Cultura lusaciana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa simplificado das culturas de Europa central contra o ano 1 200 a.C.
cor fucsia, cultura de Lusacia;
azul (central), cultura Knoviz;
vermella, cultura dos Campos de Urnas central;
laranxa, cultura dos Campos de Urnas norte;
marrón, cultura danubiana;
azul (sur), culturas terramaras;
verde, Idade do Bronce de Europa Occidental;
amarela, Idade do Bronce Nórdica.
Extensión da cultura lusaciana (en verde).
Exemplos de vasillas da cultura lusaciana.

A cultura lusaciana foi unha cultura centroeuropea pertencente á Idade do Bronce tardía e principios da Idade do Ferro (1 300 a.C.-500 a.C.) que se estendeu polo leste de Alemaña, a maior parte de Polonia e partes da República Checa, Eslovaquia e Ucraína. Abarca os períodos III (Cultura lusaciana temperá) ao V da cronoloxía norteeuropea.

Foi herdeira da cultura Trzciniec, e tiña algunhas influencias da cultura dos túmulos da idade do bronce. É contemporánea da cultura dos Campos de Urnas e da idade de bronce nórdica. No leste, sucedeuna a cultura Billendorf (Nowogród Bobrzański) a principios da Idade do Ferro. En Polonia permanece durante parte da Idade do Ferro, sucedédoa a cultura pomerana no norte, ao redor da desembocadurá do río Vístula.

Características[editar | editar a fonte]

A cultura lusacinana estivo en contacto coas culturas da idade do bronce nórdica, e a influencia escandinava no norte de Polonia e en Pomerania durante este período foi considerábel, e por iso inclúese ás veces na idade do bronce nórdica.

O rito funerario máis común era a cremación, sendo as inhumacións escasas. A urna aparece acompañada de numerosas vasillas, até 40. Son escasas as tumbas con obxectos metálicos, pero se encontraron tumbas con grandes tesouros de bronce e ouro como en Kopaniewo (Pomerania) ou en Eberswalde (Brandeburgo). Acháronse tumbas como a de Bataune en Saxonia con moldes que atestiguan a produción de ferramentas e armas de bronce no poboado. A tumba real de Seddin (Brandeburgo), cuberta por un gran túmulo, contiña numerosas vasillas de bronce e contas de cristal importadas do Mediterráneo. Os cemiterios podían ser bastante grandes e teren miles de tumbas.

Biskupin, en Polonia, e Buch, nas proximidades de Berlín, son famosos poboados pertencentes a esta cultura. Ambos os poboados son fortificacións construídas en cimas ou en zonas pantanosas. Os muros están fabricados con caixas de madeira cheas de terra ou pedras.

A economía estaba baseada principalmente na agricultura, como o atestiguan as numerosas foxas encontradas. O trigo e a cebada eran os cultivos principais; ademais cultivábase millo miúdo, centeo, avea, ervellas, fabas e lentellas. Tamén se encontraron restos de liño, mazás cultivadas, peras e ameixas. Os animais domésticos máis importantes eran o gando vacún e porcino, seguidos das ovellas, ocas, cabalos e cans. Debuxos encontrados en urnas de Silesia pertencentes á Idade do Ferro indican a monta de cabalos, que tamén eran usados para tirar de carros. Os homes desta cultura practicaban a caza, pero esta non achegaba máis que unha pequena cantidade da carne que consumían; atopáronse ósos de cervo, xabarín, bisonte, alce, lebre, raposo e lobo. En Biskupin o consumo de ancas de ra pode que fose habitual, pois acháronse grandes cantidades de ósos de ra.

Algúns arqueólogos consideran que os tesouros encontrados nalgunhas zonas pantanosas son ofrendas aos deuses. Acháronse ósos humanos en fosas de 5 m de profundidade en Lossow (Brandeburgo), o que pode indicar a existencia de sacrificios humanos e un posíbel canibalismo.

Historia das investigacións[editar | editar a fonte]

Rudolf Virchow (1821-1902), patológo e arqueológo alemán, foi o primeiro en describir os enterramentos do tipo 'Lausitz'. Este nome fai referencia á rexión de Lusacia, situada ao leste de Alemaña e en Polonia. O arqueológo identificou a cerámica como pre-xermana, pero refusou especular sobre a etnicidade e a identidade dos seus fabricantes.

Moitos autores checos (Píč, Niederle, Červinka) e polacos (Majewski, Józef Kostrzewski, Kozłowski) sosteñen que os lusacianos eran proto-eslavos, mentres que o arqueológo alemán A. Götze opina que eran Tracios, e Gustaf Kossinna identrifícaos como carpos.

Hoxe en día a maioría dos investigadores aceptan a idea da natureza cambiante dos grupos étnicos e máis ben intentan identificar os grupos prehistóricos descubertos pola arqueoloxía cos das fontes históricas escritas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Coles, J. M. & A. F. Harding (1979): The Bronze Age in Europe. London.
  • Dabrowski, J. (1989): "Nordische Kreis und Kulturen Polnischer Gebiete", in Die Bronzezeit im Ostseegebiet. Ein Rapport der Kgl. Schwedischen Akademie der Literatur-Geschichte und Altertumsforschung über das Julita-Symposium 1986. Ed. Ambrosiani, B. Kungl. Vitterhets Historie och Antikvitets Akademien. Konferenser 22. Stockholm.

Outros artrigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cultura lusaciana