanía, Ascensión e San Xoán Bautista. Son multitude as obras coñecidas, pero a peza mestra sobre a que se asenta o xénero é Le Jeu d'Adam [3], do século XII, outras pezas coñecidas son Le Mystère de la Passion, atribuído a Eustache Marcadé (c. 1425) ; 24 944 versos e catro días de representación, Le Mystère du siège d'Orléans, (1439) Le Mystère de Troie, de Jacques Millet (1463),La Passion, de Arnoul Gréban (1452); 34 574 versos, 400 personaxes e catro días de representación, Le Mystère des Actes des Apôtres, de Simon e Arnoul Gréban; 60 000 versos e 494 personaxes, La Passion, de Jean Michel (1486) ; 65 000 versos, La Résurrection, de Jean Michel, 20 000 versos, 105 personaxes e tres días de representación, 3 journées de représentation.

Misterios occitanos[editar | editar a fonte]

Dos misterios occitanos do século XIII apenas se conservan restos, constituíndo o século XIV é o período máis orixinal do misterio occitano[4], con dúas pezas importantes, a Passion Didot e sobre todo Jeu de Sainte Agnès, considerada a obra máis remarcable do teatro occitano anterior a 1500[5]. Os século XV e XVI foron fecundos con numerosas mencións nas fontes históricas de celebracións de misterios, dividíndose os textos conservados en dous grupos, os coñecidos como misterios rouergats, conservados un códice, e que tratan da creación, a historia de Cristo e o xulgamento definitvo e outro grupo de carácter haxiográfico como Istorio de Sanct Poncz ou Istoria Petri et Pauli, con algunhas pezas que non se encadran en ningún dos dous grupos como Ludus sancti Jacobi ou Lou Mysteri des Rampans

Misterios cataláns[editar | editar a fonte]

Hai abondosos documentos conservados sobre o drama sacro medieval nos territorios de lingua catalá. Xa en 1380 hai noticias da representación na diocese de Xirona, do Misteri del Martiri del molt gloriós Sant Esteve; e nesa época tamén dos misteris del Bisbetó en Montserrat. E entre os últimos, o Victoria Christi, escrito por Bartolomé Palau no século XVI. Pero o máis coñecido é o Misteri de Elx, que se escenifica cada 14 e 15 de agosto no interior da Basílica de Santa María desde a segunda metade do século XV. É única por se representar sen interrupción ata a actualidade, superando a prohibición que desde o Concilio de Trento había para representar obras teatrais no interior das igrexas, grazas a unha bula concedida polo papa Urbano VIII en 1632.

Misterios casteláns[editar | editar a fonte]

En castelán o exemplo máis antigo é o Auto de los Reyes Magos, de finais do século XII e representada en Toledo, seguindo as tradicións desenvolvidas nas catedrais francesas. Consérvanse moitas obras, as máis coñecidas son Nacimiento de Nuestro Señor de Gómez Manrique, que se representaba no mosteiro de Calabazanos), da segunda metade do século XV; a Tragedia llamada Josephina de Miguel de Carvajal e oAuto de las Cortes de la Muerte de Carvajal e Luis Hurtado, ámbalas dúas do século XV; e a Farsa sacramental en coplas de Hernán López Yanguas, contra 1520. Da tradición dos misterios casteláns xurdiu o Auto sacramental que perviviu ata o século XVIII.

Misterios italianos[editar | editar a fonte]

Coñecidos como «sacre-rappresentazione», desenvólvense entre os séculos XV e XVI: Rappresentazione di Sant'Orsola vergine et martire’’, La rappresentazione dei Santi Giovanni e Paolo, de Lourenzo de Medici; Rappresentazione di San Giorgio come ferisce il drago, de Feo Belcari ou Rappresentazione di Santa Guglielma, de Antonia Pulci (1452-1501)

Misterios ingleses[editar | editar a fonte]

Os misterios ingleses, coñecidos como «miracle-play», consérvanse reunidos en varias coleccións, York (84 pezas) Chester (con 24 pezas), Towneley (30 pezas) e a de Coventry (de 42 pezas), practicamente cada condado ou cidade importante tiña o seu ciclo.[6]

Eran os gremiales os encargados de ofrecer as representacións, cada un dispuña do seu propio recinto ou escenarios móbiles itinerantes.[7]

Misterios córnicos[editar | editar a fonte]

Coñécense tres misterios en córnico, coñecidos como Ordinalia, datados a finais do século XIV: Origo Mundi, Passio Christi e Resurrexio Domini .

Misterios alemáns[editar | editar a fonte]

Os mellores documentados son os de Santa Catarina de Alexandría e o de Santa Dorotea, ambos os dous do século XIV.[8] Aínda se representan as «Passionspiel» en Oberammengau, o o «Osterpiel» de Viena e algúnhas pezas natalicias como as «Weihnachtpiel».

Misterios croatas[editar | editar a fonte]

A partir do século XV desenvolvéronse misterios en croata na cidades do Adriático, sendo os máis coñecidos Mirakul slavne dive Marie, Prikazanje historije sv. Panucija e Prikazivanje života sv. Lovrinca

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gómez García, Manuel. Diccionario del teatro. pp. 557 - 558. ISBN 8446008270.
  2. Oliva, César y Torres Monreal, Francisco, "Historia básica del arte escénico", pp. 82-83
  3. Accarie, Maurice (2004) Théâtre, littérature et société au moyen âge Serre, páx. 27
  4. Henrard, Nadine (1998) Le théâtre religieux médiéval en langue d'oc, Droz, páx. 29
  5. Schulze-Busacker, Elizabeth Le thèaätre occitan au XIV siécle: le jeu de sainte Agnès en Braet, Nowé e Tournoy (1985) The Theatre in the Middle Ages, Leuven University Press pp. 130-193
  6. Oliva, César y Torres Monreal, Francisco, "Historia básica del arte escénico", p. 83
  7. Manuel Gómez García, "Diccionario del teatro", p. 554
  8. Manuel Gómez García, "Diccionario del teatro", p. 557