Lusacia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación de Lusacia en Europa.

Lusacia é unha rexión europea situada no leste de Saxonia e o sur de Brandeburgo, na actual Alemaña, ocupando tamén partes de Silesia en Polonia e na República Checa.

O seu nome é Lausitz en alemán, Łužica en alto sorabo, Łužyca en baixo sorabo, Łużyce en polaco, Lužice en checo, Uůžyce en silesio e Lusatia en latín.

A Lusacia alemá[editar | editar a fonte]

Mapa do século XVIII que mostra a Baixa Lusacia (en verde) e a Alta Lusacia (en amarelo).

Ocupa unha extensión duns 11 000 km2 aproximadamente. O nome, de etimoloxía soraba, significa territorio dos prados pantanosos ou país das brañas.

Hoxe en día vive nela a minoría étnica eslava dos sorabos, cuxos antepasados, os milceni, se instalaron no territorio no século IX. Unhas 60 000 persoas desta rexión (o 10 % da poboación) aínda falan o idioma sorabo, unha lingua eslava.

Na rexión distínguense dúas partes:

  • Alta Lusacia (en alemán Oberlausitz), no sur, recostada sobre as ladeiras e vertentes setentrionais dos Cárpatos, que engloba o actual territorio cultural de sorabo e ten por capital a Bautzen.
  • Baixa Lusacia (en alemán Niederlausitz), que ocupa chairas aluviais frecuentemente cubertas de bosques de faias, bidueiros, carballos e abetos, sendo frecuentes os ameneiros nas marxes dos ríos, lagos e cales artificiais, cuxa capital é Cottbus.

Rexións[editar | editar a fonte]

O territorio limita ao sur co segmento dos Cárpatos chamado en sorabo Lužické hory e en alemán Lausitzer Gebirge (en ambos os casos, Montes de Lusacia), tendo unha altitude máxima de 793 m (monte Luž ou (Lausche). Ao norte o territorio transfórmase rapidamente nunha chaira brañenta.

As zonas máis ou menos naturais nas que se pode dividir a Lusacia alemá son:

  • A Spreewald ou Selva do Spree, zona relativamente elevada respecto á das chairas situda ao lado de Lübbenau e atravesada por numerosas vías de auga, cuberta de bosques naturais e coñecida pola súa produción agrícola; está recoñecida pola UNESCO como "Reserva da biosfera".
  • A Lausitzer Seenkete ou Seenland (Terra de lagos), que presenta unha paisaxe de lagos artificais e canles destinados ao turismo, zona rehabilitada utilizando antigas minas de carbón a ceo aberto.
  • A Lausitzer Heide und Teichlandschaft (Chaira ou pradería de Lusacia), antiga rexión de piscifactoirías, datando as máis antigas delas da Idade Media, e que hoxe alberga numerosos animais que xa desapareceron doutras pertes de Europa.
  • A Lausitzer Bergland (Terra montañosa de Lusacia), no sur, cos montes de Zittau, os montes de Lusacia e as montañas de Jizera.

Os lagos artificiais[editar | editar a fonte]

A demanda de materiais combustíbeis medrou considerabelmente coa revolución industrial no século XIX e Lusacia transformose nunha potencia na extracción mineira de lignito. As escavadoras dos xacementos avanzaron até que non se encontrou máis carbón, e o territorio da Baixa Lusacia quedou cuberto de cráteres.

Cando se esgotaron os xacementos de carbón, despois de varios anos comezaron a inundarse algúns cráteres e foron aparecendo os primeiros lagos, como o Silbersee, nos anos 1950. Nos anos 1970 comezou un plan de acondicionamento da rexión, e xurdiron os lagos Knappensee, Senftenberger See e Erikasee.

Tras a reunificación de Alemaña, nos anos 1990, os gobernos rexionais puxeron en marcha o proxecto Lausitzer Seenkette (actualmente Lausitzer Seenland) para recuperar as máis de cen mil hectáreas de terreo con alto contido en xofre e con falta de auga polo bombeo subterráneo das antigas explotacións mineiras.

A meta é transformar uns 130 km2 en lagos artificiais para atraer o turismo e crear novas fontes de traballo, nunha das rexións máis castigadas polo desemprego en Alemaña. Os lagos estarán conectados entre si mediante unha rede de canles navegábeis, contando con distintas atraccións turísticas e deportivas. O proxecto, que supera os 5.000 millóns de euros, deberá estar completado en 2018, e 18 lagos conformarán a paiseaxe.

A rehabilitación das antigas canteiras da rexión constitúe un dos proxectos de recuperación medioambiental máis importantes dentro da Unión Europea.

Cidades e vilas[editar | editar a fonte]

Expansión da cultura lusaciana (en verde), 1300 a 500 a.C.

As cidades máis importantes da Alta Lusacia son Bautzen, Görlitz, Löbau, Zittau, Hoyerswerda, Kamenz, Bischofswerda, Luban (Polonia) e Liberec (República Checa). Na Baixa Lusacia encóntranse Senftenberg e Cottbus. En Spreewald (lieralemente "bosque do Spree") están Lübben e Luckau.

Ao sue, cerca da fronteira de Bohemia, ancóntranse algunhas grandes vilas, dedicadas á industria téxtil. Nesta rexión encóntranse construcións de madeira, representativas da arquitectura local tradicional. As vilas máis importantes son Großschönau, Ebersbach, Oppach, Sohland an der Spree e Wehrsdorf.

Algúns castelos e mansiómns antigas poden visitarse, e mesmo algúns, como o castelo de Lübbenau, están transformados en hoteis.

Galerías[editar | editar a fonte]

Reserva da biosfera[editar | editar a fonte]

Mapas[editar | editar a fonte]

Paisaxes[editar | editar a fonte]

Escudos e bandeiras[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brie, André & Alexander Schippel (2011): Lausitz - Landschaft mit neuem Gesicht. Petersberg: Michael Imhof Verlag ISBN 3-86568-538-2
  • Micklitza, Kerstin & André (2010): Lausitz. Berlin: Trescher Verlag Berlin. ISBN 978-3-89794-169-4
  • Vietinghoff-Riesch, Arnold von (2004): Der Oberlausitzer Wald - seine Geschichte und seine Struktur bis 1945. Spitzkunnersdorf: Oberlausitzer Verlag. ISBN 3-933827-46-9

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lusacia